FERNANDO DÍAZ FAISE COA CRONOESCALADA AO XALO
O ciclista de Arteixo conseguiu a primeira posición cun tempo de 20 minutos e 23 segundos, a 40 segundos do récord da proba.
Un total de 56 ciclistas de distintos puntos de Galicia tomaron a saída o sábado na 4ª edición da Escalada Ciclista ao Monte Xalo. Isto supuxo un incremento de máis do 200% no número de participantes respecto ao ano pasado, o que indica que a proba se vai consolidando como unha das importantes no calendario ciclista de verán.
Esta competición, organizada pola Pena Ciclista Monte Xalo coa colaboración do Concello de Carral, arrancou o sábado 8 de agosto a partir das 17.20 h. A proba iniciouse no Campo da Feira de Carral dirixíndose cara ao Monte Xalo pasando polas poboacións de Cabrois e Castelo.
Nesta ocasión o mellor tempo marcouno Fernando Díaz Souto, da A.D. Jarnachas, que competía co número 35 e parou o crono en 20 minutos e 23 segundos, lonxe, non obstante, do récord (19′ 44″) en mans do betanceiro Ramón Roel dende hai 2 anos. A proba desenvolveuse con bo tempo, pero con vento de cara nos últimos quilómetros, o que engadía dificultade á xa de por si dura ascensión de 8,5 km e pendentes máximas do 14%. Esta é unha das probas máis duras e, pola beleza da paraxe natural na que se desenvolve, ao mesmo tempo unha das máis atractiva do calendario ciclista do verán.