IRIA ESTÉVEZ E LETICIA REY ACTUARÁN EN CARRAL DENTRO DO CICLO MÚSICAS ÍNTIMAS

Conectar ao público cos artistas a través dun espectáculo de pequeno formato. Ese é un dos obxectivos que a Concellería de Cultura busca cumprir co ciclo Músicas Íntimas de Carral. Na novena edición, que se celebrará esta fin de semana, o programa incluirá dous concertos a cargo de Iria Estévez e Leticia Rey.

Iria Estévez será a encargada de inaugurar o programa o sábado, 17 de agosto, ás 21.00 horas. Chegará ao municipio cun proxecto centrado na lusofonía, afondando en rexistros como o fado, a cantiga galega e a morna, entre outros. Iso si, a artista abrirá ás portas doutras músicas procedentes de lugares como Brasil, Cuba e México. Xunto con Gonzo Piña, Estévez leva varios anos actuando en festivais, actos culturais e salas de toda a xeografía peninsular.

O domingo, 18 de agosto, tomará a remuda Leticia Rey (21.00 horas). Durante o recital, a súa voz estará acompañada por Iago Mouriño ao teclado. Leticia Rey é a gañadora do Premio de Estudios Mans da Fundación Paideia e conta cunha das voces máis fermosas e persoais do panorama musical galego. A súa voz móvese entre a bossa nova, o bolero, o jazz vocal e o soul, incorporando tamén elementos do folk galego.

As actuacións levaranse a cabo na Casa da Cultura. A entrada é gratuíta pero o aforo é limitado, cunha capacidade máxima para 50 persoas. A apertura de portas será ás 20.45 horas.