CARRAL INVOLUCRA Á COMUNIDADE EDUCATIVA NA LOITA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO CON VARIOS ACTOS PARA CONMEMORAR O 25N

Carral involucrará, de novo, á comunidade educativa na loita contra a violencia de xénero. Coincidindo con 25N, o Concello levará a cabo un completo programa para conmemorar esta xornada coa colaboración do CEIP Vicente Otero Valcárcel e do IES de Carral. As actividades terán lugar no Toñito Espiñeira desde as 12.00 horas.

Por un lado, o Concello inaugurará unha exposición fotográfica cedida polo colexio Juan Pablo I de Valderrubio de Granada. A mostra está conformada por fotografías realizadas polo alumnado do centro de ensinanza e, nela, aparecen capturados os distintos tipos de violencia que sofren as mulleres. A mostra poderá visitarse no edificio social Toñito Espiñeira ata o 16 de decembro.

A programación incluirá, ademais, a lectura dun manifesto por parte de varios estudantes do Vicente Otero e do IES de Carral. Así mesmo, presentaranse dúas iniciativas feitas polos propios rapaces e rapazas para conmemorar esta xornada. Por unha banda, cada clase do Vicente Otero personalizou un zapato vermello (símbolo da violencia de xénero) como homenaxe ás vítimas desta lacra social. Pola outra, o alumnado de 1º, 2º, 3º, 4º da ESO do IES de Carral, o equipo docente e o resto de persoal do instituto elaboraron un vídeo no que nomean ás máis de 40 vítimas da violencia de xénero en España ao longo do 2022. O programa pecharase coa realizació dun minuto de silencio.

A concelleira de Igualdade, Mercedes Caridad, sinala que a “educación continúa sendo unha poderosa ferramenta para previr a violencia machista, polo que consideramos fundamental implicalos desde moi novos para previr calquera tipo de violencia.