GRAN PARTICIPACIÓN NO XVII TORNEO DE XADREZ DE NADAL EN CARRAL.
50 xogadores tomaron parte deste xa clásico torneo do Nadal.
Este sábado, tivo lugar na Biblioteca Municipal a XVII edición do Torneo de Nadal de Xadrez organizada polo Concello de Carral. Nesta competición, xa clásica nas datas nas que nos atopamos, reuníronse un total de 50 competidores de toda a xeografía galega (Carral, A Coruña, Cambre, Arteixo, Oroso, Santiago, Pontedeume, Betanzos, Pontevedra, Lugo, etc). Estes datos veñen confirmar a consolidación desta actividade como unha das máis participativas da programación deportiva de Nadal.
O torneo iniciouse ao redor das 16.45 h e constou de 7 roldas de 10 min. por xogador cun incremento de 2 segundos. A sétima e última partida terminou ás 20.15 h, tras a cal David Suárez Rozas (Vilagarcía- Club FonteCarmoa) proclamouse campión absoluto do torneo, xusto por diante de Adolfo da Pena e José Luís Castelo Ramos (A Coruña- Clubexa). En canto á categoría sub-14 o triunfador foi Olivier Rocha González (sexto na xeral a pesar de ter só 10 anos). A segunda posición da categoría foi para Daniel Fraga (Club Arteixo), xusto por diante de Alfonso Sánchez (Club Oroso). Por último, en canto á categoría sub-10, o campión foi Alejandro
Rama Rodríguez (Club Arteixo). A segunda e terceira posición da categoría foi para Iago Allegue (Sada- Club Smyslov) e Giselle Rocha respectivamente. Finalmente, o premio ao mellor xogador local recaeu en José Fernández Lendoiro, décimo na xeral e un veterano participante deste torneo.
Ao rematar todos os encontros, fíxose entrega dos premios aos gañadores e medallas de participación a todos os menores de 10 anos.