,

A BIBLIOTECA DE CARRAL CELEBRARÁ O MES DO LIBRO AGASALLANDO EXEMPLARES Á CIDADANÍA

A Biblioteca municipal de Carral celebrará o mes do libro agasallando exemplares á cidadanía. O Concello instalou na entrada da Casa da Cultura un punto no que ofrecerá libros de balde que poden recoller as persoas amantes da lectura. Trátase dunha das accións que se organizan no mes de abril e con ela búscase un dobre obxectivo: dunha banda, estimular a lectura entre a veciñanza e doutra outra, promover un maior achegamento á biblioteca municipal.

As persoas interesadas, que non precisan ser socias da Biblioteca, teñen á súa disposición ata finais de mes propostas de todos os xéneros. Así, poderán atopar libros de narrativa, de poesía, teatro e ensaio para todas as idades.

A Biblioteca realiza esta acción grazas aos labores de expurgado dos fondos bibliográficos, así como ás doazóns de particulares e de cesión doutras administracións e institucións.

Contacontos

No marco da celebración do mes libro, o Concello celebrará, así mesmo, unha sesión de contacontos para nenos e nenas a partir de 4 anos o xoves, 24 de abril, a cargo dos Ratos de Lonxedetodo, da compañía Trinketrinke Teatro.