CARMEN CONDE PECHA OS VENRES DE MONÓLOGO
Despois de dúas magníficas sesións de humor con Diana Sieira e Luis Pousada, o próximo venres remata o ciclo de monólogos con Carmen Conde e o seu espectáculo “Premios Darwin. (Unha selección natural de historias)”.
Carmen Conde adícase a recoller historias por toda Galicia. Historias eróticas, de mortes absurdas… E o caso é que a xente ábrelle as portas da súa casa e cóntallas… Aínda sendo consciente de que despois ela llas vai facer chegar a un público unha miguiña máis grande. Así, revestida do humor máis negro, pero do máis auténtico (por verídico), Carmen vainos achegar unha compilación dalgunhas das máis incribles anécdotas que escoitou arredor da morte en Galicia… un repositorio do ridículo e, por que non, un xeito de facerlle alcanzar a eternidade a cada protagonista.
Venres de Monólogo lévase a cabo no Edificio Social Toñito Espiñeira ás 21:00 h, con entrada de balde.