O CONCELLO REFORZARÁ A SEGURIDADE CIDADÁ COA INCORPORACIÓN DE DOUS NOVOS POLICÍAS LOCAIS E COA INSTALACIÓN DE CÁMARAS

O Concello reforzará a seguridade cidadá por medio de dúas importantes novidades: por unha banda, coa incorporación de dous novos policías locais e, polo outro, coa instalación de cámaras para a vixilancia, control, regulación e disciplina do tráfico no municipio. O goberno local confía en que estas dúas medidas “sirvan para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Carral, garantindo unha maior seguridade, sobre todo na situación actual”.

Estes dous axentes municipais incorporaranse á Policía Local como funcionarios en prácticas. A previsión é que tomen posesión o 24 de maio para o seu inmediato ingreso no curso formativo impartido pola Academia Galega de Seguridade. Unha vez rematen o programa de formación -de 9 meses de duración- os dous axentes tomarán posesión definitiva como funcionarios de carreira na Policía Local de Carral.

As condicións de seguridade veranse incrementadas, ademais, coa instalación de varias cámaras de vixilancia. Estes elementos servirán para vixiar, controlar e regular o tráfico e favorecerán a xestión das principais incidencias que se suceden nos viais do municipio.