CARRAL REIVINDICA O PAPEL DAS MULLERES DO MUNICIPIO CO II PREMIO 8 DE MARZO
- Co fin de facer o proceso máis democrático, serán os veciños e veciñas os que elixirán cos seus votos quen é a gañadora do galardón.
- As persoas interesadas poderán participar nesta iniciativa ata o 28 de febreiro a través da app ‘Cuida Carral’.
Ante o éxito acadado na edición inicial, o Concello porá en marcha a segunda entrega do Premio 8 de marzo, un galardón co que o goberno local busca cumprir un claro obxectivo: darlle visibilidade e pór en valor o papel das mulleres do municipio. Baixo esta premisa, o goberno local busca crear un espazo público de recoñecemento ás mulleres de Carral pola súa contribución en diferentes ámbitos -persoal, social ou profesional-.
Este ano, co fin de facer o proceso máis democrático, o Concello eliminou a figura do xurado, que si estaba presente na primeira edición. Deste xeito, serán os veciños e veciñas os encargados de propoñer ás mulleres e, ademais, elixirán á gañadora do premio 8 de marzo cos seus votos. A candidatura que máis apoio será a gañadora e, polo tanto, a que reciba o galardón.
Como novidade con respecto ao primeiro ano, o Concello introduciu tamén unha importante novidade para simplificar o proceso de presentación de candidatas: nesta segunda edición, a veciñanza poderá facelo a través da app ‘Cuida Carral’, ferramenta pola que poderán, ademais, escoller a súa proposta favorita. Para participar e achegar a súa proposición, os usuarios e usuarias deberán indicar o nome da muller e o motivo da súa elección. O prazo de presentación e votación rematará o 28 de febreiro ás 23.59 horas.
Como broche final de esta iniciativa, realizarase unha homenaxe en recoñecemento á elixida coincidindo coa celebración dos actos institucionais polo Día da Muller.