CULTURA SEGUE A OFRECER CINE E TEATRO
A Concellería de Cultura continúa cos seus ciclos de cine e de teatro con dúas ofertas moi interesantes para esta semana. O venres, ás 20:30 h na Casa da Cultura proxectarase o filme Handia, que acadou 10 premios Goya e que narra a historia real dun mozo que non deixa de medrar.
O sábado, no local Xente Nova de Tabeaio a compañía Teatro do Atlántico presentará Helena, xuízo a unha lurpia no programa Teatro de Outono de Carral. A actriz María Barcala é Helena de Troia, “a bela Helena”, a filla de Zeus e Leda, a esposa de Menelao, a amante de Paris. Estamos no século XXI. Helena xa non é “a bela Helena”, senón unha muller con certos signos que nos falan do implacable paso do tempo; malia iso mantense posuidora dunha enerxía desbordante, habitando nunha especie de tobogán emocional transitado polos intensos episodios da súa travesía vital, na que se mesturan a dor da nena violada por Teseo coa dor da esposa obrigada por Menelao; a paixón da amante namorada do fermoso Paris, co desafío e o rancor para con Zeus, o seu divino pai; a ironía ao redor de moitos dos seus contemporáneos –Aquiles, Ulises–, coa impotencia diante da crueldade da guerra… A función comeza ás 20:30 h e prégase puntualidade xa que unha vez iniciada a obra non se permitirá o acceso á sala.