O CONCELLO CEDE O ANTIGO COLEXIO VÍCTOR VELASCO PARA A POSTA EN MARCHA DUN CENTRO ESPECIALIZADO EN ANIMACIÓN 3D E VIDEOXOGOS

O Concello de Carral cedeu hoxe o antigo colexio Víctor Velasco para ubicar nel un espazo formativo e tecnolóxico denominado ‘AMIGA’ e no que se realizarán cursos de especialización en animación e produción en 3D ou videoxogos.

O alcalde, Javier Gestal, asinou este martes un convenio co director e produtor de cine, Xosé Zapata, que permitirá comezar a mellora das instalacións no mes de abril con vistas á súa posta en marcha en setembro, coincidindo co inicio do curso escolar.

O Víctor Velasco será o primeiro colexio especializado. en animación dixital, 3D e videoxogos, así como un espazo de coworking, en Galicia. “Existen centros como o de Imaxe e Son, ou institucións como a Universidade de A Coruña, que contan con materias enfocadas á animación, pero queremos ir un paso máis aló e poder constituír un centro especializado en tarefas que, verdadeiramente, teñen moita saída laboral”, explica o carralés Zapata, gañador dun premio Goya o pasado ano polo seu traballo The Monkeys.

O rexedor sinala que este proxecto permitirá “situar a Carral no punto de mira no campo da tecnoloxía e producción audiovisual ligada á animación 3D ou videoxogos, o que sen dúbida atraerá a empresas e traballadores deste sector ata a nosa localidade”.

AMIGA, punto de encontro para empresas e creativos

Este proxecto de dixitalización pioneiro en Galicia e no noroeste de España é posible grazas á colaboración entre o Concello de Carral e A.C. AMIGA (Animación Made in Galicia). Así, ‘AMIGA’ será o punto de encontro de empresas, creativos e institucións que promovan a innovación e o desenvolvemento da Imaxe Dixital.

O centro e o seu plan formativo presentaranse oficialmente en xullo durante Mundos Dixitais, o Congreso Internacional de Animación, Efectos Visuais e Novos Medios, que este ano celebra a súa 21ª edición.

O alumnado que se forme neste centro terá a opción de aprender de grandes profesionais como Ángel de la Cruz ou Alberto Vázquez, ademais de coñecer os pormenores da profesión a través de empresas como Lightbox Academy, produtora da película de animación Tadeo Jones.