CARRAL REPITE O SEU CONCURSO DE DECORACIÓN DE VIVENDAS E COMERCIOS POLO NADAL TRAS O ÉXITO DA PRIMEIRA EDICIÓN
- As persoas interesadas poderán anotarse ata as 23.59 horas do 20 de decembro. Para facelo, deberán enviar un WhatsApp ao 674 793 475.
O Concello de Carral lanza unha nova edición do seu concurso de Decoración de vivendas e comercios polo Nadal tras o éxito acadado na primeira edición. O concelleiro de Participación Cidadá, Francisco Bello, sinala que o obxectivo desta iniciativa “é encher o municipio do espírito de Nadal e fomentar a participación dos veciños e veciñas e dos responsables dos negocios, que poden contribuír decorando as súas vivendas e establecementos”. O edil confía en que, este ano, se sumen aínda máis persoas á iniciativa.
O ano pasado había unha única categoría. Con respecto a esa primeira edición, o concurso incorpora as seguintes categorías:
- Casas: poden decorarse tanto as fachadas como os xardíns.
- Pisos: apartamentos, áticos, dúplex.
- Comercios: poderán decorarse os escaparates dos locais comerciais.
Un xurado encargarase de examinar todas as propostas e terá en conta aspectos como a orixinalidade, a composición estética e a adaptación á contorna para elaborar a relación de gañadores.
As persoas interesadas poderán anotarse ata as 23.59 horas do 20 de decembro. Para facelo, deberán enviar un WhatsApp ao 674 793 475. No envío deberán achegar imaxes da proposta (oito como máximo) ou un vídeo (este poderá durar ata 30 segundos e deberá ter formato MP4). Ademais, as persoas participantes terán que achegar nome, apelidos, teléfono de contacto, enderezo e localización da vivenda.
A entrega de agasallos aos tres primeiros clasificados de cada categoría levarase a cabo o 23 de decembro no Campo da Feira de Carral.