Este sábado, 16 de novembro, a partir das 18:50 horas, emitirase o programa da TVG ‘ Anacos de Vida’ centrado en Carral, na súa historia, a súa tradición e as súas xentes.
En ‘ Anacos de Vida’ percorren Galicia buscando as pequenas e grandes historias que hai detrás das mellores fotos antigas. En cada capítulo interactúan os maiores, que saben as historias que alberga cada imaxe, cos máis novos do municipio, que buscan este tipo de historias.
Este sábado ‘Anacos de Vida’ visitará Carral para descubrir por que o pan de Carral é único no mundo, á vez que coñecerán as fermosas historias de vida que hai ao redor dos panadeiros.
Ademais, participarán nunha homenaxe aos Mártires de Carral acompañando a Anxo Gómez e aos seus alumnos e alumnas nos preparativos desta festa. Ao longo do programa os máis pequenos tamén levarán a cabo unha investigación para descubrir a historia que se esconde detrás dunha foto misteriosa.
O Concello de Carral executou a obra de “Cubrición de pistas de pádel” (Subvencionada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural-Agader- 5.845,16 €-, co cofinanciamento do FEADER (UNIÓN EUROPEA)- 19.483,88 €- e do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación -649,46 € (axuda global de 25.978,50 € sobre o orzamento total de 51.956,99 €, IVE incluido)) ao abeiro da medida LEADER do PDR de Galicia 2014-2020, convocatoria 2018-2019, submedida 19.2).
A obra consistiu na cubrición das pistas de pádel situadas no complexo deportivo do Concello de Carral para posibilitar a súa utilización en condicións climatolóxicas adversas (de chuvia ou sol intenso).
De acordo co establecido no artigo 19.1.j).par 2º da resolucióndo 29 de decembro de 2016 pola que se publica o Acordo do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural do 29 de decembro de 2016 polo que se aproban as bases reguladoras das axudas que se tramiten ao abeiro da medida Leader (submedidas 19.2 e 19.4), cofinanciadas co Feader no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR), faise constar expresamente que a obra contou co FINANCIAMENTO DA UNIÓN EUROPEA segundo o antes indicado.
O pasado luns, 4 de novembro, dentro das actividades do programa TEI (Titoría Entre Iguais) tivo lugar o acto de nomeamento e entrega de diplomas acreditativos aos alumnos de 3º da ESO , que participan voluntariamente como titores de alumnos de 1º da ESO.
O acto , ademais do Equipo Directivo, profesorado e alumnado (de 1º e 3º) do Instituto, tamén asistiu a Concelleira de Educación do Concello de Carral, Mª Mercedes Caridad López, quen amablemente participou no evento facendo entrega de devanditos diplomas. Posteriormente procedeuse á presentación das parrellas de titores aos seus respectivos titorizados.
O programa TEI , titoria entre iguais é un programa para previr o acoso escolar de tal maneira que o alumnado que comeza no Instituto estea apoiado por alumnado maior en todo o que é a vida escolar diaria.
CURSO PARA APRENDER A BUSCAR EMPREGO
LUGAR: CENTRO FORMACIÓN ANTON FRAGUAS
DATAS: DO 25 DE NOVEMBRO AO 2O DE DECEMBRO
GRATUITO
DESTINATARIOS: PERSOAS DE 16 A 29 ANOS INSCRITAS NO PROGRAMA DE GARANTIA XUVENIL E DESEMPREGADAS
Formación troncal do plan integral de cualificación e emprego Camara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación da Coruña
Contacto para inscricións Cámara de Comercio 9-14h no 981216072-981918135
Máis información no Edif Social Toñito Espiñeira (Formación e Emprego) 981613520
Trinketrinke Teatro volve á Biblioteca municipal para que os ratos de Lonxedetodo conten as súaS aventuras ás nenas e nenos de 3 a 8 anos. Son as sesións de contacontos que prentenden fomentar a lectura entre os máis novos, que se levan a cabo o último xoves de mes ata maio do vindeiro ano.
A sesión do xoves 24 de outubro titúlase “O ratiño presumido” e comezará ás 18:00 h. O aforo é limitado, polo que é necesario retirar previamente os convites.
O Concello de Carral inaugurará esta fin de semana o seu Ciclo de Teatro de Outono, un evento anual que crece, ano tras ano, en cifras de asistencia. O programa da nova edición conta con nove funciones teatrais moi diversas. Así, ao longo do ciclo, haberá representacións para todos os públicos e con temáticas moi diversas. A maioría das obras están enmarcadas dentro da Rede Cultural da Deputación da Coruña. Unha delas, Iriña Bailarina (Teatro dúas Gazafelhos), realizarase a través da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia.
O grupo Charamusca Teatro, natural de Carral, dará o pistoletazo de saída mañá, sábado 19 de outubro ás 20.30 horas, no Local Social Xente Nova de Tabeaio. Farao coa estrea O convidado, unha comedia dirixida por José Leis.
Xurxo Cortázar tomará a substitución unha semana despois, o 26 de outubro, co seu espectáculo Desconexión –Local Social Xente Nova de Tabeaio, 20.30 horas-. O humor e a reflexión mestúranse nesta obra, que relata a historia dun boneco de semáforo.
A compañía O Aturuxo de Melpómene aterrará o 2 de novembro ás 20.30 horas no local de Tabeaio. Nesta ocasión, a agrupación subirase ao escenario con Algo pasa con Paco, unha comedia de maxia e enredos na que Paco, o protagonista da historia, aprenderá que a vida non só é branca ou negra, senón que está chea de cores.
Chévere traerá, o sábado 16 de novembro, a súa obra Fillas Bravas, na que as mulleres cobran un papel protagónico. Así, a través da música da pandeireta e das súas propias voces, tres mulleres contarán historias ao público asistente. Unha vez máis, a representación terá lugar no Local Xente Nova de Tabeaio ás 20.30 horas.
Teatro Atlántico deleitará aos veciños e veciñas coa súa obra Dúas donas que bailan o sábado, 23 de novembro, ás 20.30 horas en Tabeaio. A través desta función, a compañía fará reflexionar ao público sobre a situación das persoas maiores que viven soas: a súa relación cos seus coidadores e coidadoras e a súa forma de ver a vida, entre outros aspectos.
O Teatro dous Gazafelhos traerá o seu espectáculo Iriña Bailarina o domingo, 24 de novembro, ás 12.00 horas ao Toñito Espiñeira. Esta función está dirixida ao público infantil e familiar.
Andaravía Teatro chegará a Tabeaio coa súa comedia República de Gundián. A cita está prevista para o sábado, 30 de novembro ás 20.30 horas, no Local Xente Nova de Tabeaio.
O sábado, 7 de decembro, Cayetano Lledó regresará a Carral con Le Cirque –Local Xente Nova de Tabeaio, 20.30 horas-. Durante a función, Lledó mesturará a maxia e unha posta escénica en grao sumo espectacular para representar a diferentes personaxes que forman parte dun circo.
Baobab Teatro será a encargada de pechar o Ciclo de Teatro con Puño Puñete. Esta función está dirixida ao público infantil, e levará a cabo o sábado, 14 de decembro ás 19.00 horas, no Local Xente Nova de Tabeaio.
O acceso para asistir a calquera destas funcións é libre e gratuíto. Rógase, iso si, puntualidade para acudir ás representacións teatrais.
A ASOCIACIÓN RÍO BARCÉS (CAÑÁS- CARRAL) ORGANIZA UNHAS XORNADAS MICOLÓXICAS:
– VENRES 15 DE NOVEMBRO CLASE TEÓRICA DE 20:00 A 22:00
– SÁBADO 16 DE NOVEMBRO SAÍDA Ó CAMPO DE 9:30 A 13:30
PREZO 10 EUROS
TELÉFONO 620504965 (CARLOS)
OPCIONAL
MENÚ DEGUSTACIÓN A BASE DE COGOMELOS NA TABERNA SXXI
PREZO: 10 EUROS
A compañía galega Larei Lará presentou o xoves 10 de outubro o espectáculo Brancaneves e os 7 para nenas e nenos de educación infantil de Carral e Tabeaio. Con esta función iniciouse o programa do festival Galicreques en Carral.
A segunda e última función de Galicreques terá lugar o vindeiro domingo, ás 18:00 h, no local Xente Nova de Tabeaio. A compañía A Xanela do Maxín ofrecerá a posta en escena do coñecido conto A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza, para idades superiores aos 2 anos de idade. A toupiña saía do seu tobo e algo lle caeu na cabeza, a modo de pucho cheirento. Daquela, percorrerá a granxa investigando -moi indignada- cal dos animais que alí viven lle fixera semellante agravio: a pomba, o cabalo, a lebre… É Unha obra simpática e escatolóxica que provoca gargalladas e fai que os espectadores empaten coa toupiña, ferida no seu orgullo.
Galicreques supón a antesala ao ciclo de outono de teatro que comezará a vindeira semana coa obra Convidado do grupo carralés Charamusca.
A unidade móbil de inspección técnica de vehículos agrícolas desprazarase a Carral os vindeiros días:
- 21, 22 e 23 de outubro: de 9.00 a 13.30 horas e de 15.15 a 18.00 horas. A unidade móbil estará xunto ao punto limpo (Polígono Os Capelos).
Para solicitar cita previa, é preciso chamar ao teléfono 902 30 90 00.
O Concello de Carral estrea, esta semana, o seu Ciclo de Cine de outono, que conta cun total de nove films. Todas as películas proxectaranse os venres ás 20.30 horas na Casa da Cultura de Carral, onde se celebraron, ata a data, 20 ciclos de cinema coas mesmas características. Como noutras ocasións, a oferta fílmica conta con propostas de todos os xéneros. Como parte da programación, o Concello ofrece algúns títulos premiados cun Óscar, unha cinta galega (Dhogs) e unha española (Perfectos desconocidos).
Este novo ciclo arrincará con La forma del agua, que se proxectará mañá, venres 11 de outubro. A programación continuará o 18 de outubro con Perfectos desconocidos. Dhogs tomará a substitución o 25 de outubro, e, a continuación, será a quenda de Bohemian Rhapsody, que se emitirá o 8 de novembro. O programa seguirá con Manchester frente al mar o 15 de novembro, e o día 22 con First man (El primer hombre) e, como broche final ao mes de novembro, será a quenda de Infiltrado en el KKKlan o venres 29 de novembro. No mes de decembro proxectaranse as películas El instante más oscuro (13 de decembro) e El Grinch (20 de decembro).
A entrada é gratuíta pero as prazas son limitadas. Así, os interesados en visionar calquera dos filmes deberán retirar as súas entradas previamente na Casa da Cultura.
Teléfonos de interese
Concello: 981670002
Policía local: 689544311 / 981670002
Protección civil: 112
Casa da cultura/bibliotecas: 981672580
Edif. Social Toñito Espiñeira: 981613520
Centro de saúde:981672186
Outras formas de contacto: