A XIX FESTA DO PAN CÓCESE EN CARRAL CUNHA GRAN AFLUENCIA DE PÚBLICO

Nos vindeiros días, en Carral cocerase algo máis que os clásicos bolos de pan que lle dan ao municipio a súa fama. A XIX Festa do Pan celebrarase ata o vindeiro martes, 16 de maio, ofrecendo unha programación completa con actividades específicas para veciños e veciñas de todas as idades. A cita gastronómica, unha das máis recoñecidas da comarca, arrincou hoxe, pero as ringleiras de xente víronse xa desde as primeiras horas. As dúas atraccións que máis público atraeron foron o posto de bocadillos cardiosaudables e o dos obradoiros infantís de elaboración de pan.

A previsión de venta do Concello e da Asociación de Panadeiros de Carral, coorganizadores deste evento, é despachar uns 8.000 bocatas cardiosaudables durante os vindeiros días. Como noutras edicións, esta delicia está elaborada a base de pan de Carral, tomate, aceite e xamón serrano. En canto aos talleres de elaboración de pan, a organización da Festa do Pan agarda tamén a participación de centos de nenos e nenas ao longo de toda a fin de semana.

O programa de propostas de lecer de hoxe, sábado 13 de maio, e mañá, domingo 14, incluirá: feira medieval, talleres de olaría e representacións teatrais. Eses días, as actividades rematarán coas actuacións das orquestras Fuego e A banda de ayer (sábado, 13 de maio a partir das 21.00 horas) e Miramar (domingo, 14 de maio, a partir das 20.00 horas). O calendario ofrecerá tamén representacións teatrais, talleres de olería, exhibicións de cetrería e espectáculos na rúa.

Pequepan e Xovepan

A dezanove edición alongarase tamén durante as xornadas do luns, 15 de maio, e do martes, día 16. Por unha banda, o luns terá lugar o Pequepan (a partir das 18.00 horas). A cita incluirá o espectáculo MeRe-cidamente de clown e o concerto de Chuches Amil. Ao día seguinte será a quenda de Xovepan (desde as 20.00 horas). Ao longo da tarde venderanse bolos preñados elaborados polos panadeiros do municipio, haberá unha actuación da charanga Santa Compaña e da Escola Municipal de Música de Carral e, por último, unha sesión de noite cos grupos Bomba e New York.  

Tal e como se explicou durante a presentación da XIX edición, o obxectivo é achegar a cultura do pan aos veciños e veciñas de todas as idades, sobre todo aos pequenos e pequenas e á mocidade: “o pan é un dos nosos sinais de identidade e o que dá nome a Carral, polo que é fundamental garantir ese relevo xeracional”.

Esforzo adicional nas panadarías

O alcalde, Javier Gestal, agradeceu, esta semana, o “esforzo adicional” que as panadarías realizarán ao longo destes días para seguir “agrandando a fama desta cita gastronómica e do pan de Carral”.

A Festa do Pan está organizada de xeito conxunto entre o Concello de Carral e as seguintes panadarías: Panadería Bonome Bouzas, Panadería Manuel Rodríguez e Hijos, Panadería do Pincho, Panadería Pedro Fernández, Panadería Da Cunha, Panadería Mercedes, Panadería Paraíso e Panadería Insua.