Enxalzar, promover e dar a coñecer a extensa produción audiovisual de Galicia. Eses son os obxectivos que o Concello de Carral busca conseguir coa súa próxima proposta cultural: o Ciclo de Películas Documentais Galegas. Esta iniciativa busca, ademais, profundizar en diversos temas sociais, culturais, históricos e medioambientais de Galicia. Trátase da primeira edición deste programa, pero a intención do goberno local é que esta iniciativa se manteña na programación anual da concellería de Cultura. A nova proposta cultural comezará este venres, 24 de xaneiro. A Casa da Cultura será o escenario onde se proxectarán todos os documentais.
12 leiras estreará este novo ciclo. A produción é o froito do traballo do realizador Xosé Antón Bocixa e do escritor e historiador Xabier Maceiras. Este documental lembra a orixe do polígono de Sabón. En concreto, conta como os terreos que hoxe ocupan o parque foran, no seu momento, unha das principais despensas da cidade da Coruña. Despois da proxección haberá un coloquio con Xabier Maceiras, codirector da obra. Esta primeira proxección terá lugar este venres, 24 de xaneiro ás 20.30 horas.
Estruturas tomará o relevo o venres, 31 de xaneiro ás 20.30 horas. Este traballo, dirixido por Xosé A. Bocixa e Paco Galego, amosa as consecuencias que a explotación forestal, a acción humana, o crecemento poboacional e o abandono do patrimonio teñen sobre a paisaxe. Ao remate, haberá unha charla cos directores desta peza audiovisual.
O 3º e penúltimo día do ciclo terá lugar a proxección de Asolagados -7 de febreiro, 20.30 horas-, un traballo que relata a historia de varios pobos de Lugo que sufriron o anegamento do embalse de Belesar no 1963. O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida) colaborou co ciclo, a través do seu programa Butaca Verde, cedendo este documental.
O broche de ouro do ciclo chegará da man de Pedrón do Freixo. O protagonista deste documental é Pedrón, un home da parroquia de Freixo (As Pontes) que conta a súa vida, chea de duras experiencias. A través da súa propia historia persoal, o público poderá descubrir tamén a historia do Freixo, unha parroquia chea de vida hai un século. Unha vez remate o documental, haberá un coloquio posterior co director Ángel Cordero e con Cándido Díaz Mosquera –que foi profesor da Escola de Fotografía de Carral-.
I Ciclo de Películas Documentais Galegas