Folleto Escolas 22-23     BOLETÍN DE INSCRICIÓN

O Concello abrirá mañá, luns, 5 de setembro, o prazo de inscrición para as súas Escolas Municipais, ofrecendo unhas 40 actividades. Nesta edición, o programa inclúe propostas deportivas, culturais, educativas, de Servizos Sociais e algunhas organizadas polas asociacións e clubs do municipio. Desde o goberno local sinalan que se trata dunha oferta “completa e que conta con iniciativas para os veciños e veciñas de todas as idades coa que se busca, entre outros obxectivos, promover a conciliación da vida laboral e familiar”.

Como novidade con respecto a outros anos, o Concello inclúe, nesta ocasión, as diversas iniciativas culturais e deportivas que levan a cabo as entidades do municipio. Con isto conséguese, non só ampliar o listado de actividades, senón tamén pór en valor e impulsar o labor que realiza o tecido asociativo de Carral. A maiores, por primeira vez, o centro de formación Antón Fraguas acollerá a Escola Municipal de Música, con clases para aprender a tocar os seguintes instrumentos: piano, guitarra, batería, baixo, contrabaixo, violonchelo, violín, frauta, clarinete, trompeta e saxo.

A convocatoria incorpora as seguintes actividades:

  • Atletismo escolar: para nenos e nenas a partir de 4 anos
  • Ximnasia rítmica escolar: para nados no 2018 e anteriores
  • Patinaxe escolar: a partir dos 4 anos
  • Judo: a partir dos 4 anos
  • Judo (Tabeaio): a partir dos 4 anos e tamén para adultos
  • Baloncesto: a partir dos 6 anos
  • Tiro con arco: a partir de 6 anos e para adultos
  • Equitación: a partir de 7 anos e para adultos
  • Pádel: a partir de 8 anos
  • Tiro Olímpico: a partir de 8 anos e para adultos
  • Zumba: a partir de 12 anos
  • Ioga: a partir de 14 anos
  • Jumping fítness: a partir de 14 anos
  • Teares e tapices
  • Obradoiros culturais
  • Actividades escolares: servizo de madrugadores e concilia día a día, robótica, debuxo e pintura, fun english, música e movemento, baile moderno, informática, cociña divertida e ciencia divertida.
  • Escola municipal de música
  • Ximnasia de mantemento en Carral
  • Ximnasia de mantemento nas parroquias
  • Fútbol sala e balonmán coa U.D. Carral
  • Bailes latinos, cociña e repostería, costura para principiantes e calceta e gancho coa asociación de Mulleres Rurais.
  • Baile tradicional e pandeireta e teatro coa AA.VV. O Rueiro de Tabeaio.
  • Escola de música da man da asociación Cultura Aberta de Carral.

As persoas interesadas deberán presentar a solicitude cuberta e asinada, preferiblemente, de xeito telemático a través do correo casadacultura@carral.es ou da sede electrónica carral.es. Así mesmo, poderanse presentar de xeito presencial na Casa da Cultura ou no Complexo Deportivo. O prazo de solicitude estará aberto desde mañá, 5 de setembro ás 9.00 horas, ata o día 23. As actividades comezarán na primeira semana de outubro.

O vindeiro, 25 de setembro, aterrará no concello de Carral unha nova edición do programa de voluntariado ambiental ‘Móllate polos ríos’, na que participa a Asociación de Custodia do Territorio Brexa.

A xornada, que terá lugar de 10:30 a 13:30 horas, centrarase nas labores nun tramo do río Barcés, ao seu paso polas parroquias de Paleo e Sarandóns.

Podedes anotarvos no 698 146 685, en brexa.asociacion@gmail ou na páxina web e as redes sociais da asociación.

  •   O prazo de solicitude estará durante 10 días hábiles contados a partir de hoxe, martes 13 de setembro.

Carral, 13 de setembro de 2022. O Concello acaba de abrir o prazo de solicitude dunha nova liña de axudas dirixida ás comisións de festas. O obxectivo desta subvención, de 9.000 euros, é contribuír cos organizadores das celebracións patronais que, ao longo do ano, puideron retomar a súa actividade tras dous anos de parón pola covid-19.

O Concello lanza a medida tras formular a solicitude á Deputación e, no lugar de investilo, decidiuse colaborar coas múltiples comisións do termo municipal. Os fondos municipais proceden do programa PEL-Concellos, axudas ao sector das orquestras e verbenas e repartiranse de xeito equitativo entre as entidades que cumpran os requisitos fixados nas bases.

As empresas propietarias de orquestras que vaian ser contratadas deberán cumprir, ademais, cos seguintes requisitos:

  • Ter o seu domicilio fiscal e social en Galicia.
  • Contar cun mínimo de dous anos de experiencia continua na actividade a partir da data de publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.
  • Declarar, responsablemente, que teñen unha composición mínima de seis integrantes. Da cifra, polo menos catro deben tocar algún instrumento musical na súa actuación.
  • Declarar, responsablemente, que o 80% da súa actividade se centra na organización de espectáculos e actuación musicais en directo.

As comisións interesadas deberán pedir estas axudas nun prazo de 10 días hábiles contados desde hoxe, martes 13 de setembro. As que resulten beneficiarias poderán sufragar eventos levados a cabo entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022, non podendo imputarse cargos realizados con posterioridade.

Dende o Concello de Carral informamos de que, do 14 ao 18 de outubro, permanecerá no noso municipio unha unidade móbil de inspección técnica de vehículos agrícolas, situado no Polígono Industrial, xunto ao Punto Limpo.

O horario de dita instalación será de 9:00 a 13:30 horas e de 15:15 a 18:00 horas.

Todas as persoas interesadas poden solicitar a súa cita previa no 902 30 90 00 ou a través da web: www.sycitv.com.

Máis información no servizo de medio ambiente do Concello ou no 981 67 00 02.

 

 

Tras dous anos de parón pola covid-19, Carral recuperará este mércores, 7 de setembro, a súa xa tradicional Festa da Empanada. Nesta corenta e sete edición, as previsións do Concello e dos panadeiros son alcanzar e mesmo superar as cifras de venda do 2019, cando se despacharon 12.000 racións desta elaboración. Así o indicaron o alcalde, Javier Gestal, e os representantes das panadarías participantes este ano: Panadería Manuel Rodríguez, Panadería Pedro Fernández, Panadería Cañás e Panadería Da Cunha.

O evento gastronómico, que comezará o mércores a partir das 18.30 horas, supoñerá o pistoletazo de saída das festas en honra á virxe do Socorro.

Durante a presentación do evento, o rexedor celebrou “o regreso” da Festa da Empanada, que describiu como “unha cita xa consolidada tanto para os carraleses e carralesas como dentro da programación estival na comarca”. Gestal incidiu en que a celebración non podería levar a cabo “sen o enorme esforzo que realizan as panadarías, que teñen que dobrar o traballo para chegar ás cifras de venda”.

Nesta edición, a ración de empanada custará 4 euros. No caso das variedades de polbo e zamburiñas, o prezo será de 6 euros. O prezo incluirá viño por cortesía dos artesáns. As panaderías terán tamén á venda elaboracións doces.

Ambientación musical

Boa comida, pero tamén boa música. Están previstas varias actuacións de música e baile a cargo das seguintes agrupacións: Grupo de Baile O Rueiro de Tabeaio, Os Viqueiras de Ordes, o Grupo Tradicional Arnela e o Grupo de Gaitas Catalmibre. Pola noite, o inicio das festas do Socorro estará amenizado pola orquestra París de Noia e Los Coleguitas.

Cartel Músicas Íntimas 2022A Concellería de Cultura do Concello de Carral organiza esta fin de semana o seu ciclo Músicas Íntimas que se desenvolve na piscina municipal. Nesta edición serán os grupos Volando Libre e Black os que ofrezan os seus concertos traendo a Carral música negra, jazz, folk, bandas sonoras e outros estilos musicais.
Volando Libre está formado por tres músicos de recoñecido prestixio no eido galego, como son Alfredo Gómez Sieiro, Vadim Yukhnevich e Mauricio farán un repaso musical por múltiples músicas do mundo. O seu concerto será o sábado 3 de setembro. Pola súa banda o domingo 4 de setembro subirá ao escenario o dúo Black liderado pola vocalista Iria Mejuto, unhas das mellores voces galegas dedicadas ao soul.
As dúas actuacións terá lugar ás 22:00 h. No caso de chuvia, os concertos realizaranse na Casa da Cultura.
Os concertos están incluídos na Rede Cultural da Deputación da Coruña e en Cultura no Camiño de Agadic.

Carral será a sede da primeira Copa Galicia XCM, unha proba que dará continuidade á V BTT de Carral, xa consolidada no calendario deportivo do municipio. O alcalde, Javier Gestal, o concelleiro de Deportes, Francisco Bello, o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, e Enrique, David e Adrián, do Club BTT Carral, presentaron onte o certame. Durante a súa intervención, o rexedor sinalou o “orgullo que supón para un municipio de Carral converterse no lugar de celebración dunha proba deste nivel”. A proba, que se celebrará o 21 de agosto (de 9.00 a 14.00 horas), discorrerá, principalmente, polo concello e terá 70 km de percorrido.

A I Copa Galicia XCM, organizada pola Federación en colaboración co Club BTT Carral e o Concello, buscará cumprir os seguintes obxectivos: promover a práctica deportiva entre a veciñanza, dar a coñecer a vila e as paraxes naturais e históricas do municipio e, por último, fomentar o emprego da bicicleta nos desprazamentos.

O certame ofrecerá dous percorridos: unha maratón de 70 km e unha ruta curta de 45 km. Poderán anotarse ata un máximo de 400 persoas que deberán ser maiores de 16 anos para tomar parte no circuíto.

Ao remate da xornada, farase unha entrega de trofeos aos tres mellores equipos. A clasificación levarase a cabo tendo en conta a suma dos tempos dos tres primeiros corredores de cada grupo que realizaran o percorrido completo da ruta longa en menos tempo.

O prazo de inscrición xa está aberto e pecharase o mércores, 17 de agosto. As persoas interesadas poderán anotarse a través da plataforma da Federación Galega de Ciclismo.

 

A Consellería de Emprego e igualdade, outorgou o Concello de Carral, xunto cos seguintes concellos: Concello de Abegondo, Concello de Bergondo, Concello de Betanzos,
Concello de Coirós, Concello de Oza-Cesuras, Concello de Paderne e Concello de Sada, o obradoiro dual de emprego denominado “RESERVA DE BIOSFERA: EMPREGO VERDE II”

Data de inicio prevista o 19/09/2022 e fin o 18/09/2023
Se estás interesado debes inscribirte ou estar inscrito nas seguintes especialidades (Son as dúas de nivel 1 polo que non é preciso ter a ESO)

Debes figurar inscrito como demandante no código de ocupacións relacionadas co obradoiro.

Para mais información ponte en contacto co servizo de emprego no Toñito Espiñeira ou no teléfono: 981 613520

Fanse públicas as listaxes de admitidos e reservas nos CAMPAMENTOS DE MEDIO AMBIENTE E RECICLAXE (do 8 de agosto ao 2 de setembro) Read more

Rematado o prazo de inscrición nos CURSOS DE NATACIÓN DO MES DE AGOSTO que se impartirán entre o 1 e o 31 de agosto, publícanse as LISTAXES DE SOLICITUDES ADMITIDAS E AS RESERVAS: Read more