O CONCELLO ABRE O PRAZO DE SOLICITUDE DAS SÚAS BOLSAS DE ESTUDO
Os veciños e veciñas poderán tramitar desde hoxe, xoves 18 de abril, a solicitude de bolsas educativas municipais do Concello. Con esta medida, o goberno local destinará 10.000 euros dirixidos a alumnos e alumnas de diferentes etapas educativas e que estean matriculados durante o curso 2023/2024.
O obxectivo desta liña é colaborar coas familias do municipio, axudándoas a afrontar os gastos derivados dos estudos de 2º ciclo de educación infantil, educación postobrigatoria -ciclos formativos, bacharelato ou similares-, formación profesional e de estudos universitarios oficiais.
No caso de infantil, destinarase unha contía de 3.600 euros. Cada persoa beneficiaria recibirá unha cantidade mínima de 30 euros e un máximo de ata 70 euros.
Para a formación postobrigatoria e formación profesional básica, a partida será de 3.000 euros. Establécese un mínimo de 40 euros por persoa beneficiaria e un máximo de 150.
Por último, a liña dedicada a estudos universitarios ascenderá a 3.400 euros. Cada usuario poderá recibir un mínimo de 50 euros e un máximo de 200 euros.
As persoas interesadas en recibir máis información deberán contactar co departamento de Educación no teléfono 981 61 35 20.