A OMIX de Carral trae o espectáculo ‘A Maxia de Europa’ de EUROPE DIRECT A Coruña.

  • Xogos, trucos, ilusión, humor e información europea se reúnen nesta actividade para todos os públicos.
  • A función, con entrada gratuíta, terá lugar no Edificio Social “Toñito Espiñeira” as 18:00 h.

A OMIX de Carral trae o espectáculo ‘A Maxia de Europa’ de EUROPE DIRECT A Coruña.

O Concello de Carral acolle o día 8 de maio o espectáculo ‘A Maxia de Europa’. Esta actividade de EUROPE DIRECT A Coruña mistura xogos, trucos, ilusións e humor para realizar unha viaxe máxica e dinámica para maiores e pequenos a través dos valores, símbolos, beneficios e algún dos programas da Unión Europea. A función, que ten entrada de balde, terá lugar no Edificio Social “Toñito Espiñeira” e comeza ás 18:00 horas, e para acudir deberas solicitar o teu convite no 674.793.475 (Whatsapp ou chamada) no correo electrónico omix@carral.es ou pasando polo Local Interxeracional.

O público asistente poderá seguir os trucos de maxia realizados coas bandeiras europea e dos estados membro ou a moeda común, entre outros elementos. O espectáculo estará guiado polo mago Pedro Bugarín, un ilusionista con máis de 15 anos de experiencia no seu eido e que tamén ten vivido múltiples experiencias de mobilidade en Europa.

Esta actividade lúdica e máxica está organizada por EUROPE DIRECT A Coruña dentro da iniciativa Europa no teu Concello, da que forma parte a OMIX (oficina municipal de información xuvenil) do Concello de Carral.  O espectáculo levará durante o mes de maio os valores, símbolos e oportunidades da Unión Europea a un total de seis concellos da provincia adheridos a esta rede. ‘A Maxia de Europa’ percorrerá Rianxo, Carral, Vedra, A Laracha, Pontedeume e Rois entre os días 7 e 15 de maio.

A idade recomendada é a partir de 6 anos.

Toda a información dispoñible está recollida na páxina: http://www.dacoruna.gal/europedirect/europe-direct-coruna/agenda/2024/la-magia-de-europa

EUROPA NO TEU CONCELLO

Este espectáculo itinerante forma parte da programación que Europa no teu Concello ofrece aos membros da rede. EUROPE DIRECT A Coruña puxo en marcha esta iniciativa, da que xa forman parte 46 concellos, para aproximar a información sobre a Unión Europea a toda a cidadanía da provincia, en especial, da mocidade. EUROPE DIRECT A Coruña é un centro de información oficial da Comisión Europea que pertence á Deputación da Coruña. A misión do centro, que iniciou a súa traxectoria no ano 1996, é traballar coa cidadanía, os medios de comunicación e as entidades locais cos obxectivos de implicar á poboación en temas europeos, así como  proporcionar contidos sobre as políticas e as prioridades da UE. Tamén axudar á Comisión Europea a adquirir unha visión xeral das sensibilidades locais relacionadas coas súas políticas e promover a cidadanía europea activa nas escolas.

Para información complementaria, pódese contactar a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331.