Arrincan os campamentos deportivos de Carral coa participación duns 200 nenos

Carral deu, esta semana, o pistoletazo de saída aos seus campamentos deportivos de verán. En total, prevese a participación de 180 nenos e nenas de entre 3 e 11 anos ata o remate do programa, que se estenderá ata o 30 de agosto.

Con esta iniciativa, que consegue ano tras ano grandes cifras de participación, o goberno local busca un dobre obxectivo: por unha banda, promover a conciliación das familias durante o verán, garantindo a atención dos seus fillos no período non lectivo e, pola outra, ofrecer alternativas de lecer saudables aos máis novos.

Os campamentos están desenvolvéndose no CEIP Vicente Otero Valcárcel e no pavillón polideportivo. En canto ao horario, ofreceuse ás familias distintas posibilidades. O Concello ofertou  servizo de madrugadores de 7.30 a 10.00 horas. A partir das 10.00 e ata as 14.00 realízanse as propias actividades e, unha vez transcorrida esa franxa horaria, tamén se puxo á disposición das familias o servizo de xantar, de 14.00 a 16.00 horas.