Este ano queremos que o alumnado participe na elaboración dos decorados de Nadal dos centros escolares. Para iso, desde o Concello de Carral invitamos a participar nun taller de elaboración de decoración de Nadal con material de refugallo coa presencia de monitores.

8 DE DECEMBRO

HORARIO: 16.00-20.00 (dependendo do número de asistentes poderán realizarse quendas)

LUGAR: CARPA NO CAMPO DA FEIRA

Acceso gratuíto con inscrición previa (como medio de control da Covid-19) no departamento de Educación a través do correo electrónico educacion@carral.es ou no WhatsApp 678 33 88 72 poñendo nome, apelidos e  idade dos participantes.

Inscrición do 29 de novembro ao 2 de decembro por orde rigorosa de entrada.

Se hai prazas poderán anotarse o mesmo día da actividade.

Cada participante pode levar material de refugallo ese día para traballar con el (rolos de papel, la, cordóns, botóns, botes baleiros, etc.) e despois poderán levar algún obxecto realizado por eles mesmos para a decoración do seu fogar.

A maiores desta actividade, o Concello levará a cabo un obradoiro de olería e, ademais, procederá ao acendido da iluminación de Nadal. Durante a xornada haberá tamén animación musical a cargo do grupo de música tradicional Arnela.

Animádevos a participar!

A extensa tradición poética de Carral valeralle para participar en Culturgal, que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra ao longo da fin de semana. Como impulsor dun dos concursos de poesía máis lonxevos de Galicia, Carral promoverá, en colaboración con outros Concellos, un recital para dar maior visibilidade aos autores e autoras premiados neste tipo de certames. A proposta será o domingo, 28 de novembro, ás 13.45 horas.

Desde o goberno local destacan o orgullo que supón poder participar nun evento de tal envergadura, no que se buscará “seguir dándolle visibilidade ao Certame de Poesía Concello de Carral”. Para conseguir estes dous obxectivos, o Concello realizou xa varias presentacións conxuntas sobre o certame. A última delas levouse a cabo este mesmo mes en colaboración coa Asociación Alexandre Bóveda da Coruña.

O recital deste domingo estará presentada polo técnico de Cultura do Concello, Carlos Lorenzo, e contará coa participación dos seguintes autores e autoras:

  • Daniel Asorey (Premio González Garcés).
  • Lorena Conde (Premio Cidade de Ourense e Premio Filomena Dato).
  • Óscar García Ramos (Premio Francisco Añón).
  • Charo Pita (Premio Illas Sisargas).
  • Sara Plaza (Premio Pérez Parallé).
  • Manuel López Rodríguez (Premio Concello de Carral, López Ardeiro e Premio Eduardo Pondal).
  • Xerardo Quintiá (Premio Concello de Vilalba).
  • Rexina Vega (Premio Rosalía de Castro – Cornellá).
  • Manuel Antonio Piñeiro (Premio Rosalía de Castro – Cornellá).

O Concello de Carral está a preparar unha exposición para homenaxear ao fotógrafo José Gestal ‘Cardoña’, que ven de ser recoñecido recentemente como Fotógrafo histórico da provincia da Coruña.

A exposición presentará fotografías feitas por Cardoña. O Arquivo Fotográfico municipal conta xa con fotos feitas por este fotógrafo, mais a Concellería de Cultura desexa solicitar da cidadanía de Carral que colabore prestando para a súa dixitalización vellas fotos feitas por Cardoña que conservan nos seus álbums familiares.

Para ceder temporalmente as fotografías, as persoas que desexen colaborar deberán achegarse á Casa da Cultura. Cada persoa que ceda fotos, recibirá de agasallo un exemplar do libro de fotos antigas ‘Fotos para as mil historias de Carral’.

A Concellería de Carral ten a intención de ter disposta a exposición para antes de que remate o ano, polo que prega que as persoas que colaboren o fagan antes do 4 de decembro.

O ciclo de teatro que se desenvolve no Local Xente Nova de Tabeaio, presenta este sábado a Ibuprofeno Teatro con ‘O mel non caduca’.

Sinopse: Dous científicos/apicultores, en 2173, levan a cabo sofisticados e absurdos experimentos, nun contexto de futuro distópico no que o planeta está arrasado. Tratan de crear sinteticamente unha abella a partir do último tarro de mel que se conserva na historia. Constrúen unha árbore no seu laboratorio para tratar de recuperar os ciclos naturais, que se perderon hai tempo.

Dous irmáns volven á casa familiar na aldea pola morte da súa nai. O conflito aflora cando deben xestionar as pertenzas familiares. O irmán máis vello opta por vendelo todo. A rapaza, máis nova, entra nunha crise vital porque se debate entre a súa acomodada vida nunha cidade afastada e a nostalxia que lle produce volver entrar en contacto cos obxectos e os recordos que marcan a súa historia vital.

A función terá lugar no Local Xente Nova de Tabeaio o sábado 20 de novembro ás 20:30 h. Como ven sendo habitual, é necesario reservar as entradas no teléfono 981 672 580.

O filme norteamericano ‘El rey del barrio’ é a próxima proposta que a Concellería de Cultura fai no seu programa Cine na Casa da Cultura.

Esta película é unha comedia dramática semiautobiográfica sobre os anos que pasou o protagonista Pete Davidson en Staten Island, incluíndo a morte do seu pai no 11-S e a súa entrada no mundo da comedia.

Para asistir á proxección, que terá lugar o venres ás 20:30h, hai que reservar entradas no 981 672 580. Son de balde.

O grupo Títeres Cachirulo presenta este xoves un espectáculo especialmente producido para nenas e nenos de entre 1 e 5 anos de idade. Güe-güe é unha obra de marionetas no que o público descubrirá nunha noite de lúa chea o que é un güe-güe.

A actuación terá lugar na sala polivalente do edificio social Toñito Espiñeira de Carral, ás 18:00 h. O aforo para este tipo de actividades é moi limitado. Cada menor deberá estar acompañado dunha única persoa adulta. Para reservar entradas hai que chamar ao 981 672 580.

Concello de Carral

 

Por decreto da alcaldía do 12 de novembro de 2021 o señor alcalde resolveu iniciar o procedemento de selección e aprobar as bases que rexerán a contratación laboral temporal urxente dun/ha técnico/a en materias medioambientais.

 

Coa publicación deste anuncio na web e no taboleiro de anuncios do Concello comeza o prazo para a presentación das solicitudes dos/as candidatos/as interesados/as  no procedemento.

 

Para calquera dúbida ou aclaración poden dirixirse ao departamento de Recursos Humanos do Concello.

 

bases

Decreto de aprobación do protocolo Covid-19 para as instalacións deportivas e culturais

O Concello de Carral solicitará á Deputación da Coruña unha subvención nominativa coa que crear o espazo cuberto máis grande do municipio. A intención, tal e como sinalou o alcalde, Javier Gestal, é que esta axuda se empregue para construír un espazo polivalente de 700 m2 nas inmediacións do centro de saúde e do complexo deportivo. O rexedor lembrou que no pleno de xullo xa se aprobara a solicitude dunha subvención ao ente provincial para a execución da reforma das pistas deportivas na rúa  Paleo. “Agora, ante a previsión de que Alternativa dos  Veciños  poida conseguir un maior investimento para a realización deste proxecto,  levamos a pleno a proposta para pedir unha nova solicitude de subvención que nos permita levar a cabo un proxecto máis ambicioso e que suporá a creación da instalación cuberta máis grande do municipio”.

A memoria orixinal do proxecto incluía as seguintes actuacións: construción dun muro de contención na parte traseira das pistas e dunha soleira de formigón armado en toda a superficie, disposición dun peche perimetral de 4 metros de altura de malla  electrosoldada e do cerramento do centro de saúde de 1 metro de altura, canalización de pluviais, creación dun lavadoiro de bicicletas e instalación eléctrica. A disposición dunha maior contía supoñerá a execución dunha cuberta de 700 m2 sobre as pistas. Unha vez concluídos estes traballos, o Concello dispoñerá dunha dependencia de grandes dimensións que poderá acoller tanto eventos como actividades de todo tipo.

O punto foi aprobado co voto a favor de Alternativa dos Veciños e do Partido Popular e coa abstención do PSOE, que indicou que había “outras prioridades antes dá  execución  desta obra”.

Os locais socioculturais de Ans, Cañás, Sergude, San Vicente de Vigo, Quembre, Barcia, Herves, O Canedo e A Cabra volverán abrir as súas portas a partir desta fin de semana. O Concello adopta esta medida ante a mellora da situación epidemiolóxica da covid-19 na comunidade, permitindo que estas instalacións acollan, novamente, reunións e asembleas, charlas, concertos musicais, proxeccións audiovisuais, clases e actividades formativas e propostas de lecer.

En todo caso, o emprego destas instalacións estará supeditado ao cumprimento dun protocolo covid-19. Entre as medidas, o Concello fixa o aforo máximo permitido nestas dependencias a 30 persoas –agás en Cañás, onde o número máximo será 18-, así como a hora de peche, marcada para as 23.00 horas. O documento sinala, ademais, o uso obrigatorio da máscara, así como a necesidade de que as persoas participantes en calquera actividade permanezan sentadas durante a mesma.

As persoas responsables das iniciativas que se leven a cabo nestes locais deberán ter dispoñibles recursos para a limpeza de mans e para a desinfección do equipamento empregado, terán que rexistrar o nome e o teléfono das persoas asistentes e garantir, ademais, a distancia de seguridade indicada polas autoridades sanitarias, así como as directrices para ventilar o local e evitar as aglomeracións.

A reserva de locais poderase realizar cumprimentando o modelo de solicitude. Este documento pódese pedir a través do correo casacultura@carral.es e do teléfono 981 67 25 80. A reserva deberase facer nun prazo mínimo de 7 días naturais de antelación.

Actualización do protocolo en instalacións deportivas

O Concello actualizou o protocolo covid-19 das instalacións deportivas á última orde do Diario Oficial de Galicia do 22 de outubro. A flexibilización destas medidas supuxo a apertura dos vestiarios nas diferentes dependencias.

Este documento reflicte, por unha banda, medidas xerais que afectan a todas as dependencias deportivas e, pola outra, normativas e indicacións específicas para cada espazo. Entre elas, regúlase o acceso e estancia en cada dependencia, medidas de desinfección e limpeza, aforos permitidos, uso de vestiarios, etc.

Indicacións para a apertura de centros sociais de Carral

Decreto de aprobación do protocolo Covid-19 para as instalacións deportivas e culturais