CARRAL MANTÉN A SÚA APOSTA POLA CONCILIACIÓN E OFRECE UNHAS 300 PRAZAS PARA OS SEUS CAMPAMENTOS URBANOS DE VERÁN

O goberno local de Carral mantén a súa aposta pola conciliación e ofertará unhas 300 prazas para a próxima convocatoria dos campamentos de verán. O programa celebrarase ao longo de todo o período estival en tres quendas con temáticas ben diferenciadas: a primeira centrarase no deporte, a segunda na aprendizaxe do inglés e, na última, o medio ambiente será o gran protagonista.

O concelleiro de Servizos Sociais, Cultura, Deportes, Xuventude e Participación Cidadá, Francisco Bello, apunta que o obxectivo “é darlle á veciñanza máis facilidades a prol da conciliación da vida familiar e laboral durante a época estival”. Precisamente, para conseguilo, o Concello ampliou, na última edición, os horarios de atención, podendo os nenos e nenas permanecer no recinto desde as 7.30 ata as 16.00 horas.

Os campamentos están dirixidos a rapaces e rapazas de 3 a 15 anos, e celebraranse no recinto do CEIP Vicente Otero Valcárcel (pavillón, pista polideportiva, patio cuberto, etc.) e no local interxeracional, sito a poucos metros do centro de ensinanza.

A rapazada terá a posibilidade de entrar no recinto desde as 7.30 horas. Entre a hora de entrada e as 10.00 horas terá lugar o programa Madrugadores, entre as 10.00 e as 14.00 horas realizaranse as propias actividades e, de 14.00 a 16.00 horas, será a hora do xantar.

A 1ª quenda terá lugar entre o 27 de xuño e o 15 de xullo. As persoas interesadas poderán anotarse entre o 1 e 20 de xuño, podendo achegar a documentación a través do correo electrónico casadacultura@carral.es.