CARRAL LANZA A SÚA OFERTA DE CAMPAMENTOS DE VERÁN PARA FAVORECER A CONCILIACIÓN DAS FAMILIAS
Carral abriu hoxe, xoves 1 de xuño, o prazo de solicitude dos campamentos de verán, un programa co que o Concello busca favorecer a conciliación entre as familias do municipio. O período de inscrición estará aberto ata os 15 de xuño, dándolles aos veciños e veciñas a posibilidade de inscribir aos nenos e nenas nunha das tres quendas que se celebrarán ata o remate da época estival.
Como nas últimas edicións, o Concello mantén o horario ampliado destas actividades. Deste xeito, os pequenos e pequenas poderán ser atendidos entre as 7.30 ata as 16.00 horas xa que, ademais das propias actividades dos campamentos, o Concello ofrece servizos de Mañanceiro (de 7.30 a 10.00 horas) e de xantar (de 14.00 a 16.00 horas).
Os campamentos, dirixidos a rapaces e rapazas de 3 a 15 anos, terán lugar ao longo de todo o verán en tres quendas e con temáticas diferenciadas: en primeiro lugar irá os Campamento Deportivo (do 26 de xuño ao 14 de xullo), despois os English Sport Camp (17 de xullo ao 4 de agosto) e, por último, o de Deportes e Natureza (do 7 de agosto ao 1 de setembro). Entre as tres, ofertaranse un total de 280 prazas, tendo preferencia os nenos e nenas empadroados ou os que acudan aos centros de ensinanza de Carral.
As inscricións poden tramitarse ata o 15 de xuño. Para facelo, os veciños e veciñas poderán cubrir o boletín de inscrición dispoñible na páxina web do Concello ou, se o prefiren, cumplimentar o formulario online da web municipal. Como noutras convocatorias, as persoas interesadas terán a posibilidade de inscribir aos nenos e nenas por semanas soltas.