MAMÁ CABRA E TANXARINA TÍTERES ANIMARÁN AS TARDES DA FIN DE SEMANA DAS FESTAS DO SOCORRO
A Concellería de Cultura do Concello de Carral programa nas festas do Socorro de Carral dous espectáculos infantís. O primeiro é un concerto do grupo Mamá Cabra, no que repasará a súa traxectoria destes 15 anos de existencia da agrupación musical que é unha das máis coñecidas dos nenos galegos. Mamá Cabra actuará o sábado 5 de setembro e é un concerto incluído na Rede Cultural da Deputación.
O domingo 6 os pequenos e os maiores da familia poderán gozar dun espectáculo de títeres a cargo da compañía galega Tanxarina, que chega a Carral coa súa veterana función Titiricircus, un espectáculo que acumula 1200 representacións. Trátase dunha lembranza fantástica e festiva do grande circo de carpa alta e bicolor: a historia de dous vellos traballadores daquel circo que lembran agora con marionetas de fíos as glorias do seu pasado na pista. Nun permanente xogo participativo co público, van aparecendo os números máis importantes daquel vello circo xa desaparecido. Esta función está incluída no programa Cultura no Camiño da Xunta de Galicia.
Ámbolos dous espectáculos terán lugar no Campo da Feira a partir das 18:00 h.