CIRO BRIONES GAÑA O 26º PREMIO DE POESÍA CONCELLO DE CARRAL CO SEU POEMARIO ‘OÍDOS DE ESPELÉOLOGA’

 poeta Ciro Fernández Briones vén de facerse co 26º Premio de Poesía Concello de Carral coa súa obra Oídos de espeleóloga.

Ciro Briones, da Pobra do Caramiñal e nado no 1996, xa conta con galardóns como os de poesía e de ensaio da Universidade de Vigo no 2020, o 1º premio de poesía XuventudeCrea nas súas edicións do 2020 e 2022, e o 2º premio do XXIII Certame de Poesía Díaz Jácome (2022).

O poemario de Briones foi escollido entre un total de 90 obras presentadas, o cal supón un record para este certame que tiña a súa mellor cifra de participación en 56 libros. O xurado salienta do libro gañador a súa coherencia, o ritmo, o coidado da linguaxe e a súa harmonía verbal. É un poemario que desde certas coordenadas da filosofía explora liricamente espazos da desolacíón e afonda na reflexión metafísica. O eu poético trasládanos a un espazo de escuridade que moito ten que ver cos cadros do pintor polaco Beksinski, e ofrece un discurso poético que alumea e libera entre tanta desolación.

O xurado estivo composto por Olga Patiño Nogueira, Carlos Penela e Antía Marante. Como presidente actuou o alcalde de Carral, Javier Gestal, e como secretario o técnico de Cultura e coordinador do certame, Carlos Lorenzo.

O premio Concello de Carral está dotado con 3.500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.

O acto de entrega do premio Concello de Carral está previsto para o venres 9 de xuño na Casa da Cultura e servirá, así mesmo, para presentar o libro Trono e caléndula, co que Carlos Penela gañou a 25ª edición do certame. O evento contará tamén coa presentación do recital poético e musical Os puntos do impacto, creado por Álex Mene e Margarida Mariño a  partir do poemario do mesmo título que gañou o certame no ano 2021.

Como vén sendo habitual, a Xunta de Galicia colabora co Concello de Carral, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Cultura para a publicación da obra premiada.certame de poesíacertámen de poesíaciro brionesconcurso de poesíapoesíapoesía galegapremio de poesía