O CONCELLO REFORZA A SEGURIDADE VIARIA NA PARROQUIA DE PALEO COA MELLORA DE DOUS CAMIÑOS
O Concello de Carral busca reforzar a seguridade viaria en todo o termo municipal. Un dos proxectos que xa arrincou e que dará cumprimento a este obxectivo é a mellora de dúas vías na parroquia de Paleo: por unha banda, a que comunica o centro médico con Agra de Paleo e, pola outra, a que une Grela de Paleo co lugar do Quenllo. Como explican desde o goberno local, estas intervencións servirán para “mellorar a rede de camiños do municipio e para reforzar as condicións de seguridade tanto para os vehículos e para os peóns”.
No caso do camiño do centro de saúde a Agra de Paleo, as actuacións basearanse na pavimentación do firme mediante mestura asfáltica, limpeza de cunetas, colocación dun canlón de drenaxe e no pintado lateral do vial.
No caso do camiño entre Grela de Paleo e o lugar do Quenllo, ampliarase o ancho da estrada e realizaranse, ademais, os seguintes traballos: creación dun noiro, formación de cunetas para a drenaxe do vial, subministración e compactación de capa de saburra e de rodadura formada por tripla rega asfáltico.
A mellora nestas dúas vías realizarase cun orzamento de máis de 50.000 euros.
Así mesmo, o executivo iniciou os traballos para elevar un dos pasos de peóns situados na rúa Víctor Velasco (DP-2104). O novo paso substituirá as bandas redutoras situadas actualmente neste punto, e obrigará aos condutores para minorar a velocidade ao seu paso pola zona.