Carral reivindicouse, unha vez máis, como capital da empanada. Trátase, xunto co pan, dun dos produtos estrela do municipio. Tal é a súa importancia, que esta é a protagonista dunha das citas gastronómicas de Carral desde hai xa case cincuenta anos. O Concello deu hoxe o pistoletazo de saída da corenta e nove Festa da Empanada. No acto estiveron presentes o alcalde, Javier Gestal, os concelleiros e concelleiras do equipo de goberno, e representantes das panadarías participantes na edición: Panadería Mercedes, Panadería Pedro Fernández, Panadería Cañás e Panadería Da Cunha.  

O evento gastronómico, un dos de maior tradición na comarca, terá lugar este xoves, 5 de setembro, a partir das 17:30 horas, e incluirá a venda e degustación deste produto e actuacións musicais.

Durante a presentación da cita, o rexedor sinalou que este evento “ten un gran arraigo, non só no municipio, senón que tamén se presenta como un evento gastronómico de referencia na comarca”. Gestal subliñou que a celebración non podería realizarse “sen o esforzo que realizan as panadarías, que teñen que dobrar o traballo para chegar ás cifras de venda”.

Nesta edición, as racións de empanada de bonito, bacallau e polo terán un prezo de 5 euros. No caso das variedades de zamburiñas, polbo e bacallau con pasas o prezo será de 7 euros. 

Ambientación musical

A cita gastronómica ofrecerá boa comida, pero tamén boa música. Así, están previstas varias actuacións de música e baile a cargo das seguintes agrupacións: grupo de música tradicional ‘Arnela’ e ‘Embruxo Gaiteiros’.

A música continuará á noite, a partir das 22:00 horas, da man das orquestras París de Noia e Zona Zero nas Festas do Socorro de Carral.

En relación ao convenio entre a Xunta de Galicia, a FEGAMP e SEAGA, en materia de prevención de incendios forestais, informámosvos do seguinte:

  • Vanse volver a realizar inspeccións do estado da xestión da biomasa nas faixas secundarias das parroquias definidas no Plan municipal de prevención e defensa contra incendios forestais do Concello.
  • Lembramos ás persoas propietarias das parcelas particulares dentro destas faixas que deberán levar a cabo a xestión de biomasa e retirada de especies arbóreas prohibidas.

O xoves, 5 de setembro, Carral celebrará a XLIX edición da súa Festa da empanada.

A exaltación e degustación da empanada dará comezo ás 17:30 horas, coa participación das panaderías Mercedes, Pedro Fernández, Cañás e Da cunha.

Ademais, na cita non faltarán as actuacións do grupo de música tradicional “Arnela” e Embruxo de Gaiteiros.

Carral clausura este venres, 30 de agosto, os cursos de natación impartidos ao longo deste mes nas piscinas municipais.

Neste día os nenos e nenas participantes poderán gozar dunha xornada lúdica, con diferentes xogos e actividades para o seu libre desfrute.

Un total de 61 nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 13 anos participaron nas clases, que foron impartidas por monitores especialistas e sempre coa presencia dun socorrista.

As sesións, de 45 minutos de duración, dividíronse en tres grupos segundo a súa idade e, en cada un deles, establecéronse dous: un de iniciación e outro de perfeccionamento.

Este mesmo día tamén terá lugar a clausura dos campamentos de verán, iniciados o pasado 1 de xullo e no que participaron arredor de 110 nenos e nenas por semana.

Ao longo destes dous meses, a cativada gozou de múltiples actividades nas instalacións deportivas do colexio Vicente Otero Calcárcel, no local interxeracional, nas piscinas municipais, no complexo deportivo de Paleo e na área recreativa da Brexa.

Todas elas permitíronlle coñecer máis sobre as diferentes disciplinas deportivas da localidade, dos deportes tradicionais e outros vencellados á natureza, etc.

Festa da auga e xadrez para despedir o verán

O sábado, día 31, terá lugar a cuarta edición da Festa da Auga para clausurar, así, a tempada de piscina, que pecharán as súas portas o 8 de setembro.

Esta actividade, que será de acceso libre, desenvolverase de 16:00 a 20:00 horas, tempo no que as persoas participantes poderán gozar de inchábeis e dunha festa da escuma para pechar a xornada.

Durante este tempo, co obxectivo de atender a sobredemanda de xente nas piscinas, reforzarase o servizo de socorrismo. Ademais, estará presente o servizo municipal de emerxencias e a agrupación de voluntarios de Protección Civil.

De maneira paralela, no pavillón de Espiño levarase a cabo, entre as 16:00 e as 20:30 horas, a undécima edición do Torneo de Xadrez de Verán.

Agárdase a participación de, aproximadamente, 60 persoas de toda a xeografía galega. Estableceranse catro categorías: absoluta, sub14, sub10 e local. Recibirán trofeo os tres mellores de cada unha delas.

A competición, que contará con árbitro federativo, constará de sete roldas cun incremento de tres segundos.

Conectar ao público cos artistas a través dun espectáculo de pequeno formato. Ese é un dos obxectivos que a Concellería de Cultura busca cumprir co ciclo Músicas Íntimas de Carral. Na novena edición, que se celebrará esta fin de semana, o programa incluirá dous concertos a cargo de Iria Estévez e Leticia Rey.

Iria Estévez será a encargada de inaugurar o programa o sábado, 17 de agosto, ás 21.00 horas. Chegará ao municipio cun proxecto centrado na lusofonía, afondando en rexistros como o fado, a cantiga galega e a morna, entre outros. Iso si, a artista abrirá ás portas doutras músicas procedentes de lugares como Brasil, Cuba e México. Xunto con Gonzo Piña, Estévez leva varios anos actuando en festivais, actos culturais e salas de toda a xeografía peninsular.

O domingo, 18 de agosto, tomará a remuda Leticia Rey (21.00 horas). Durante o recital, a súa voz estará acompañada por Iago Mouriño ao teclado. Leticia Rey é a gañadora do Premio de Estudios Mans da Fundación Paideia e conta cunha das voces máis fermosas e persoais do panorama musical galego. A súa voz móvese entre a bossa nova, o bolero, o jazz vocal e o soul, incorporando tamén elementos do folk galego.

As actuacións levaranse a cabo na Casa da Cultura. A entrada é gratuíta pero o aforo é limitado, cunha capacidade máxima para 50 persoas. A apertura de portas será ás 20.45 horas.  

O vindeiro 28 de agosto, a OMIX de Carral, organiza un día multi-aventura en Sanxenxo. Sairemos do local Interxeracional ás 9:00 h . e regresaremos ó mesmo lugar ás 21:00 h.

Karts, circuítos arbóreos, tirolina, tobogán acuático, canoas, bicis acuáticas, tiro con arco e máis actividades para as rapazas e rapaces nadas/os entre o ano 2007 e 2012.

Se estás interesado/a envíanos por whatsapp (674 793 475), correo electrónico (omix@carral.es) ou entréganos na OMIX (Local Interxeracional) a inscrición – autorización que atoparás aquí abaixo, entre o 8 e o 22 de agosto. As prazas son limitadas, por orde de inscrición e con preferencia para empadroados/as.

O prezo é de 17 €, e é moi importante que non pagues ata que che confirmemos a praza!

Este xoves dará comezo o VIII Torneo de Pádel de Carral que se prolongará ata o próximo 15 de setembro.

En total foron 46 xogadores (23 parellas) os rexistrados nesta competición con formato de parellas e mixto. As parellas organízanse en función do seu nivel de xogo. Así no nivel A (medio-alto) inscribíronse 11 parellas, mentres no nivel B (medio-baixo) foron un total de 12 as parellas rexistradas.

A competición dará comezo o próximo xoves 8 de agosto e prolongarase ata o 15 de setembro. Durante as primeiras semanas (ata o 4 de setembro) disputarase unha primeira fase de liguiña por grupos, dos que se clasificarán os dous mellores para a fase eliminatoria (semifinais e final), que terá lugar entre o 9 e o 15 de setembro.

Os partidos, un total de 51, disputaranse en horario de serán, a partir das 19.30 h, podendo modificarse os horarios sempre co acordo entre as parellas enfrontadas. O obxectivo desta competición é o fomento do deporte entre a poboación adulta, así como posibilitar a práctica de novas modalidades deportivas aos habitantes carraleses. Por iso, a participación no torneo terá un carácter gratuíto.

Carral despediu, nos últimos días, os seus cursos de natación e pádel do mes de xullo, nos que participaron máis de 70 veciños e veciñas de todas as idades. No mes de agosto continuarán os cursos de natación para nenos e nenas, nos que participarán outros 62 pequenos.

Por un lado, as sesións de natación de xullo contaron con 53 nenos e nenas divididos en tres grupos en función das súas idades. Polo outro lado, os cursos de pádel congregaron a un total de 19 inscritos (un de 8 a 14 anos e outro para maiores de 15).

En canto aos cursos de natación de agosto, estas clases levaranse a cabo de luns a venres e ata o 30 de agosto. En canto aos horarios, as sesións faranse de 11.45 a 14.00 horas.

Así mesmo, o Concello iniciou, esta semana, o seu VIII Torneo de Pádel. O certame municipal prolongarase ata o 15 de setembro. As persoas participantes tomarán parte divididos en categorías en función da súa idade. Por unha banda, haberá unha escolar para mozos e mozas de 10 a 14 anos e, pola outra, a de adultos para persoas maiores de 15 anos. 

No 2023, ao Concello de Carral foille concedida unha subvención da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia dentro da liña de axudas a entidades locais de Galicia. A axuda estaba dirixida ao desenvolvemento do proxecto PIMA Cambio Climático para a realización de accións de mitigación e adaptación ao cambio climático.

A actuación que solicitou o Concello incluíu tanto a reforma dun espazo público orientada á naturalización e á atenuación do efecto illa de calor, como a unha campaña de sensibilización centrada en achegar á veciñanza do municipio a importancia da loita contra o cambio climático e as súas consecuencias.

A actuación de reforma dun espazo público orientada á naturalización rematou en xullo e consistiu nos traballos previos de adecuación de parte da rúa Manuel Jesús Méndez Búa para a escavación dos alcorques e a posterior plantación de 12 pradairos de Freeman. Esta actuación está considerada como unha das medidas de adaptación aos efectos do cambio climático máis interesantes na contorna urbana e, grazas a ela, pódese reducir o efecto de illa de calor das zonas urbanas, reducindo a temperatura da rúa mediante o sombreado das árbores. E polo tanto resultará nun espazo de cómodo paseo e estancia para a veciñanza, e que atenuará o risco de calor extremo e tamén incidirá na mellora da calidade do aire.

Tamén servirá para a naturalización da rúa, coa plantación de especies arbóreas que contribuirán ao desenvolvemento das especies de fauna e flora local. Esta medida axuda, polo tanto, á conservación e mantemento da biodiversidade na zona urbana. A iniciativa cumpre, en definitiva, co que sinala a Organización Mundial da Saúde (OMS): “unha cidade cunha infraestrutura verde ben planificada e ben administrada vólvese máis sustentable, mellora a calidade de vida, adáptase mellor ao cambio climático, reduce o risco de desastres e conserva os ecosistemas”.

Actuacións de sensibilización da cidadanía sobre o Cambio Climático

Co fin de fomentar a sensibilización da cidadanía sobre as causas e consecuencias do cambio climático realizáronse varias actuacións de concienciación sobre a importancia do papel de todos na loita contra o cambio climático. Unha parte destas actividades de sensibilización estiveron dirixidas ao alumnado de 1º de ESO do IES de Carral e as outras desenvolvéronse mediante unha convocatoria aberta dirixida a toda a poboación do municipio.

As actividades de sensibilización no IES de Carral consistiron nunha pequena charla sobre o Cambio Climático a partir da realización dun test sobre pegada ecolóxica que fixo cada participante e a partir do cal se abordaron de forma participativa e dinámica aqueles aspectos que máis interese espertaban no alumnado.

A continuación participaron no obradoiro de construción de refuxios de fauna (hoteis de insectos, caixas-niño para aves insectívoras e caixas-refuxio para morcegos) que axudan ao mantemento e conservación da nosa biodiversidade naquelas zonas máis urbanizadas.

Para finalizar, cada grupo participante realizou unha ruta ambiental camiñando ata a área recreativa da Brexa onde foron descubrindo numerosos aspectos do medio natural e da importancia da conservación das árbores e o bosque de ribeira para axudar á conservación dos nosos ríos. E remataron instalando os refuxios para morcegos e as caixas-niño para aves insectívoras en varias árbores da área recreativa, implicando así directamente ao alumnado na creación dun espazo de biodiversidade.

Xornada de sensibilización aberta ao público xeral

Estas xornadas de sensibilización no novo espazo urbano de naturalización de rúa, en convocatoria de toda a veciñanza do municipio e centrada na concienciación sobre a loita contra o cambio climático e o importante papel de toda a sociedade tanto nas grandes como nas pequenas accións que son necesarias neste eido.

Esta xornada foi encamiñada a facilitar as boas prácticas ou o bo uso da enerxía, auga e residuos nos nosos fogares, transporte… traballando actitudes e hábitos baseados na cultura da sustentabilidade. Na mesma se expuxeron varios carteis informativos e se exhibiron diversos elementos sobre enerxías renovables (xoguetes solares, forno solar..) sobre aforro da auga (aireadores, redutores de caudal….) ou a mostra dun compostoiro para reciclar os residuos orgánicos como forma de reducir o impacto climático do tratamento dos residuos domésticos.

Un panel informará sobre o Cambio climático e os beneficios das árbores en zonas urbanas

Ademais esta actuación incluíu a realización dun panel informativo con contidos orientados á conservación da fauna e flora autóctonas e á loita contra o cambio climático e que se centra especialmente en dar a coñecer a importancia das árbores nas zonas urbanas para reducir o efecto illa de calor entre outras moitos beneficios para o medio ambiente e a nosa saúde.

LISTADOS ADMITIDOS/RESERVAS – HORARIOS

INDICACIÓNS:

  • Datas e horario: 27 de xullo entre as 18.00 e as 19.00 h
  • Lugar: Centro Ecuestre Finca Abrigosa (San Vicente)
  • Destinatarios: A partir de 7 anos (preferencia empadroados/as).
  • Prezo: 25 € /persoa
  • Observacións para a inscrición:
  • Prazo dende o 22 (10:00 h) ao 25 (23.59 h) de xullo.
  • Prazas limitadas (6) / adxudicaranse por orde de inscrición
  • CRITERIOS DE ADXUDICACIÓN DAS PRAZAS: 
    • Por orde de inscrición ou ata esgotar a oferta
    • Preferencia aos empadroados/as.
  • Publicación das listas de admitidos: 26 de xullo.
  • Prazo de pago: na propia instalación ao rematar a actividade, en metálico

Máis información, no Complexo Deportivo de Carral (678.88.33.47 – complexo.deportivo@carral.es).