Jessica Otero Trigo, da Asociación Salvemos o Val de Barcia e o Monte Xalo, converteuse na gañadora do ‘Premio 8 de marzo’, un recoñecemento outorgado grazas ás votacións dos propios veciños e veciñas. A muller é a secretaria desta entidade que leva xa dous anos loitando contra a implantación do parque eólico de As Encrobas. O Concello acolleu, esta mañá, a entrega coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Muller. O alcalde, Javier Gestal, e a edil de Servizos Sociais e Igualdade, Inmaculada Mantiñán, foron os encargados de entregar o galardón á veciña de Quembre.
A veciña amosouse “feliz” por ter recibido o premio, cuxa entrega coincidiu, ademais, co segundo aniversario da entidade. Con todo, tal e como a propia Otero Trigo recoñeceu, “yo soy la cara visible de la asociación, pero este premio no habría sido posible sin el trabajo del resto de personas que forman parte de la entidad”. Jessica é a secretaria da asociación e defínese a si mesma como unha “amante” dos animais. De feito, na propia plataforma das votacións veciñais defínena como “unha muller forte, valente, que loita polo que cre e que destaca pola súa loita a prol do coidado e da preservación da natureza e o coidado dos animais”.
Comunidade educativa
Ademais da entrega do ‘Premio 8 de Marzo’, o acto institucional desta mañá contou coa participación dunha boa representación de alumnos e alumnas do CEIP Plurilingüe Vicente Otero Valcárcel e do IES de Carral. Baixo o tema central ‘Financiar os dereitos das mulleres. Unha cuestión de dereitos humanos’, os rapaces e rapazas fixeron unha pequena introdución sobre o feminismo e, ademais, presentaron viñetas con frases escritas por eles mesmos e traballos artísticos con motivo do 8 de marzo. O acto incluíu, así mesmo, a lectura do manifesto por parte da técnico de Igualdade do Concello de Carral.