A Casa da Cultura de Carral acollerá un curso formativo para coidadores de persoas con demencia
O Concello de Carral organiza, en colaboración coa Federación de Alzhéimer Galicia (FAGAL), a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, un curso dirixido a coidadores e coidadoras de persoas con demencia.
Ao longo do programa formativo darase unha explicación introductoria sobre o Alzhéimer, abordaranse os síntomas da enfermidade (cognitivos e trastornos psicolóxicos, entre outros), as alternativas farmacolóxicas existentes e a comunicación coas persoas con demencia, entre outras temáticas. A encargada de impartir o curso será Nerea Rey, logopeda e responsable dun dos centros terapéuticos de AFACO.
O obxectivo desta formación é que os coidadores adquiran todas as habilidades e coñecementos necesarios para mellorar e facilitar a atención que prestan ás persoas con demencia.
O curso levarase a cabo os días 26, 27 e 28 de novembro en horario de 17.00 a 20.00 horas na Casa da Cultura de Carral. Esta acción formativa está a suscitar un gran interese entre os veciños e veciñas do municipio. As prazas son limitadas, polo que é necesario inscribirse previamente. As persoas interesadas en anotarse poden chamar ao Edificio Social Toñito Espiñeira no teléfono 981 61 35 20 ou a AFACO no teléfono 981 20 58 58 (extensión 3001).