JOSÉ GESTAL “CARDOÑA” SERÁ HOMENAXEADO NA CASA DA CULTURA
O alcalde José Luis Fernández Mouriño, a concelleira de Cultura, Margarita Ramilo Varela, e a familia de José Gestal, coñecido popularmente como Cardoña inaugurarán este venres unha vitrina que servirá para facer unha homenaxe a quen foi durante décadas o fotógrafo de Carral.
A vitrina conterá de maneira permanente unha mostra do equipo fotográfico de Cardoña, ademais de facer unha breve explicación do seu traballo. O material foi cedido pola súa
filla, Matilde Gestal, para atender un desexo do Concello de Carral de homenaxear a este querido profesional da fotografía. Na meirande parte das familias do municipio existen fotos realizadas por Cardoña, e a maioría das imaxes que forman parte do arquivo fotográfico municipal son instantáneas tiradas por el. Este arquivo é o núcleo central do programa municipal Fotos para as mil historias de Carral, que comprende tamén exposicións, publicacións e unha páxina de Facebook. Este programa desenvolto pola Concellería de Cultura ven de ser recoñecido como unha boa práctica de xestión cultural, por parte da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural e da Deputación da Coruña.
O acto de presentación da vitrina terá lugar o venres 18 de maio, ás 12:30 h, na Casa da Cultura de Carral.