BOCADILLOS SAUDABLES E BOLOS PREÑADOS: ASÍ SERÁ O MENÚ DA XIX FESTA DO PAN DE CARRAL

Tras dezaoito edicións, os bocadillos cardiosaudables son xa un clásico indiscutible na Festa do Pan de Carral. Porén, a cita gastronómica organizada polo Concello e a Asociación de Panadeiros contará, este ano, con importantes novas. Por unha banda, a XIX edición será a máis longa da historia, incluíndo catro días completos de programación e, pola outra, o menú da festa incorporará unha nova delicia con selo 100 % carralés: os bolos preñados. O Concello acolleu, esta mañá, a presentación oficial deste evento, que correu a cargo do alcalde, Javier Gestal, dos concelleiros e concelleiras do goberno local e de representantes das panadarías participantes: Panadería Bonome Bouzas, Panadería Manuel Rodríguez e Hijos, Panadería do Pincho, Panadería Pedro Fernández, Panadería Da Cunha, Panadería Mercedes, Panadería Paraíso e Panadería Insua.

Tanto o equipo de goberno como os propios artesáns encaran a celebración con “ilusión” e coa previsión, non só de alcanzar, senón tamén de superar a cifra de venta do ano pasado, cando os panadeiros despacharon uns 8.000 bocadillos cardiosaudables.

A programación deste ano desenvolverase o sábado, 13 de maio, e o domingo, día 14, ofrecendo ao público asistente actividades como as seguintes: feira medieval, obradoiros de elaboración de pan para os nenos e nenas, talleres de olaría e representacións teatrais. Eses días, as actividades rematarán coas actuacións das orquestras Fuego e A banda de ayer (sábado, 13 de maio a partir das 21.00 horas) e Miramar (domingo, 14 de maio, a partir das 20.00 horas). Nesas dúas xornadas, os cativos e cativas poderán gozar, ademais, dunha das atraccións máis reclamadas da Festa do Pan: os obradoiros de elaboración de elaboración de pan. O calendario incluirá tamén representacións teatrais, talleres de olería, exhibicións de cetrería e espectáculos na rúa.

Pequepan e Xovepan

A dezanove edición alongarase tamén durante as xornadas do luns, 15 de maio, e do martes, día 16. Por unha banda, o luns terá lugar o Pequepan (a partir das 18.00 horas). A cita incluirá o espectáculo MeRe-cidamente de clown e o concerto de Chuches Amil. Ao día seguinte será a quenda de Xovepan (desde as 20.00 horas). Ao longo da tarde venderanse bolos preñados elaborados polos panadeiros do municipio, haberá unha actuación da charanga Santa Compaña e da Escola Municipal de Música de Carral e, por último, unha sesión de noite cos grupos Bomba e New York.  

Tal e como se explicou durante a presentación, o obxectivo é achegar a cultura do pan aos veciños e veciñas de todas as idades, sobre todo aos pequenos e pequenas e á mocidade: “o pan é un dos nosos sinais de identidade e o que dá nome a Carral, polo que é fundamental garantir ese relevo xeracional”.