O concelleiro de Deportes, Francisco Bello, sinala que, ademais do programa provincial, o Concello terá tamén o seu propio programa “nunha nova aposta por promover a conciliación da veciñanza de Carral”.

Formulario
Boletín
Inscrición

O prazo de preinscrición para os campamentos deportivos da Deputación da Coruña estará aberto ata o 28 de maio. No caso de Carral, o ente provincial oferta cinco prazas para a cuarta quenda, entre o 14 e o 19 de xullo.

O concelleiro de Deportes, Francisco Bello, sinala que, ademais do programa provincial, o Concello celebrará, este verán, os seus propios campamentos “nunha nova aposta por promover a conciliación da veciñanza de Carral”. A previsión, tal e como avanza o edil, é abrir o período de inscrición para o programa a principios do mes de xuño.

Os campamentos da Deputación están dirixidos a nenos e nenas de entre 9 e 14 anos e levaranse a cabo no IES Rosalía de Mera. Os rapaces e rapazas que participen na iniciativa poderán gozar de deportes náuticos, actividades ao aire libre, dunha xornada de praia e de visitas culturais e etnográficas.

As inscricións poden tramitarse na Casa da Cultura (981 67 25 80) e no Complexo Deportivo de Carral (678 33 88 47 e en deportes@caral.es) ata o 28de maio.

Carral conmemorará o Día do Medioambiente cunha ruta de sendeirismo polos Muíños de Batán. A actividade, organizada polas asociacións Salvemos o Val de Barcia e o Monte Xalo e Brexa Custodia do Territorio en colaboración co Concello, terá lugar o vindeiro 2 de xuño.

Trátase dunha ruta de 3,45 quilómetros lineal, de dificultade media-baixa, que partirá desde A Costa da Égoa e rematará na Capela de San Pedro de Rubieiro, cunha duración aproximada de dúas horas e media.

As prazas son limitadas e as persoas interesadas deberán formalizar previamente a súa inscrición a través da ligazón habilitada para este fin ou escaneando o código QR do cartel.

As persoas participantes farán o percorrido equipadas con bolsas de lixo para poder recoller os desperdicios que estean tirados e, así, concienciar sobre a importancia de manter limpos os nosos montes.

Recomendacións para a ruta

Desde a organización recomendan levar roupa e calzado axeitado para a práctica deportiva. Ademais, tamén é recomendable levar bastón de sendeirismo e unha mochila co material preciso.

Desde a organización proporcionarán auga e froita para completar o percorrido.

O Concello de Carral publica un decreto de Alcaldía de ampliación de horario de peche dos establecementos nas festas e verbenas populares das distintas parroquias, así como na ponte da Constitución, no Nadal, Entroido e Semana Santa durante o ano 2024.

Carral celebrará, esta fin de semana, un dos seus eventos estrela. Un ano máis, o Concello e a Asociación de Panadeiros axuntarán esforzos para celebrar a Festa do Pan, unha cita que chega, neste 2024, á súa vinte edición. Para celebrar este fito histórico ao grande, o Concello e os panadeiros propuxéronse un obxectivo nesta vixésima edición: manter e mesmo superar as cifras de participación da edición de 2023. Ese ano, tomaron parte nos clásicos obradoiros infantís de elaboración de bolos máis de 2.000 pequenos e pequenas e, a maiores, contáronse por miles os bocadillos cardiosaudables despachados ao longo da fin de semana.

O Concello acolleu, esta mañá, a presentación oficial do evento, que correu a cargo do alcalde, Javier Gestal, dos concelleiros e concelleiras do goberno local, de varios representantes da Asociación de Panadeiros e dos nenos e nenas de 2º de Primaria do CEIP Plurilingüe Vicente Otero Valcárcel que elaboraron o cartel da vinte edición.

Durante a presentación, o rexedor enxalzou o labor do colectivo de panadeiros, sen “cuxo esforzo e dedicación non se tería chegado ao vinte aniversario da cita gastronómica”.

Programa do sábado

O sábado, 11 de maio, o evento comezará ás 12.00 horas coa clásica exposición, venda de pan e, por suposto, do xa clásico bocadillo cardiosaudable. A base desta delicia é, por suposto, o pan de Carral pero, a maiores, leva aceite, tomate e xamón. A esa mesma hora está previsto o inicio da feira medieval e dos talleres de elaboración de pan, unha das principais atraccións da Festa. Con todo, a música tamén acompañará ao longo da xornada inaugural. Así, o sábado, ás 12.30 horas está prevista a actuación do grupo musical Gaeloc Medieval (que realizará outro pase ás 13.30 horas). Esta agrupación dará paso, ás 14.00 horas, á sesión vermú a cargo do grupo Zona Zero.

Xa pola tarde, a partir das 16.30 horas, o alumnado do IES de Carral representará a obra Amar o mar na sala multiusos do edificio social Toñito Espiñeira (os mozos realizarán un segundo pase ás 18.30 horas). Tamén pola tarde darán comezo os talleres de olaría e haberá, ademais, un expositor Pan en 3D. Non faltarán tampouco os espectáculos de zancos e malabaristas (ás 18.30 horas) e a sesión musical de noite (desde as 21.00 horas) cos grupos Zona Cero e América S.L.

Programa do domingo

O domingo, 12 de maio, a Festa do Pan arrincará ás 11.00 horas. Xa desde o inicio comezarán a exposición e venda de pan, os talleres e a feira medieval. Ás 12.30 horas haberá unha misa e procesión en honra a San Honorato, patrón dos panadeiros, que contará coa música do Grupo de Música Tradicional Arnela. A música continuará ás 13.30 horas coa actuación de Gaeloc Medieval e seguirá ás 14.00 horas co concerto de Lume.

Louband porá o toque musical pola tarde (ás 16.30 horas). Ás 17.30 horas levarase a cabo unha exhibición de cetrería. Gaeloc Medieval (18.00 horas), Louband (18.30 horas) e Lume (20.00 horas) encargaranse de amenizar o final da vinte edición da Festa do Pan.

Durante toda a fin de semana, o Campo da Feira contará cun expositor dos centros de ensinanza de Carral e, ademais, con outro en colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro.

A Festa do Pan de Carral chegará, esta fin de semana, ao seu vinte aniversario. E para conmemoralo, o Concello está elaborando un mural para render homenaxe, non só a este produto estrela no municipio, senón tamén ao colectivo das panadeiras.

A artista Cecilia Salinas iniciou o traballo esta semana, coincidindo coa celebración da cita gastronómica. O traballo artístico parte dunha fotografía do libro Fotos para as mil historias de Carral, elaborado polo xestor cultural e técnico de Cultura do Concello, Carlos Lorenzo.

Crese que a instantánea é dunha feira de Carral dos anos 50 e, nela, pode verse un posto de venda de pan cunha panadeira e unha compradora xunto a unha nena pequena. Esta imaxe servirá de base, pero no mural incorporaranse outros elementos representativos do municipio como, por exemplo, o panteón.


A obra estase realizando nun muro sito nas proximidades do Campo da Feira, no extremo máis próximo á estrada nacional. A elección do lugar non é casualidade, xa que a escasos metros desta parede é onde se celebra, precisamente, a tradicional Festa do Pan.

Así mesmo, a previsión do goberno é bautizar o espazo como rúa das Panadeiras despois de que os veciños e veciñas elixisen este nome no Premio 8 de Marzo, a iniciativa que o Concello impulsa para conmemorar o Día da Muller. A proposta
terá que elevarse ao pleno para a súa votación.

“A forza da voz poética manifesta a súa furia a través do ritmo e da limpeza das imaxes”. Esta foi unha das razóns polas que a viguesa Silvia Penas Estévez (Vigo, 1980) se fixo co 27º Premio de Poesía do Concello de Carral. Coa súa obra A pel do exilio, a autora conquistou ao xurado de xeito unánime.

O poemario de Penas Estévez foi escollido entre un total de 94 obras presentadas, o cal supón un novo récord para este certame, que medra ano tras ano en cifras de participación. De entre todos os traballos, o xurado elixiu o da viguesa salientando o seu ritmo e a súa “vocación de mediar co mundo, traspasando o texto na procura da reflexión metapoética e identitaria”.

O xurado estivo composto polo presidente; o alcalde Javier Gestal Pose, por Inma Otero, Tamara Andrés, Ciro Briones, e actuando como secretario, con voz e sen voto, o técnico de Cultura, Carlos Lorenzo.

O premio, que conta coa colaboración anual da Xunta de Galicia, está dotado con 3.500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.

A entrega do premio Concello de Carral está prevista para o venres, 31 de maio, na Casa da Cultura e servirá, así mesmo, para presentar o libro Oídos de espeleóloga, co que Ciro Briones gañou a 26ª edición do certame. O certame carralés lévase a cabo en colaboración coa Xunta de Galicia.

Biografía da gañadora

Silvia Penas Estévez comezou a súa andadura poética no colectivo Redes Escartala. A autora colleitou varios premios e accésits ao longo da súa traxectoria profesional e, no 2010, publicou o seu primeiro poemario Biografía da multitude (en coautoría con Elvira Riveiro). Penas Estévez escribiu tamén de As uñas crecen, co que conquistou o certame Manuel Lueiro Rey de Poesía. A este séguenlle Diario de ladras, bailarinas, asasinas e flores (Premio de Poesía Avelina Valladares) e Fronteira Paraíso

A Xunta de Galicia reactivou o permiso de queimas agrícolas, así como as solicitudes de autorización para restos forestais amoreados.

Poderanse solicitar os permisos a través da Concellería de Medio Ambiente do Concello de Carral, chamando ao 012 ou a través da ligazón:

https://queimasweb.xunta.gal/queimasweb/

Consulta toda ℹ️ en: https://acortar.link/PREqG3

Consulta as datas nas que se realizarán as probas de nivel Celga!

Os exames de Celga 4, 3 e 2 terán lugar tanto en Santiago de Compostela como en Ponferrada.

A proba de Celga 1 terá lugar unicamente en Santiago, na Escola Galega de Administración Pública.

A parte escrita dará comezo ás 9:00 horas e, unha vez rematada, 🗣️ cada persoa examinada poderá consultar a hora da súa proba oral, na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística ou no centro.

CELGA 4:

18 de maio para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido comece por H, I, J, K, L, M, N, Ñ, O, P, Q, R, S, T, e U.

19 de maio para as persoas entre as letras V, W, X, Y, Z, A, B, C, D, E, F, e G.

CELGA 3:

25 de maio para todas as persoas admitidas.

CELGA 2:

26 de maio para todas as persoas admitidas.

CELGA 1:

1 de xuño, para todas as persoas admitidas.

Consulta máis información: https://acortar.link/ECFt4f

Durante a vindeira semana a Xunta comezará coa colocación de trampas para velutinas nas parroquias do Concello de Carral.

O obxectivo destas novas trampas é frear a expansión das velutinas a través da captura das avespas raíñas, que no inicio da primavera saen a construír os primeiros niños.

As localizacións dos 121 dispositivos de captura serán aquelas nas que se detectaron niños en anos anteriores.

Xa está aberta a convocatoria para a creación de novos establecementos de aloxamento e restauración.

Estas axudas están dirixidas a pequenas, medianas e grandes empresas que planeen levar a cabo un investimento para crear un novo establecemento turístico en Galicia.

Podedes consultar as bases da liña de subvención na seguinte ligazón.

https://www.xunta.gal/…/AnuncioG0256-050424-0001_gl.html