O CONCELLO DE CARRAL ESTARÁ EN BETANZOS PROMOCIONANDO O CAMIÑO INGLÉS
Carral estará o vindeiro sábado no evento Primavera no Camiño Inglés que se levará acabo en Betanzos. Nun stand atendido por persoal da Concellería de Cultura divulgaranse os atractivos e principais valores de Carral.
O Pan de Carral e o grupo carralés de música e canto tradicional Arnela estarán presentes tamén na carpa central, cunha degustación e unha actuación pola tarde.
O evento, que terá lugar na praza Irmáns García Naveira, enmárcase na campaña “Primavera no Camiño Inglés” coa que a Deputación da Coruña pretende divulgar os múltiples atractivos etnográficos, culturais e naturais cos que conta esta ruta, que conecta Ferrol e A Coruña con Santiago de Compostela.
“O obxectivo é unir as forzas da Deputación e dos concellos para aproveitar o enorme potencial turístico e económico deste singular camiño xacobeo que discorre integramente pola provincia da Coruña” explicou o presidente provincial, Valentín González Formoso, que o sábado será o encargado da inauguración do evento, xunto ao alcalde de Betanzos, Ramón García, a directora xeral de Turismo, Nava Castro, e varios do rexedores dos municipios polos que pasa o Camiño Inglés.
No mesmo programa de promoción deste camiño, o xoves 27 de abril, ás 20:00 h. na Casa da Cultura, o xornalista e experto nas rutas xacobeas, Cristóbal Ramírez, ofrecerá unha conferencia sobre o Camiño Inglés, falando da súa historia, evolución, potencialidades e atractivos.
Folleto Primavera no Camiño Inglés