CARRAL VERÁ REFORZADAS AS LIÑAS QUE UNEN O MUNICIPIO COA CORUÑA, BETANZOS E CAMBRE
O novo equipo de goberno recibiu esta semana a resposta ás alegacións ao Plan de Transporte Público da Xunta presentadas no mes de agosto. A Consellería de Transporte e Mobilidade anunciou, hai uns días, importantes novidades en materia de mobilidade que supoñerán, tal e como indican desde o goberno local, “unha gran mellora nos desprazamentos diarios dos veciños e veciñas de Carral”. Entre elas, alcanzou o compromiso da Xunta para reforzar as liñas que conectan Carral coa Coruña, Betanzos e Cambre. Con todo, tal e como sinala o equipo de goberno, “aínda quedan moitas cousas que mellorar en materia de transporte”. Así mesmo, tal e como puntualiza o goberno, “algunhas dás peticións que fixemos non se responderon coas condicións esixidas”.
Por unha banda, o goberno conseguiu a mellora da conexión cos institutos de Betanzos mediante a ampliación da liña Xeixade-Betanzos a Tabeaio e a adaptación do horario da mesma. No mes de agosto, o equipo de goberno solicitou, precisamente, a ampliación desta liña para que pasase por Tabeaio, segundo núcleo con maior poboación de Carral. O goberno local lamenta que, a pesar das súas reiteradas peticións, esta parroquia siga sen ter conexión directa co IES David Buján (Cambre).
Esta liña é moi utilizada polos mozos que estudan nos institutos da cidade. Por esa razón, o goberno segue vendo as frecuencias do autobús “moi xustas”.
Doutra banda, lográronse seis novas expedicións na liña que une o municipio coa Coruña (catro máis de luns a venres e dous os domingos e festivos). Así mesmo, o goberno alcanzou o compromiso de que se mellorará a funcionalidade dos roteiros que conectan o municipio coa Coruña mediante a alternancia de expedicións entre as liñas que teñen como orixe Carral (Panteón) e Santa María de Vigo.
Outra das solicitudes do goberno local foi a mellora da liña Os Campóns- Carral (Panteón), que os veciños e veciñas utilizan para acudir ao PAC de Cambre. O goberno conseguiu catro novas expedicións que se realizarán durante as fins de semana e festivos.
Unha das novidades máis importantes será para os veciños e veciñas de Cabrois, que dispoñerán dunha parada nas liñas que conectan Entrexardíns e a Urbanización Monte Xalo.
Tal e como explica o goberno, a conexión das parroquias de Carral co núcleo urbano segue sendo “unha conta pendente, e seguiremos traballando para conseguilo”. Ademais, o equipo de goberno segue vendo “insuficiente” a conexión do concello cos hospitais da Coruña (CHUAC, Materno e Abente e Lago).
Por último, o goberno conseguiu que se inclúa unha parada antes do outlet do Corte Inglés e outra no Polígono Vos Capelos.