FOTO CARRAL- PROYECTO MEJORA SEGURIDAD VIAL CARRAL

O Concello de Carral aposta, unha vez máis, por reforzar a seguridade viaria en todo o municipio. Por esta razón, un dos proxectos a medios prazo é mellorar oito pasos de cebra (tres en Tabeaio e cinco no núcleo urbano) ao seu paso pola N-550. O goberno local acometerá esta obra despois de detectar que as condicións de seguridade nestes pasos de cebra son insuficientes pola falta de accesibilidade e visibilidade.

FOTO CARRAL- PROYECTO MEJORA SEGURIDAD VIAL CARRAL

As actuacións acometeranse en oito pasos de peóns do núcleo urbano e da parroquia de Tabeaio

Por esta razón, o obxectivo é mellorar as condicións dos pasos de peóns a nivel de accesibilidade universal, para o que se colocarán baldosas podotáctiles (especialmente deseñadas para persoas con discapacidade vsual) e se mellorarán e ampliarán as pendentes dos vados. Ademais, unha das grandes novidades consistirá na instalación dun sistema de iluminación capaz de detectar a presenza do peón cando este cruza. Este dispositivo alertará aos coches con luces chamativas cando as persoas estean atravesando o paso.

Trátase dun proxecto pioneiro que o alcalde, José Luis Fernández Mouriño, considera que “mellorará considerablemente a seguridade viaria en todo o municipio”.

 

Por sétimo ano consecutivo, a Biblioteca Municipal pon en marcha unha nova campaña de libros solidarios.Folleto libros solidarios 2018

Coincidindo coa XVI Festa do Pan que se celebra na nosa localidade os días 12 e 13 de maio,

a biblioteca instalará un stand ó carón da Casa do Concello, para facer novamente un troco solidario, libros por alimentos e productos de primeira necesidade.

Ata o día 10 de maio, levarase a cabo unha recollida de libros usados ( agás libros de texto, enciclopedias ou os que estean en mal estado). Os interesados poderán depositalos na biblioteca municipal (Casa da Cultura).

Todo o material recollido neste troco solidario, será xestionado polos Servicios Sociais do Concello de Carral.

CARRAL E CACHEIRAS LEMBRAN A HISTORIA QUE UNE A AMBOS OS LUGARES NUNHA HOMENAXE AOS MÁRTIRES

Máis de sesenta alumnos do IES Carral e IES de Teo reencontráronse este xoves, 26 de abril, para lembrar a historia que une a ambos os municipios e para render homenaxe, ante o Monumento dos Mártires, a Miguel Solís e aos seus oficiais, fusilados na vila carralesa o 26 de abril do 1846, un acontecemento do que se cumpren 172 anos.

O encontro entre o alumnado arrincou no Campo dá Feira, onde o alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, exerceu de anfitrión e explicoulles parte dos feitos acaecidos no 1846. A continuación, os mozos, acompañados por persoal de Protección Civil e da concellería de Educación e Benestar, percorreron o camiño ata o cemiterio de Paleo, onde descansan os restos dos oficiais sublevados. Alí depositaron un ramo de flores nas tumbas, realizaron unha lectura de poemas e mesmo cantaron unha canción composta polos estudantes de Cacheiras.

Máis de 60 alumnos de Carral e Cacheiras realizaron a clásica homenaxe aos  Mártires

Máis de 60 alumnos de Carral e Cacheiras realizaron a clásica homenaxe aos Mártires

Durante a propia ofrenda fronte ao Panteón os estudantes de ambos os institutos alzaron as súas voces para entoar ao unísono o himno galego, un canto ao que tamén se uniron algúns carraleses. Así mesmo, os mozos depositaron unha coroa de flores no lugar.

Contacontos 26 abril 2018.Un ano máis, a Biblioteca Municipal está a celebrar durante todo o mes de abril o Día do Libro.

Coa intención de achegar os libros ós máis cativos do Concello, visitaron a biblioteca os nenos e nenas da escola infantil “A Galiña Azul,” que coñeceron de primeira man, o fondo bibliográfico destinado específicamente para eles e que se atopa  na Biblioteca Infantil.

Agardamos tamén a visita do alumnado de educación infantil do CEP Vicente Otero e da escola unitaria de Tabeaio, que o día 24 de abril achegaranse á biblioteca municipal, nesta ocasión para gozar  dunha sesión de contacontos  realizado pola Compañía do Trinketrinke.

O día 26 de abril, volve a compañía do Trinketrinke para presentarnos o seu contacontos teatral “ Avós”, dirixido a nenos e nenas de 3 a 8 anos. Será na biblioteca pública municipal ás 18:00 horas. As invitacións estarán dispoñibles dende o luns 23, na Casa da Cultura e na Biblioteca Infantil.

Durante este mes, comeza tamén a VII campaña Libros Solidarios que se extenderá dende o 23 de abril ata o 10 de maio e na que todos os interesados poderán entregar en calquera das bibliotecas ( Casa da Cultura ou Infantil ) libros usados en bo estado.

A finalidade desta campaña é que durante a Festa do Pan ( que se celebrará na nosa localidade os días 12 e 13 de maio), estes libros donados previamente se cambien por alimentos non perecedeiros. Todo o material  recollido serán xestionados polos Servicios Sociais Municipais.

Lembrar tamén que ó longo destes días todos os usuarios que visiten as nosas bibliotecas terán a oportunidade de levar para a súa casa como agasallo, algún dos libros que están á súa disposición tanto na Biblioteca Municipal como na Biblioteca Infantil.

Carral saca a licitación un plan de asfaltado en cinco parroquias e no núcleo urbano por importe de medio millón de euros

O Concello de Carral sacou a licitación actuacións de mellora en viarias das parroquias de Cañás, Tabeaio, San Vicente de Vigo, Beira, Santiago de Sumio e no núcleo urbano por un importe total de 448.224 euros.

Os viarios incluídos neste proxecto presentan unhas condicións deficientes para a circulación de vehículos e peóns. Os traballos de asfaltado levaranse a cabo nas estradas dos lugares de Sobrepiñeiro ( Tabeaio), Fornos (Beira), A Cabra (Santiago de Sumio), A Bailía ( Cañás), Tarroeira de Sumio (Santiago de Sumio), Lavandeira ( Cañás), As Táboas (San Vicente de Vigo), así como nas rúas do Pan e Alcalde Xavier Alvajar, e estarán financiados pola Deputación da Coruña.

Carral saca a licitación un plan de asfaltado en cinco parroquias e no núcleo urbano por importe de medio millón de euros

Este plan de asfaltado acometerase en cinco parroquias

En todos estes puntos das cinco parroquias, as actuacións basearanse, fundamentalmente, na pavimentación, perfilado de cunetas e o pintado da sinalización horizontal nos camiños para facelos así máis seguros para o tránsito de coches.

Melloras no centro do municipio

Na rúa do Pan, os traballos consistirán na humanización do espazo, dándolle unha maior preferencia ao peón e garantindo así mesmo, unhas mellores condicións de seguridade para os viandantes. Doutra banda, na rúa Alcalde Francisco Xavier Alvajar acondicionaranse as beirarrúas para facilitar o paso das persoas con mobilidade reducida.

Camiños de San Vicente e Tabeaio

Doutra banda, a través dunha subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), melloraranse varios camiños das parroquias de Tabeaio e San Vicente. Así, en San Vicente proxéctase unha actuación sobre a estrada que conduce do lugar de Abrigosa ao lugar de Balbén, onde se estenderá unha capa de mestura bituminosa sobre o firme e limparanse as cunetas. Pola súa banda, en Tabeaio, os traballos consistirán na ampliación da anchura do viario e na formación de cunetas na estrada que une Esperón e Cambela. Tal e como indica o alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, todas estas obras responden as peticións dos veciños, e servirán para “mellorar a seguridade viaria en varias parroquias do municipio”.

Os diferentes eventos deportivos previstos reunirán en Carral a máis de 800 deportistas.

 

IV Torneo de Ximnasia rítmica.Cartel Torneo de Ximnasia Rítmica

O sábado 7 de abril, celébrase no pavillón municipal  do Espiño, a 4ª edición do torneo  carralés de ximnasia rítmica. Este evento deportivo e de carácter competitivo, está organizado polo club X. R. Carral en colaboración co Concello.

Ao redor das 10.00 da mañá, dará comezo a competición que se desenvolverá ao longo de todo o día, con máis de 500 ximnastas divididas en 14 categorías, desde  babie ata sénior. As actuacións (125 en total) distribuiranse en horario de mañá, desde as 10.00 ás 13.30  h, e pola tarde, de 16.00 a 19.30  h. Para valorar as actuacións contaremos con xuíces federadas que determinarán as campioas.

 

 

 

XVI Exhibición de escolas de ximnasia rítmica.Cartel Exhibición

Xa o domingo pola mañá, desde as 11.00  h ata as 14.00  h, terá lugar a  XVI Exhibición de Ximnasia Rítmica de Carral, organizado polo concello de Carral coa colaboración de club de ximnasia rítmica da localidade.   Nesta edición participarán case 250 mozas do Colexio Mª  Barbeito, Compañía de María, Oza/Cesuras, do Colexio Obradoiro, do Internacional de Eirís, a Escola  Millenium e as Escolas Municipais de Abegondo e Carral. Este evento deportivo ten un carácter de mostra e exhibición a diferenza do torneo do día anterior. As idades das deportistas oscilarán entre os 3 anos das máis precoces e os 17 das máis “veteranas”. En total contaremos cun total de 54 actuacións, tanto colectivas como individuais. A longo da hora e media que durará a exhibición, as deportistas demostrarán o seu dominio nas diferentes disciplinas deste deporte; mans libres, corda, pelota, cinta, aro e mazas. Unha vez terminada a actuación faráselles entrega a todas as deportistas dunha medalla conmemorativa do certame.

 

 

 

III Torneo Interprovincial “Jóvenes Promesas” de tiro olímpico.Torneo Jóvenes Promesas

O domingo desde as 10.00 a 14.00 h celebrarase a 3ª edición do torneo interprovincial de novas promesas de tiro olímpico na galería de tiro olímpico municipal de Carral. Este torneo, organizado polo club de tiro olímpico da localidade ten como finalidade a de promocionar e difundir o deporte de tiro olímpico e con carabina entre os máis novos. Nesta 3ª edición participarán máis de 50 tiradores de todos os puntos de Galicia, e tamén Asturias e León, distribuídos nas categorías de benxamín, alevín, infantil e cadete.

 

 

 

XVIII Exhibición de patinaxe.

Doutra banda, o departamento municipal de deportes, segue traballando na nova edición da exhibición municipal de patinaxe que terá lugar o domingo 15 de abril, tamén no pavillón municipal de Espiño. Serán ao redor de 230 patinadores os que tomarán parte neste clásico primaveral en Carral.

 

Para todos aqueles interesados, poden informarse na Casa da Cultura de Carral, no 981.67.25.80 ou en deportes@carral.es.

As redes sociais están presentes na forma de relacionarse no día a día dos rapaces e rapazas, tanto que mesmo seguen comunicándose a través das redes cando non están xuntos. O uso que fan delas, permítelles agregar as súas amizades, compañeiras e compañeiros de clase, a xente que non coñecen en persoa, poden crear grupos, colgar fotos, reflectir os seus intereses etc. Ademais de ter unha percepción de baixo risco no uso destas ferramentas, non se paran a pensar nos usos que fan das redes sociais, nas implicacións que pode ter compartir certa información, no acceso a contidos pouco axeitados ou de fontes pouco fiables que non saben como manexar.

Entre os obxectivos de este obradoiro están: Dar a coñecer os centros Quérote+ e os seus servizos, fomentar hábitos de uso responsable nas tecnologías, reflexionar sobre posibles situacións que poden darse co uso das redes sociais.

Dende a OMIX organizase este obradoiro, impartido polo centro QUEROTE+ da Coruña, o 13 de abril de 17:00 horas a 18:30 horas no Local da Xuventude, para mozas e mozos de 14 a 16 anos.
O obradoiro e totalmente gratuíto e o prazo de inscirción remata o 11 de abril.

Para anotarte o ter mais información podes chamar ou pasarte pola Casa da Cultura (981.67.25.80), ou polo Local da Xuventude (981.11.70.20)

Cartel (Imaxe)