O CONCELLO DE CARRAL HOMENAXEA A JOSE ANTONIO VARELA CALVIÑO

O acto de homenaxe e recoñecemento será presidido polo alcalde, que estará acompañado de Isidoro  Hornillos, presidente da federación galega de atletismo, e un conselleiro delegado do Real Club Deportivo da Coruña.

Cartel Homenaxe Varela CalviñoO venres 22 de febreiro, ás 20.00  h, no salón de plenos do Concello, terá lugar o Acto Institucional de Homenaxe e Recoñecemento ao deportista  carralés José Antonio Varela  Calviño.

José Antonio naceu no ano 1957 na parroquia  carralesa de Barcia, e pronto empezou a despuntar no deporte. Nun primeiro momento compaxinou o fútbol e o atletismo, sendo nomeado na tempada 1973-1974 mellor deportista en fútbol e atletismo simultaneamente (algo inédito ata a data). Nesa mesma tempada adestrou en Barcelona con Antonio Prieto, José María Abascal e José Luis González, todos eles históricas figuras do atletismo español. Decantado xa cara ao lado do fútbol, Varela  Calviño militou no  R. C. Deportivo, empezando no Fabril para desde o ano 1978 ao 1981 vestir a camiseta do primeiro equipo. Terminada a súa etapa no  R. C. Deportivo, o  carralés xogou en varios equipos da provincia como o Bergantiños, o Carral ou o Cee (xa na súa fase de adestrador).

A partir de 1988 Varela  Calviño volveu ao atletismo, da man de adestradores como Antonio Postigo ou Manolo Toja. Especializouse nos maratóns e medias maratóns chegando a sumar máis de 38 participacións e moitísimos títulos, non só a nivel galego e nacional se non tamén a nivel internacional.

 

A nivel nacional, en atletismo, Varela  Calviño conseguiu:

  • 5 veces Campión de España de Maratón en diferentes categorías.
  • 3 veces Campión de España de Media Maratón en diferentes categorías.
  • 3 veces Subcampión de España de Media Maratón en diferentes categorías
  • 1 Vez Campión de España de Cross
  • 1 vez Subcampión de España de Cross.
  • 1 campión de España de 10 km

 

A nivel internacional, conseguiu:

  • 8 veces consecutivas campión de Europa de maratón para empregados de banca.
  • 2 veces subcampión de Europa para empregados de banca.
  • 1 vez terceiro en el campionato de Europa de empregados de banca.
  • 7ª en el campionato del Mundo de Maratón (Newcastle).

Retirouse en 2005 cunhas marcas ao alcance de moi poucos, 2  h, 21  min e 20  seg. na maratón e 1  h, 6  min e 23  seg. no media maratón.

 

Este acto oficial ten como finalidade a de homenaxear e recoñecer a traxectoria deportiva dunha vida dedicada ao deporte, ao esforzo e á superación de adversidades (valores todos eles intrínsecos ao deporte). Será presidido polo alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño que estará acompañado do presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro  Hornillos e un conselleiro delegado do Real Club Deportivo da Coruña.  Todos eles dirixirán unhas palabras de recoñecemento ao homenaxeado, entregándolle despois un obsequio conmemorativo. Despois será a quenda de Varela  Calviño, quen dirixirá unhas palabras aos asistentes.

Este acto será de acceso público de forma que poida acudir todo aquel que o desexe.

 

Fotos

Fotos