Aos efectos do establecido no artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administraciónes Públicas, sométese a consulta pública o texto da proposta de ORDENANZA REGULADORA DO APROVEITAMENTO DE TERREOS, TANTO DE DOMINIO PÚBLICO COMA PRIVATIVOS DE USO PÚBLICO, MEDIANTE A OCUPACIÓN TEMPORAL CON TERRAZAS E INSTALACIÓNS ANÁLOGAS, ANEXAS A ESTABLECEMENTOS DE HOSTALARÍA NO CONCELLO DE CARRAL, para que no prazo de QUINCE DÍAS HÁBILES dende a publicación deste anuncio no portal web do Concello de Carral (ATÉ O DÍA 14 DE XULLO DE 2017), para que os suxeitos e as organizacións máis representativas potencialmente afectadas pola futura norma se poidan pronunciar sobre:
a).- Os problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa. (A axeitada regulación das terrazas de establecementos hostaleiros)
b).-A necesidade e oportunidade da súa aprobación. (Acreditada pola demanda de instalación de terrazas por diversos establecementos)
c).-Os obxectivos da norma.(A axeitada regulación das terrazas de establecementos hostaleiros)
d).- As posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias.
Asemade, dáse audiencia á cidadanía afectada e recábanse cantas achegas adicionais poidan facerse por outras persoas ou entidades.
Os devanditos pronunciamentos ou achegas poderán facerse chegar ao Concello de Carral por escrito presentado no rexistro xeral do Concello.
2017-6-23 Anuncio web consulta cidadanía e audiencia pública ordenanza terrazas
A Concellería de Deportes abre este fin de semana as piscinas municipais. Read more
O alcalde José Luis Fernández Mouriño inaugurará este sábado, ás 12:00 h, unha nova exposición do programa Fotos para as mil historias de Carral. Será a cuarta exposición que organice o Concello de Carral amosando antigas fotos do municipio, que os veciños prestan para incorporalas ao Arquivo Fotográfico Municipal.
A exposición está formada por 12 paneis preparados para a intemperie con case 150 fotografías, e permanecerá fronte á Casa do Concello ata despois das festas da Virxe do Socorro no mes de setembro. Así permítese que se poidan ollar as fotos en calquera momento, con imaxes de gran tamaño e durante todo o verán, o que posibilita que tanto residentes como visitantes poidan gozar da mostra.
Fotos para as mil historias de Carral é un dos programas culturais de Carral que maior éxito consegue. Con el permítese recompilar un patrimonio de gran interese para as vindeiras xeracións, á vez que se amosa ao público por diferentes vías, tales como esta exposición, libros ou a través da páxina de Facebook, que conta con seguidores desde diversos puntos do planeta. O impacto desta páxina permite que carraleses espallados por diferentes países aos que emigraron, envíen as súas imaxes para compartilas no arquivo fotográfico.
O grupo de música e baile tradicional da asociación xuvenil Xacarandaina actuará este sábado en Carral, realizando un pasarrúas desde a Praza da Capela ata o Campo da Feira, onde realizará unha mostra das súas mellores pezas.
Esta actuación organizada pola Concellería de Cultura está incluída no programa Danza 3 que promove Agadic. O pasarrúas comezará ás 11:30 h.
Xacarandaina, dirixido por Quique Peón, é un dos mellores grupos folclóricos de Galicia, cun extenso historial de actuacións por todo o mundo, e cun traballo intenso de recuperación da música, cancións e bailes tradicionais de Galicia.
A Concellería de Cultura ven de pendurar en Youtube o documental 20 anos do Premio de Poesía Concello de Carral, para que o seu visionado sexa accesible e libre.
O audiovisual, de 35 minutos de duración e elaborado pola produtora Tingalaranga, ofrece os detalles do que ten acontecido nestas dúas décadas de vida do certame, e o valor que foi adquirindo no ambiente literario galego para descubrir novos valores ou para consolidar outros xa coñecidos.
Interveñen no documental todos os escritores e escritoras premiadas, críticos literarios, algúns membros que formaron parte dos xurados, así como os responsables municipais do premios. Repásase desde como naceu a idea de crear este premio literario, ata a actualidade, no que Carral xa forma parte da literatura galega.
O documental pode verse na canle Cultura Concello de Carral en Youtube, no seguinte enlace: https://youtu.be/2wVp1xkzVoM
Na mesma canle acábase de subir tamén un vídeo cun resumo de como transcorreu o acto da 20ª edición do premio, que tivo lugar o pasado 26 de maio. No acto entregouse o premio a Xosé Luís Mosquera Camba e presentouse a publicación do libro gañador no 2016 Devalar sen pel, de Modesto Fraga. O acto pode verse no seguinte enlace: https://youtu.be/7HUkX5dAo5U
O Centro Social de Barcia acolle desde onte, no cabodano do nacemento de Luis Seoane, unha placa que homenaxea a este importante pintor, escritor e editor galego. A súa relación coa parroquia de Sumio ven dada pola familia da súa dona, Maruja.
O acto, promovido por Rosa Espiñeira e a editorial Figurando Recuerdos, coa participación da Concellería de Cultura do Concello de Carral e dos alumnos de 5º do CEIP Vicente Otero Valcárcel , consistiu no descubrimento da placa, a lectura de textos de Luis Seoane e o plantado de ruda e un dente de allo, en lembranza do libro co mesmo título. O acto titulouse Agasallo a Luis Seoane, sendo esta a súa 11ª edición, levándose a cabo as anteriores na cidade da Coruña.
No acto tamén participaron o alcalde José Luís Fernández Mouriño, a concelleira de Cultura, Margarita Ramilo, e José Martínez Romero, que fora amigo do pintor. Este último contoulle aos rapaces do colexio, detalles da vida de Luis Seoane e Maruja.
Nun acto que se desenvolveu na Casa da Cultura, o alcalde de Carral, José Luís Fernández Mouriño, entregou o 20º Premio de Poesía Concello de Carral ao autor bergondés, Xosé Luís Mosquera Camba, que xa fora premiado neste certame na súa décima edición. Na presente convocatoria gañou co poemario titulado Das árbores tropicais e do amor, que o xurado cualificou como “un poemario de grande orixinalidade que domina a tradición, mesmo a non convencional, e que recorre a unha linguaxe depurada para, a través dela, facer unha viaxe xeográfica e tamén emocional onde teñan cabida outras linguas e presenzas culturais de gran calado.”
Mosquera Camba recibiu o premio económico de 2500 euros e unha peza do escultor Miguel Couto. O seu poemario publicarase no 2018 na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.
No mesmo acto presentouse o libro gañador na pasada edición, Devalar sen pel, de Modesto Fraga. O libro, que estará dispoñible nas librarías a partir dos vindeiros días, foi presentado polo editor Miguel Anxo Fernán Vello e polo propio autor, e supón un cambio estilístico na traxectoria literaria do escritor fisterrán. É un libro escrito con voz de muller, no que repasa algunhas das principais loitas sociais e feministas que se están a dar no mundo.
O acto do 20º Premio de Poesía de Carral, que contou coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, serviu tamén para presentar o documental sobre as dúas décadas de vida deste certame, e que a partir da semana vindeira estará dispoñible para o seu libre visionado na internet.
A parte musical do acto correu a cargo do cantante portugués afincado en Galicia, Gonçalo Guerreiro, que presentou algunhas cancións do seu recente álbum titulado Ar.
A Casa da Cultura de Carral acollerá este venres, ás 20:00 h, o acto do 20º Certame de Poesía Concello de Carral, no que se lle entregará o premio a Xosé Luís Mosquera Camba por gañar esta edición co seu libro Das árbores tropicais e do amor, e no que tamén se presentará a publicación do gañador do ano pasado, Devalar sen pel do poeta fisterrán Modesto Fraga.
O acto estará presidido polo alcalde José Luis Fernández Mouriño, e contará tamén coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, do escritor e editor Miguel Anxo Fernán Vello, e de Inma Otero Varela, membro do xurado da presente edición.
O acto servirá tamén para a estrea do audiovisual que o Concello de Carral realizou para repasar estas dúas décadas da vida do certame, no que aparecen todos os premiado, así como o editor Miguel Anxo Fernán Vello, varios especialistas e escritores e escritoras que formaron parte dos xurados, o actual alcalde, o exconcelleiro de Cultura, Lois Anxo Ferreiro, que tivo a iniciativa de poñer en marcha este premio, e o técnico de Cultura municipal, Carlos Lorenzo, que foi o coordinador desde o nacemento do premio. O documental estará presente na rede a partir desta fin de semana.
A parte musical do acto correrá a cargo de Gonçalo Guerreiro, presentando temas do seu disco Ar, con temas creados a partir de poemas do escritor portugués Fernando Pessoa na súa versión orixinal. Ao igual que en todas as edicións deste premio, o Concello de Carral, grazas á colaboración da Xunta de Galicia, agasallan aos asistentes o libro que se presenta. Nesta ocasión Modesto Fraga poderá dedicarllo aos participantes no acto.
No marco desta celebración dos 20 anos do certame Concello de Carral, nos exteriores da Casa da Cultura estará ata o 8 de xuño unha exposición que revisa aos gañadores e gañadoras do premio, con datos biográficos e fragmentos da súa poesía. Tamén a Concellería de Cultura desenvolveu nos centros de ensino de Carral concursos e obradoiros de poesía, co fin de fomentar entre os máis novos, tanto a lectura como a creación poética.
A Concellería de Cultura do Concello de Carral leva a cabo unha serie de actividades que servirán para conmemorar as Letras Galegas, dedicadas este ano ao escritor Carlos Casares Mouriño.
Polas diversas dependencias da Casa da Cultura hai unha exposición dedicada a Casares, na que se explica a súa traxectoria vital e literaria. No exterior do mesmo centro cultural está instalada outra mostra que repasa os vinte anos do Certame de Poesía Concello de Carral. Esta exposición presenta aos autores e autoras que obtiveron este prestixioso galardón, con breves reseñas bibliográficas e poemas de cada un deles.
Unha terceira exposición é a que presenta as creacións do alumnado da Escola Municipal de Teares e Tapices de Carral. Na sala polivalente do edificio Toñito Espiñeira estará esta mostra ata o 28 deste mes.
A Biblioteca municipal súmase á homenaxe ás nosas letras cunha sesión de contos teatralizados. Será o xoves 18 de maio, ás 18:00 h, coa compañía Elefante Elegante, que presentará “O xigante”. Estaba anunciada outra sesión a cargo da compañía Sarabela Teatro para o día 25 de maio, mais por circunstancias imprevistas por parte da compañía, esta actuación queda adiada ao mes de outubro.
O 25 de maio entregaranse os premios dos concursos escolares de poesía e o venres 26 terá lugar o acto central do Certame de Poesía Concello de Carral, entregando o premio a Xosé Luís Mosquera Camba, presentando o libro Devalar sen pel de Modesto Fraga, presentando o documental sobre os 20 anos do premio, e coa música de Gonçalo Guerreiro.
Serán días para festexar o noso idioma e a nosa literatura cun amplo abano de actividades culturais.