CARRAL PRESENTA O II CICLOCRÓS CONCELLO DE CARRAL

Esta proba, organizada pola Pena Ciclista Monte  Xalo en colaboración co concello, terá lugar o próximo 14 de decembro e puntuará para o campionato galego da especialidade e a clasificación nacional.

A Casa do concello de Carral acolleu hoxe, luns 9 de decembro, a presentación oficial do II Ciclocrós  Concello de Carral. O acto estivo presidido por D. Juan Carlos Muñiz Nieto, presidente da federación galega de ciclismo, Julio Brandariz Seoane, presidente do club  PC. Monte  Xalo, e Francisco  J. Belo Hermida, concelleiro de deportes do concello de Carral.

Esta proba celebrarase sábado 14 de decembro, sendo a 10ª proba da Copa Galicia de Ciclocrós, campionato galego que se desenvolve ao longo de toda a xeografía galega desde outubro a xaneiro. Esta competición está abalada e convocada pola Federación Galega de Ciclismo, sendo organizada polo club  PC. Monte  Xalo coa colaboración do Concello de Carral. Son preto 350 os corredores que tomarán a saída nas diferentes categorías (desde cadete a máster) e de diversas procedencias (Galicia, Asturias e León).

CalveteA proba desenvolverase nun circuíto de máis de 2 km, habilitado no lugar de  Taramuño – San Vicente (parroquia de Carral). A superficie do mesmo será  predominantemente por campa vexetal verde, incorporándose ao longo do seu percorrido diversos obstáculos naturais en forma de desniveis, noiros e ramplas, e outros artificiais como escaleiras, taboleiros e fosos.   O horario da proba será desde as 14.30  h ata as 18.30  h, momento no que se pasará a facer entrega dos premios aos mellores de cada categoría.

Entre os favoritos á vitoria, atópase Andrés  Calvete  Candal (Máster 30), membro do club organizador e líder destacado no campionato galego e que, salvo sorpresa, volverá subir ao  podio este sábado ás 18.30  h.

Para o correcto desenvolvemento da proba, desde o concello de Carral atendendo á seguridade do espectáculo, estableceu o peche das estradas periféricas ao circuíto, facilitando o tránsito a pé dos deportistas e espectadores. Unha vez terminada a proba deportiva restablecerase o tránsito normal de vehículos.

Para máis información poden dirixirse ao departamento de deportes do concello de Carral a través do teléfono 981.67.25.80 ou deportes@carral.es.