MERCA CARRAL, O NOVO ESCAPARATE CO QUE O CONCELLO BUSCA APOIAR E DAR VISIBILIDADE AOS NEGOCIOS NA CRISE DA COVID-19
Baixo o lema “O negocio que precises está en Carral”, o Concello puxo en marcha a plataforma Merca Carral, un novo espazo web co que o goberno local busca apoiar e dar visibilidade aos negocios afincados no municipio, sobre todo na situación sanitaria actual. Así, tal e como indica o equipo de goberno “a irrupción da pandemia provocou o peche de moitos establecementos e trouxo consigo enormes perdas para os responsables dos locais. Con este novo espazo web o que buscamos, precisamente, é promover as compras e o consumo no tecido económico de Carral”.
Ata o de agora, son xa preto de medio centenar as compañías que forman parte deste directorio. Esta relación inclúe restaurantes e bares, salóns de peiteado, axencias de viaxes, panadarías e tendas de alimentación, dentistas, zapaterías e tendas de roupa, etc.
As firmas e persoas autónomas que desexen incluír a súa ficha en Merca Carral poderán rexistrarse de xeito gratuíto na propia web https://mercacarral.com/. Unha vez dentro, terán que encher o formulario web indicando o seu nome e o da empresa, os datos de contacto, o tipo de compañía e o enderezo. Así mesmo, terán que incluír o logo, imaxe e unha descrición do negocio.