Como parte do protocolo para frear a expansión do coronavirus, o Concello de Carral puxo unha nova medida en marcha: a desinfección dos espazos públicos máis concorridos do termo municipal. Todos os días á primeira hora da mañá, os operarios percorren algúns dos lugares e puntos máis frecuentados de Carral para aplicar unha mestura de auga e lixivia, a solución recomendada polo Ministerio de Sanidad para executar os labores de desinfección.

Esta medida levarase a cabo de forma continuada e por un período de tempo indefinido. Estes traballos están realizándose nas inmediacións do centro médico de Carral, nos supermercados, farmacias, bancos, nos estancos e, en xeral, nos establecementos que seguen abrindo as súas portas.

O goberno local agradece o “esforzo e dedicación destes operarios”, así como de “todos os voluntarios e voluntarias que, de maneira anónima, levan aportado o seu gran de area desde o comezo deste confinamento”.

FOTO CARRAL- Labores desinfección Concello Carral 2

 📣📣👨‍👩‍👧‍👦👩‍👩‍👧‍👦👨‍👨‍👧‍👦👨‍👧‍👦👩‍👧‍👦Dende a Concelleria de Educación queremos facervos propostas para levar mellor estes días . Sempre co obxectivo de manter a vosa mente activa, fomentar a reflexión, a empatía(saber poñerse no que sinten os outros) e a resiliencia (agora que xa sabemos o que significa esta palabra tan “presente” na psicoloxía e á súa vez tan importante nas nosas vidas).
Xa que nos anuncian outros 15 días de confinamento💪💪..que estes días sexan entretidos e fomentemos quedar na casa que é o máis importante para superar esta situación.
➡️Propoñemos unha campaña #EUQUEDONACASA.
@s nen@s e moz@s, incluso conxunto de familias, empadroados en Carral que envien ao correo electrónico educacion@carral.es fotos con debuxos, frases ou ambos, facendo énfase a que hai que quedar na casa #euquedonacasa.
Os que o enviedes publicarémolos na páxina de facebook Educación Igualdade e Traballo, paxina oficial do concello de carral. Sería moi bonito (se queredes por suposto) que foran fotos do traballo realizado co nen@ ou coa familia se non tedes impedimento en que se publique a vosa foto na red social ou no panel informativo que temos na rúa.
Animádevos será moi divertido vernos a todos unidos por esta causa Carral queda na casa!!

La imagen puede contener: texto

A crise sanitaria actual provocada polo coronavirus non impide que o Concello de Carral siga prestando servizos básicos e fundamentais para os veciños e veciñas do municipio. Entre eles, o goberno local confirma que o Concello continuará dando apoio ás vítimas de violencia de xénero do municipio. Tal e como explican desde o equipo de goberno “o confinamento está obrigando a moitas mulleres a vivir cos seus agresores, aumentando os riscos de que se produzan episodios de violencia machista”. Ante esta situación, o goberno local lembra ás carralesas “que agora, máis que nunca, non están soas”.

Como comentan desde o goberno local, o protocolo nestes casos é claro: en primeiro lugar, a muller deberá denunciar esta situación no 016, e a Garda Civil encargarase da situación. Unha vez analizado o caso, poderá remitirse ao Concello de Carral para que se preste apoio e asesoramento xurídico á muller.

Os concelleiros e concelleiras lembran que o Goberno de Estado habilitou un servizo de apoio psicolóxico e de asesoramento xurídico ás vítimas mediante un sistema de mensaxería por WhatsApp –en horario de 8.00 a 22.00 horas-. As mulleres que necesiten recorrer a este servizo poderán utilizar os teléfonos 682 916 136 e 682 508 507.

Así mesmo, a través da aplicación AlertCops, as vítimas de violencia de xénero poderán enviar unha alerta que se recibirá, de maneira instantánea, nos servizos de atención das forzas de seguridade do Estado.

Por último, o goberno lembra que, aínda que as instalacións municipais permanecen pechadas, o Concello pon ao dispor dos veciños e veciñas os seguintes teléfonos:

Casa do Concello: 981 67 00 02
Servizos Sociais: 981 61 35 20
Policía Local: 981 67 00 02 e 689 544 311

 

Concello Carral informa aos veciños e veciñas sobre a realización de actividades agrarias no estado de alarma:

  •  Os agricultoras/as e viticultores/as profesionais poden desplazarse para realizar traballos de mantemento e coidado dos cultivos. Teñen que estar dados de alta no REAGA.
  • As persoas que teñan cultivos de autoconsumo poden realizar os desprazamentos impresicindibles para o mantemento e coidado dos cultivos a menos de 500 m da súa vivienda habitual. Non poderá haber mais de 2 persoas na leira e deberán cumprir coas medidas de prevención. Acreditarase mediante o carne de manipulador de produtos fitosanitarios.
  • Os permisos de queima están suspendidos.
  • Pódese sacar a pasear o can nas proximidades do domicilio e polo tempo xusto e necesario.

As persoas que precisen máis información poderán empregar as seguintes vías:

  • Teléfono: 678 33 88 96
  • Correo electrónico: maria.couto@carral.es

Consorcio As Mariñas informa de diferentes medidas sobre a xestión de resiudos durante o estado de alarma:

  • Deberase continuar coa separación de residuos maioritarios en materia orgánica e inorgánica, xunto coas recollidas selectivas de papel-cartón, vidro, aceite e téxtil nos colectores correspondentes. Os residuos orgánicos e inorgánicos só poderán depositarse nunha bolsa pechada hermeticamente ou dobre bolsa de ser necesario para evitar roturas e perdas de residuos no colector ou no camión.
  • Prégase dentro do posible a máxima colaboración cidadá, para que os residuos estean no exterior o menos tempo posible, realizando o depósito no colector despois das 20.00 horas e evitando baixar as bolsas as vésperas de domingos e festivos.
  • Non está permitido o abandono de bolsas de lixo no chan, fora ou ao carón do colector, e con máis fundamento nesta etapa de alerta sanitaria.
  • No caso de material utilizado como protección, isto é, mascarillas, guantes de goma, etc e aínda máis no caso de que exista algún residuo procedente de sospeitoso por coronavirus, extremaranse as medidas de hixiene e limpeza, debendo usar ata unha triple bolsa hermética e pechada para conter eses residuos sospeitosos ou procedentes de atención a esas persoas, de xeito que se minimicen as posibilidades de contaxio ao resto de veciños e as persoal de recollida e limpeza. Depositaranse no contedor de inorgánico.
  • Os puntos limpos permanecerán pechados ata próximo aviso
  • Continúa a funcionar o servizo semanal de recollida de voluminosos, mobles ou entullos domésticos, pero o seu funcionamento é exclusivamente previo aviso telefónico ao 981795524, onde lle darán as indicacións oportunas. De ningún xeito se autoriza a depositar os residuos voluminosos a carón dos colectores sen previo aviso.

 

Un grupo de profesorado realizou un recurso educativo en galego na web no seguinte enlace
http://aulasgalegas.org/aulas-galegas-o-proxecto/

“Aulas galegas é un portal educativo realizado por un colectivo de profesoras e profesores sen ánimo de lucro que cremos que ante a situación de illamento provocada polo coronavirus Covid-19 debemos ofrecerlle unha axuda educativa á sociedade.

Aulas galegas nace para axudar o alumnado, as familias e o resto de profesorado a atopar recursos e materiais educativos en galego.

A vocación deste portal educativo non é substituír as indicacións educativas que o profesorado lle faga ao seu alumnado no ensino regrado nin o papel das administracións educativas.

A nosa intención é ser unha fonte de recursos que sume no panorama educativo galego.

Para o alumnado e as súas familias publicaremos cada día material clasificado por nivel académico e materia para as etapas de Educación Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato. Compartiremos contidos educativos de elaboración propia feitos especificamente para esta iniciativa e tamén outros que xa existen e que paga a pena divulgar.

Para o profesorado imos crear unha sección organizada por departamentos didácticos onde se poidan atopar páxinas doutro profesorado galego desas materias.

Estamos na casa pero non estamos parados.

A educación en galego continúa”.

 

ANUNCIO

No Boletín Oficial da Provincia da Coruña nº 51, do 16 de marzo de 2020, publicáronse as convocatorias do Concello de Carral para as seguintes axudas ou premios:

-Axudas ao estudo do Concello de Carral para estudantes para o curso 2019/2020

 

-XXIII Premio de Poesía Concello de Carral

 

A Disposición Adicional 3ª.1 do Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 establece que “Se suspenden términos y se interrumpen los plazos para la tramitación de los procedimientos de las entidades del sector público. El cómputo de los plazos se reanudará en el momento en que pierda vigencia el presente real decreto o, en su caso, las prórrogas del mismo”.

 

En cumprimento do devandito precepto, os prazos e termos para a presentación de solicitudes en relación coas referidas convocatorias quedan respectivamente interrompidos e suspendidos e reanudaranse ou fixaranse de novo en canto sexa posible legalmente.

 

De todo isto dará conta no seu momento o Concello de Carral polos mesmos medios de publicidade establecidos nas respectivas bases reguladoras.

 

Carral, 18 de marzo de 2020

O ALCALDE

Francisco Javier Gestal Pose

29965_2020-3-18 CONCELLO DE CARRAL-Anuncio interrupción prazos premio poesía e axudas estudo.doc

 

 

Ante o estado de alarma, o Consorcio As Mariñas adoptou as seguintes medidas:

  • Os puntos limpos do Consorcio As Mariñas permanecerán pechados.
  • O punto limpo móbil tampouco sairá.
  • Mantéñense os servizos de recollida de residuos urbano en todas as súas fraccións, así como de mobles e enseres co fin de garantir a salubridade e o benestar dos veciños e veciñas.

Así mesmo, o Consorcio solicita aos cidadáns e cidadás o seguinte:

  • O cumprimento do horario habitual para tirar o lixo (a partir das 22.00 horas) e que extremen as seguintes condutas cívicas: tirar o lixo dentro do colector, absterse a baixar mobles e outros enseres sen aviso previo/previo aviso e non saturar os contedores con residuos non aptos como, por exemplo, podas.

As oficinas de atención ao público do Consorcio As Mariñas estarán pechadas ata novo aviso. Os prazos para a tramitación de procedementos quedan, ademais, interrompidos:

  • O teléfono 981 78 47 04 está dispoñible para consultas indispensables. A través deste número, daráselle aos veciños e veciñas as instrucións precisas.
  • Así mesmo, todas as consultas realizaranse, preferiblemente, por correo electrónico:

– Relacionadas coa taxa de lixos (altas, baixas, modificacións, etc.): registro@consorcioam.org.

– Propias de medioambiente (incidencias sobre recollida de lixo, problemas con contedores, etc.): medioambiente@consorcioam.org.

– Propias do Plan Coordinador de Servizos Sociais: gabinetepc@consorcioam.org ou ben asesoriapc@consorcioam.org.

– Para outras consultas de administración xeral: info@consorcioam.org.

– Para presentar solicitudes ou calquera documentación poderá facerse a través da sede electrónica, á que se poderá acceder a través da web do Consorcio.

Ante o estado de alarma decretado polo Goberno do Estado, o Concello de Carral adoptou diferentes medidas para reforzar as prestacións que se dan desde o departamento de Servizos Sociais. Con este protocolo, o goberno local busca evitar contaxios polo novo coronavirus, sen deixar de garantir “servizos necesarios para os veciños e veciñas do municipio que se atopan en situación de maior vulnerabilidade”.

Por un lado, o departamento de Servizos Sociais do Concello contactou con todos os veciños e veciñas inscritos no programa de Axuda Alimentaria para facer un reparto de alimentos. Algúns carraleses e carralesas recolleron presencialmente o seu lote de alimentos. Noutros casos nos que os usuarios e usuarias non podían acudir presencialmente, o reparto fíxose a domicilio. Desde o goberno local sinalan que “a despensa municipal conta con alimentos de reserva que se empregarán en casos de urxencia e faranse os repartos necesarios baixo demanda”. En todo caso, sinala o goberno, “serán os servizos técnicos municipais os que valoren esta urxencia”.

Por outro lado, o Servizo de Axuda no Fogar seguirá funcionando co fin de garantir unha “prestación fundamental para os veciños e veciñas maiores ou dependentes que viven sós ou soas”. Esta prestación deixará de realizarse, unicamente, nos seguintes supostos: en caso de o usuario ou usuaria solicite a cancelación deste servizo ou no caso de que o veciño ou veciña conte co apoio dunha 3º persoa que se poida facer cargo do seu coidado.

Desde o equipo de goberno fan un chamamento aos cidadáns e cidadás de Carral: “se algunha persoa é coñecedora de que un veciño ou veciña precisa dalgún tipo de axuda para adquirir produtos de primeira necesidade, medicinas ou cita médica, pode chamar ao Concello ou a Servizos Sociais”. Por exemplo, un membro do goberno local fíxolle hoxe a compra a unha veciña do municipio que vivía soa no seu domicilio. Neste tipo de situacións, os carraleses e carralesas poderán chamar ao 981 67 00 02 (Concello de Carral) ou ao 981 61 35 20 (Servizos Sociais).

Os veciños e veciñas que precisen máis información ou que teñan calquera dúbida poderán contactar co departamento de Servizos Sociais a través do teléfono 981 61 35 20. O horario de atención veuse reforzado, e será de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas.

Os concelleiros e concelleiras do goberno local agradecen o esforzo que están realizando desde o departamento de Servizos Sociais, así como a súa impicación e axilización no reparto dos alimentos do programa de Axuda Alimentaria.

Peche das instalacións municipais

Co fin de previr posibles contaxios, o Concello pechou as instalacións municipais. Só se atenderán presencialmente os casos urxentes –para fixar unha cita, os veciños e veciñas deberán chamar ao Concello-.

O goberno local solicita a colaboración de “toda a veciñanza para recuperar, canto antes, a normalidade”. Neste sentido, pídelles aos carraleses e carralesas que eviten saír das súas casas –agás para o estritamente necesario- e que cumpran coas indicacións e directrices da Xunta de Galicia, do Goberno de Estado e do Concello.

Por mor da situación provocada polo coronavirus, e atendendo á D.A. 3ª.3 do Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 “1. Suspéndense termos e interrómpense os prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público. O cómputo dos prazos reanudarase no momento no que perda vixencia o presente real decreto ou, no seu caso, as prórrogas do mesmo.”
Isto supón que a data para presentar obras ampliarase máis alá do 3 abril do 2020 fixado actualmente nas bases, notificándose a nova data límite no momento en que perda vixencia a norma citada. Asemade, a data prevista para a entrega do premio e presentación do libro gañador na anterior edición, tamén se ve afectada por esta situación, notificándose no momento oportuno a nova data para levar a cabo devandito acto.