O CONCELLO BUSCA COLABORAR COAS COMISIÓNS DE FESTAS CUNHA NOVA LIÑA DE AXUDAS DE 9.000 EUROS
- O prazo de solicitude estará durante 10 días hábiles contados a partir de hoxe, martes 13 de setembro.
Carral, 13 de setembro de 2022. O Concello acaba de abrir o prazo de solicitude dunha nova liña de axudas dirixida ás comisións de festas. O obxectivo desta subvención, de 9.000 euros, é contribuír cos organizadores das celebracións patronais que, ao longo do ano, puideron retomar a súa actividade tras dous anos de parón pola covid-19.
O Concello lanza a medida tras formular a solicitude á Deputación e, no lugar de investilo, decidiuse colaborar coas múltiples comisións do termo municipal. Os fondos municipais proceden do programa PEL-Concellos, axudas ao sector das orquestras e verbenas e repartiranse de xeito equitativo entre as entidades que cumpran os requisitos fixados nas bases.
As empresas propietarias de orquestras que vaian ser contratadas deberán cumprir, ademais, cos seguintes requisitos:
- Ter o seu domicilio fiscal e social en Galicia.
- Contar cun mínimo de dous anos de experiencia continua na actividade a partir da data de publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.
- Declarar, responsablemente, que teñen unha composición mínima de seis integrantes. Da cifra, polo menos catro deben tocar algún instrumento musical na súa actuación.
- Declarar, responsablemente, que o 80% da súa actividade se centra na organización de espectáculos e actuación musicais en directo.
As comisións interesadas deberán pedir estas axudas nun prazo de 10 días hábiles contados desde hoxe, martes 13 de setembro. As que resulten beneficiarias poderán sufragar eventos levados a cabo entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022, non podendo imputarse cargos realizados con posterioridade.