O recoñecido actor Pepo Suevos pasará este venres polo escenario do edificio social Toñito Espiñeira na terceira sesión do ciclo Venres de Monólogo.
Pepo Suevos é un dos actores máis recoñecidos da televisión en Galicia, interpretando personaxes en programas e series como Pratos Combinados, Mareas Vivas, Terras de Miranda, O show dos Tonechos, Caseiros ou en Luar, entre outros moitos. Ten participado en múltiples películas e como contador de historias acumula máis dun milleiro de monólogos ás súas costas, e sempre se amosa disposto a encher de humor o escenario ao que se sube, tanto sexa nun teatro, nun bar ou nunha verbena. Este venres presentará en Carral o seu monólogo Humor Salvaxe.
A actuación comezará ás 21:00 h. É un espectáculo recomendado para maiores de 14 anos. A entrada é de balde e o aforo limitado. Prégase puntualidade ao público para evitar interrupcións no espectáculo.
A segunda sesión do ciclo Venres de Monólogo acolle a Víctor Grande co seu espectáculo A vida pasa voando. Trátase dun show que mestura monólogos de humor con canción satírica, interacción co público e momentos improvisados únicos e irrepetibles. Unha hora e media na que o cómico fai unha reflexión sobre temas tan dispares como a hipocondria, a clase política, as cousas estrañas que un pensa cando vai a misa ou a revolución tecnolóxica na que estamos inmersos.
Ao igual que as restantes sesións de Venres de Monólogo, Víctor Grande actuará no edificio social Toñito Espiñeira ás 21:00 h. Será este venres con entrada de balde.
A Concellería de Cultura do Concello de Carral xa ten en marcha a organización dunha nova Xuntanza de Palilleiras de Carral, que neste ano acada a súa oitava edición. O evento
terá lugar o sábado 22 de outubro no pavillón deportivo de Espiño.Xa está aberto o prazo para que grupos de palilleiras poidan anotarse para participar na xuntanza. Ao igual que en anos anteriores, agárdase que asistan colectivos de toda Galicia e incluso de Asturias e Castela e León. A inscrición é de balde e pode realizarse a través do teléfono 981 672 580 ou do correo electrónico cultura@carral.es.
A Xuntanza de Palilleiras de Carral é un evento no que se pode gozar dos traballos e técnicas que desenvolven as participantes, ademais de ter a oportunidade de mercar nos postos de venda os variados produtos que ofrecen, das diversas exposicións, das ilusións do Mago Martín Camiña e de actuacións folclóricas.
A partir do luns 19 de setembro a biblioteca infantil abre de novo as súas portas no seu horario habitual: luns, mércores e xoves de 16:30 a 19:00 horas.
Tralas reformas levadas a cabo durante o mes de agosto, as instalacións presentan un espazo máis amplo e mellorado para que os usuarios poidan gozar con comodidade da biblioteca e dos libros.
Como cada ano, despois das festas do Socorro e antes da entrada do outono, a Asociación Cultural Aires de Carral presenta unha nova edición do seu Concerto Coral de Verán. Nesta ocasión participarán as corais do Centro Social de Luarca (Asturias) dirixida por Luis Eulogio Martínez Crespo, e Aires de Carral baixo a dirección de Juan José Gordillo.
O concerto, no que colabora a Concellería de Cultura do Concello de Carral, terá lugar este sábado 17 de setembro, ás 19:00 h, na sala polivalente do edificio social Toñito Espiñeira. A entrada é libre.
A Concellería de Cultura organiza a terceira edición do ciclo Venres de Monólogo, que se desenvolverán durante os vindeiros catro venres no edificio Social Toñito Espiñeira.
Para este ano ampliouse o programa, pasando de tres a catro contadores de historias. Así, Alberte Montes, Víctor Grande, Pepo Suevos e Brais das Hortas forman o cartel para encher de contos orais e humor as noites dos venres.
Abrirá o ciclo Alberte Montes co seu monólogo Galego pode ser calquera. Alberte é actor, guionista, director e locutor, e leva máis de 8 anos como monologuista. Formouse como actor no Estudi Nancy Tuñón i Jordi Oliver de Barcelona. Traballou en compañías como Furafollas ou Teatre Obligatori e a nivel individual representou varios espectáculos en teatros de Barcelona (Teatreneu, Teatre Llantiol…).
No terreo audiovisual participou nunha ducia de curtametraxes, algunha delas premiadas a nivel nacional (“2OS”) e recentemente nas longametraxes REC (4) e “El olivo” de Iciar Bollaín. Ten colaborado tamén en programas televisivos da produtora El Terrat como “Salvados”, “Buenas noches y Buenafuente” ou “En el Aire” e noutros da TVG. Este verán gravou a súa primeira ficción televisiva para esta canle, “Augasquentes”. Alberte encarna ao avogado Quique e a serie producida por Ficción Producciones estrénase en outono.
Todos os monólogos comezarán ás 21:00 h, e prégase puntualidade porque non se permitirá o acceso unha vez comezada a función para non interromper o monólogo.
O Concello de Carral ten preparada unha nova oferta dos programas de Escolas Deportivas, Culturais, Educativas e de Benestar Social, que se iniciarán a partir do 3 de outubro e se desenvolverán ata o mes de maio.
Entre as actividades que se ofertan destacan bailes latinos, zumba, teatro, fotografía, pilates, informática para adultos, inglés, hockei, baloncesto, patinaxe, ximnasia da terceira idade, manualidades, novas tecnoloxías para maiores, teares e tapices, cociña, ximnasia rítmica, debuxo e pintura, ioga e tai chi, entre outras. A oferta faise para diferentes localidades do municipio.
Para que unha escola poida iniciar as súas clases é necesario que teñan un mínimo de 15 persoas, e algunhas delas contan cunha limitación máxima de alumnado. Estas últimas cubriranse por rigurosa orde de inscrición.
Para informarse e inscribirse as persoas interesadas poden dirixirse á Casa da Cultura e ao Centro Deportivo (tel. 981 672 580).
O prazo para inscribirse rematará o 1 de outubro.
O Concello de Carral a través do seu departamento de Cultura e coa colaboración da Deputación Provincial, ofrecen dúas alternativas no Campo da Feira para as noites deste luns
e martes da semana do Socorro.O luns proxéctase Al encuentro de Mr. Banks, unha preciosa película protagonizada por Emma Thompson e Tom Hanks que relata os feitos reais de cando Walt Disney se propuxo filmar o conto de Mary Poppins. A película comeza ás 22:30 h. e é apta para todos os públicos.
E o martes os asistentes ao concerto de McKuin terán ocasión de lembrar os temas da banda británica de Freddie Mércury, Queen. A súa actuación comezará ás 22:30 h, aínda que media hora antes La Banda del Camión comezará a encher de rock o Campo da Feira.
A programación da Concellería de Cultura nas festas completarase o venres coa representación de Bon Appetit, dirixido a público infantil, e o sábado coa presenza da Casiña da Maxia de Chrystyan Magic para todos os públicos. As dúas representacións terán lugar ás 18:00 h, e no caso de mal tempo trasladaranse ao edificio Toñito Espiñeira.
Xa está dispoñPublicacións da web municipal carral.es a nova edición da obra teatral de Manuel María ABRIL DE LUME E FERRO. É unha publicación que conta con limiares de Pilar García Negro e Xosé Ramón Barreiro Fernández, e editada polo Concello de Carral en colaboración coa Fundación Manuel María e a Deputación da Coruña.
ible para a súa descarga libre no apartado deA Concellería de Cultura ven de incorporar á súa programación o ciclo Músicas Íntimas Concertos na Piscina, que terá lugar os vindeiros 3 e 4 de setembro. Xoán Curiel será o encargado de abrir o ciclo o sábado presentando as cancións do seu disco Ecuacións. O domingo será a ocasión de gozar das fermosas e poéticas interpretacións de 2naFronteira.
Xoán Curiel presenta o seu novo cd Ecuacións acompañado de dous músicos. Este disco, presentado en marzo deste ano en Santiago de Compostela, foi gravado na Radio Galega e trátase dun disco experimental con temas moi líricos, con aires intimistas e bases electrónicas. Ademais, cantará tamén cancións que verán a luz nun próximo traballo discográfico.
2naFronteira presenta o seu cuarto disco Sons de Nós, que está cheo dunha enerxía alegre, vital e sensual. Con influencias do jazz, popular galego e lied europeo, o seu eclecticismo fainos difícil de clasificar e convérteos nunha das propostas máis interesantes, frescas e de calidade da música actual galega. Acompañan ao dúo músicos de primeira fila, con instrumentos moi particulares. Así, Carmen Penim e Maurizio Polsinelli estarán acompañados por Carmen Gallego e Miguel Paz.
Serán dúas excelentes ocasións para emocionarse e gozar de marabillosas alternativas do panorama musical galego actual.
O espazo no que se desenvolverán os concertos será a zona de baño infantil da piscina municipal, na que se instalará un pequeno escenario e un aforo para 50 persoas sentadas, tentando así crear un lugar acolledor no que gozar da música en directo. No caso de que a meteoroloxía sexa desfavorable, os concertos realizaranse na sala de audiovisuais da Casa da Cultura.
Os concertos comezarán ás 22:30 h. e a entrada é de balde.