CARRAL SOLICITARÁ A CESIÓN DE DOUS TRAMOS DA ANTIGA N-550 EN PONTE LAGO E HERVES
O Concello de Carral celebrará mañá, venres 29 de novembro ás 20.30 horas, unha sesión do seu pleno ordinario. Entre outros puntos, o equipo de goberno presentará unha proposta para solicitar a Fomento a cesión gratuíta de dous tramos na antiga N-550, á altura de Ponte Lago e Herves para que pasen a ser de titularidade municipal.
Con todo, o goberno local pedirá, ademais, que o organismo acometa unha serie de obras de mellora e acondicionamento nestes treitos que permitan deixalos en perfecto estado. Unha vez efectuada a cesión, o Concello asumiría os labores de mantemento necesarias. Con esta medida, o Concello busca mellorar a seguridade viaria nestes puntos, que actualmente se atopan en malas condicións.
O pleno servirá tamén para aprobar a modificación de dous proxectos de obra: o de mellora de viais nas parroquias de Tabeaio e Sergude e o de acondicionamento de vías en Santo Estevo de Paleo.
Por unha banda, no de Tabeaio e Sergude, o proxecto redactado en 2018 incluía actuacións na Lameira e no vial A Revolta, no límite do termo municipal. Neste caso, o equipo de goberno propoñerá substituír a intervención na Lameira pola realización de obras na contorna do Campo de Fútbol Os Capelos. Segundo sinala o equipo de goberno, o Concello non recibiu o permiso de Patrimonio para levar a cabo os traballos na Lameira, que debían axustarse ao disposto na Guía de boas prácticas para actuacións nos Camiños de Santiago. A intervención programada nos Capelos incluirá o acondicionamento da zona de acceso e do aparcamento, beneficiando a un gran número de veciños e veciñas que fan uso desta instalación municipal.
Doutra banda, no caso das actuacións na parroquia de Paleo, substituirase un vial por outro. O proxecto inicial contemplaba obras no camiño que comunica o centro de saúde de Paleo con Agra de Paleo e outra na vía de local social de Ans, que se une co límite do concello no lugar do Bordón. Neste caso, despois de realizar dúas visitas á zona, determinouse que para acometer os labores neste segundo camiño –local social de Ans- sería necesario un aumento considerable do custo de obra. Ademais, tal e como explican desde o goberno local, o camiño que se incluía no proxecto inicial termina no río Barcés e non dá servizo a ningunha vivenda da zona. No seu lugar, o goberno local proxecta a execución de obras no vial que une Grela de Paleo co lugar de O Quenllo. Este camiño atópase nun núcleo de poboación con máis densidade e con máis transito, o que redundará no beneficio dun maior número de veciños.
Servizo de tesourería
Por último, o pleno ordinario de mañá servirá para aprobar a creación dun servizo conxunto de tesourería local cos Concellos de Abegondo, Bergondo e Miño, que permitirá que sexa asumida por un hablitado nacional. O labor da tesourería local requirirá só dunha xornada de traballo semanal para dar resposta a todas as necesidades do Concello. Actualmente, os catro Concellos contan con habilitados nacionais en Secretaría e Intervención, pero non en Tesourería, dada a dificultade que supoñería para cada un de forma individual para a carga de traballo existente. Por esa razón, os catro concellos apostan por compartir o servizo cun mesmo habilitado.