,

CARRAL REUNIU A MÁIS DE 4.000 ASISTENTES NAS SÚAS ACTIVIDADES CULTURAIS DE 2024

Máis de 4.000 persoas tomaron parte na oferta de actividades culturais que o Concello organizou ao longo do 2024. O programa incluíu espectáculos pertencentes a distintos xéneros e destinadas a varias franxas de idade. Así se expuxo, esta mañá, nun acto no que se avaliaron a programación e os resultados acadados o pasado exercicio. A cita realizouse na Casa da Cultura e nela estiveron presentes o alcalde, Javier Gestal, a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, e o técnico da área de Cultura de Carral, Carlos Lorenzo, que se encargou de repasar os fitos máis destacables. Entre eles, ademais das cifras de asistencia, despuntou o total de iniciativas organizadas, que chegou ás 73.

Este acto é froito do traballo realizado desde o departamento de Cultura para reunir datos que permitan, non só valorar os resultados e os impactos na cidadanía, senón tamén para reorientar estratexias e políticas culturais.

As actividades estiveron repartidas ao longo do ano, con propostas todos os meses. Porén, o de novembro foi o que congregou un maior número, chegando ás 12. O ciclo de Cine Documental Galego, os contacontos para a animación á lectura, o Premio de Poesía Concello de Carral, CulturúaMúsicas ÍntimasNoites de Monólogo, o Ciclo de Teatro de Outono e o programa Papeques foron as principais no calendario carralés, aínda que non foron as únicas. A este listado hai que sumar, ademais, o festival Muller a Escena, o espectáculo de Vilatriste a Vilalegre do Centro Dramático Galego, as propostas artísticas Dinamiz-ARTj do Instituto para a Transición Xusta, Elas son artistas e a exposición fotográfica Nós tamén fomos emigrantes.

Propostas máis numerosas

As artes escénicas, incluíndo a danza, supuxeron máis dun terzo da programación anual de 2024, reunindo, así mesmo, á metade do público asistente. As sesións de contacontos para nenos e nenas son a segunda categoría máis numerosa do 2024, ocupando tamén a segunda posición en cifra de participantes. No terceiro lugar atópase a proxección de audiovisuais.

Premio de Poesía

No 2024, o Concello celebrou a 27ª edición do seu Premio de Poesía. Trátase dun dos certames máis lonxevos de Galicia que conseguiu un auténtico récord en cifras de participación. En total, á convocatoria achegáronse 94 obras grazas á implantación dun novo sistema telemático para a presentación dos traballos.

Ciclo de Teatro de Outono

O Ciclo de Teatro de Outono é, sen lugar a dúbidas, unha das iniciativas mellor asentadas na programación municipal. A de 2024 incluíu a representación de 12 obras e, ao remate de cada unha das funcións, o público tivo a oportunidade de responder a unha enquisa de satisfacción. Do total de participantes (1.151 persoas), responderon ao cuestionario case un 30%.

Nestas enquisas preguntóuselle ao público que puntuación lle concedía á obra, se a recomendaría a outras persoas, cales eran os aspectos que máis lle gustaran e, por último, cal era o nivel de dificultade á hora de entender a representación. 

A puntuación media acadada por estes espectáculos foi de 4,7 sobre 5. Así mesmo, un 97% das persoas que encheron a enquisa recomendarían as obras que conformaron o Ciclo de Teatro de Outono.