O vindeiro domingo, 24 de setembro, terá lugar unha xornada de limpeza no río Barcés. A iniciativa, organizada pola Asociación de Custodia do Territorio Brexa, realizarase entre as 10:30 e as 13:30 horas.

A actividade inclúe a limpeza dun tramo do río Barcés ao seu paso pola parroquia de Barcia.

As persoas interesadas en participar pódense inscribir contactando coa asociación a través do correo electrónico brexa.asociacion@gmail.com ou no teléfono 698 14 66 85.

O humor e a improvisación terán un gran protagonismo ao longo do mes de setembro. O Concello iniciará, esta semana, unha nova edición do ciclo Noites de Monólogo. Todas as actuacións levaranse a cabo os venres, ás 21.00 horas, no local social Xente Nova de Tabeaio, dando comezo esta mesma semana.

A primeira función terá lugar este venres, 15 de setembro, e correrá a cargo do actor e humorista, Oswaldo Digón, que chegará ao municipio con Ansia Viva. Trátase dunha comedia na que a improvisación teatral se mesturará coa música en directo do guitarrista Luis Tinaqueiro.

Antía Costas tomará o relevo o venres, 22 de setembro, con A filla do juevo. Ao longo da representación, Costas falará das súas raíces e do que supón ser do Morrazo e improvisará, ademais, cancións de diferentes estilos musicais.

A última proposta do ciclo chegará da man do dúo conformado por Mejuto & Celester. Coa actuación Non somos Carlos Blanco e Touriñán, ambos os dous abordarán os temas que afectan aos intérpretes e que se resumirán en dez frases que calquera actor ou actriz escoita ao longo da súa carreira artística.

O acceso a todas as representacións é libre e gratuíto, e farase por orde de chegada.

O Concello de Carral presenta a súa programación de escolas municipais que inclúe, un ano máis, diferentes actividades para todos os gustos e idades.

O período de inscricións abriuse hoxe, mércores, ás 09:00 horas e estará activo ata o 20 de setembro. Poderá pecharse antes se se completan todas as prazas da modalidade.

As prazas son limitadas e as solicitudes deberán presentarse preferiblemente a través do correo electrónico casadacultura@carral.es e tamén de forma presencial na Casa da Cultura de Carral.

As formacións darán comezo a primeira semana de outubro, sendo responsabilidade do alumnado informarse nas dependencias municipais das datas, horas e lugares concretos das súas actividades.

A cota xeral será de 14 euros mensuais por persoa e actividade ou de 15 euros para aquelas que inclúen tres horas semanais. O prezo da Escola de Música é de 40 euros ao mes.

Haberá bonificacións para as familias numerosas, para persoas da terceira idade ou con discapacidade e para as voluntarias de Protección Civil. Todos elas terán un desconto de tres euros ao mes por actividade.

Deportes
Atletismo, ioga, patinaxe, rítmica e judo son as modalidades ofrecidas para os máis pequenos e pequenas no pavillón do colexio. Por outra banda, deportes como equitación, baloncesto, pádel, tiro con arco e tiro olímpico serán as opcións para o público xeral.

Os adultos terán tamén á súa disposición clases de zoa e ioga. Ademais, durante este curso ofreceranse, a través do departamento de Deportes, cursos de iniciación a diferentes modalidades deportivas.

Cultura
O departamento de Cultura ofrecerá diversas actividades destacando unha formación en teares e tapices que se desenvolverá os xoves, de 17:00 a 20:00 horas, no centro de formación Antón Fraguas.

Educación
O CEIP Vicente Otero Valcárcel volverá contar con servizo de madrugadores, de 7:30 a 9:20 horas, e de conciliación, de luns a venres de 15:20 a 16:20 horas.

BOLETÍN DE INSCRICIÓN (non se aceptarán inscricións anteriores ás 9:00 do mércores 6 de setembro)

TRÍPTICO DE ACTIVIDADES

Carral volverá presumir dun dos seus produtos máis afamados, a empanada. O Concello encara a XLVIII edición da súa Festa da Empanada coa vista posta en superar a cifra de vendas de 2022, cando se despacharon 12.000 racións desta elaboración. Así o confirmou o alcalde, Javier Gestal, e os representantes dos obradoiros participantes este ano: Panadería Mercedes, Panadería Pedro Fernández, Panadería Cañás e Panadería Da Cunha.


O evento gastronómico celebrarase o xoves, 7 de setembro, e incluirá venda e degustación deste produto, actuacións musicais e un sorteo de agasallos.


Durante a presentación do evento, o rexedor sinalou que esta cita “ten un gran arraigo, non só no municipio, senón que tamén se presenta como un evento gastronómico de referencia na comarca”. Ademais, o alcalde destacou que a celebración non podería levarse a cabo “sen o enorme esforzo que realizan as panadarías, que teñen que dobrar o traballo para chegar ás cifras de venda”.


Nesta edición, a ración de empanada custará 5 euros. No caso das variedades de polbo e zamburiñas, o prezo será de 7 euros. O prezo incluirá viño por cortesía dos obradoiros. As panaderías terán tamén á venda elaboracións doces.

Ambientación musical
Boa comida, pero tamén boa música. Están previstas varias actuacións de música e baile a cargo das seguintes agrupacións: Grupo de Baile O Rueiro de Tabeaio, do Grupo Folclórico Faiscas da Pontraga e do Grupo de Música Tradicional Arnela. A festa seguirá en Carral da man das festas do Socorro. En concreto, a noite do 7 de setembro están previstas as actuacións das orquestras Os Satélites e París de Noia.

Publicada no DOG, a día 4 de setembro, a convocatoria para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 2, 3 e 4. 

O prazo para matricularse comprende do 5 ao 25 de setembro. As probas terán lugar na segunda quincena de novembro ou na primeira de decembro de 2023 en Santiago de Compostela e en Ponferrada.

Máis información no servizo de Normalización Lingüística do Concello e na páxina https://www.lingua.gal/portada. Nesta páxina tamén están dispoñibles cursos de autoformación para preparar as probas.

Consulta a información aquí.

A Concellaría de Cultura do Concello de Carral organiza para esta fin de semana o ciclo ‘Música Íntimas’, un proxecto que se levará a cabo no Edificio Social Toñito Espiñeira e que se enmarca na Rede Cultural da Deputación da Coruña e en ‘Cultura no Camiño’ de AGADIC.

En total celebraranse dúas actuacións. A primeira delas é ‘Degustación musical’, un espectáculo de Bellón Maceiras Dúo integrado por Dani Bellón e Diego Maceiras. Os artistas explorarán os timbres e posibilidades dos instrumentos de varios lugares do mundo como Galicia, Bangladesh, Xapón ou América do Sur.

Así, o público viaxará por unha ruta de composicións propias, novos arranxos para pezas tradicionais ou tamén algúns dos seus clásicos dentro dos seus 17 anos de historia.

O domingo será a quenda de Uxía e Germán Díaz que, nesta ocasión, contarán coa colaboración do guitarrista Sergio Tannus para ofrecer un show que pretende mostrar a beleza da tradición musical dos diferentes percorridos que forman o Camiño de Santiago.

Ambas as funcións serán ás 21:00 horas. A entrada é de balde ata completar aforo.

O Concello abriu o pasado 11 de agosto o período de información pública da modificación puntual das normas subsidiarias do plan nun sector do lugar de As Travesas. A aprobación inicial produciuse no pleno de marzo e, agora, os veciños e veciñas dispoñerán de dous meses para formular as súas alegacións.


Esta modificación traerá consigo varios beneficios para o Concello. Por unha banda, a consolidación do tecido empresarial existente favorecendo a creación de emprego e a fixación de poboación activa na contorna rural do Concello. Por outro, a mellora de dotacións públicas, pois a modificación inclúe a implantación de zonas verdes (14.650,60m2) e equipamentos (691,46m2), así como infraestruturas de comunicacións que mellorarán a mobilidade e a seguridade viaria ao redor da estrada autonómica AC-542 por onde discorre o Camiño Inglés. Tamén se prevén infraestruturas de servizos que, ademais de resolver as necesidades da actuación prevista, posibilitarán a extensión da rede de saneamento ata o núcleo rural de As Travesas.


O ámbito da modificación puntual ten unha superficie total de 104.984,42m2. O sector de chan urbanizable ten unha superficie de 92.449,81m2, cun índice de edificabilidade de 0,30m2/m2, que supoñen un total de 27.734,94m2 de superficie edificable máxima.

‘Auga que has de beber, non a deixes perder’. Ese é o lema central da nova campaña que o Concello pon en marcha ante a prealerta por escaseza moderada. O alcalde de Carral, Javier Gestal, sinala que tras o anuncio da Xunta faise máis necesario “concienciar á cidadanía sobre o coidado dun recurso tan prezado como é a auga”.

Ante esta situación, o Concello reducirá os baldeos e limitará a rega de zonas públicas ao estritamente necesario. A maiores, está levando a cabo varias accións informativas. Por unha banda, elaborou un bando no que se brindan recomendacións para os veciños e veciñas. Entre elas, aconséllase a revisión e reparación de billas ou tubaxes danadas para evitar perdas de auga. A maiores, suxírese priorizar os usos domésticos da auga: evitar o lavado de coches ou encher as piscinas e regar os xardíns ás últimas horas do día.

En paralelo, o Concello iniciará unha campaña para sensibilizar e concienciar do uso responsable da auga a través das canles de comunicación municipais. Con esta iniciativa, proporcionará aos usuarios e usuarias datos de interese sobre a auga, así como recomendacións para reducir o seu malgasto. 

O Concello de Carral elaborou un bando debido á declaración da prealerta por escaseza moderada de auga en Galicia. No documento recóllense algunhas recomendacións e consellos atendendo ás indicacións trasladadas pola Xunta de Galicia.

En paralelo, o Concello iniciará unha campaña para sensibilizar e concienciar do uso responsable da auga, proporcionando aos usuarios e usuarias información de interese e consellos para evitar o malgasto deste recurso.

Faise público para xeral coñecemento a listaxe de persoas que superaron o exame tipo test realizado no proceso selectivo para a contratación dun/ha auxiliar administrativo/a para o departamento de Servizos Sociais e fíxase o día, a hora e o lugar da última proba recollida nas bases que rexen a presente convocatoria.

Consulta aquí o documento.