O DÍA DO PATÍN CUMPRE 10 ANOS EN CARRAL
A concellería de deportes agarda xuntar a máis de 150 patinadores nesta xornada festiva que xa tradicional no outono carralés.
Dentro da programación deportiva municipal, este domingo 22 de outubro o Concello de Carral, o club de patinaxe Alquimia, o Club Alquimia Inline e a asociación NorthSide, organizan o “X Día do Patín” no Complexo Cultural e Deportivo de Paleo. Este evento naceu hai xa 10 anos coa finalidade de fomentar unha práctica activa e saudable a través dunha disciplina deportiva que tantos “adictos” reúne en Carral.
Ao evento acudirán clubs, escolas, patinadores e afeccionados de toda a comarca, Culleredo, Arteixo, Laracha, A Coruña, Cambre, etc., e por suposto, Carral. Con 105 patinadores pre-inscritos, esta actividade aumenta o seu número de participantes ano tras ano. Para aqueles que non teña os seus propios patíns, desde a organización prestaránselles uns para que todo o mundo poida probar e gozar desta xornada festiva.
A actividade comezará sobre das 11.00 da mañá e prolongarase ata as 19.00 h, facendo unha pequena pausa ao mediodía para comer. Durante o día levarán a cabo actividades lúdico- formativas, como a decoración, mantemento e pintado de patíns e camisetas, proxección de campionatos da especialidade e documentais técnicos, clases de iniciación para aqueles novatos que nunca se puxeron uns patíns, xogos para os máis pequenos, elaboración de coreografías, etc.
Cabe destacar tamén que este ano contaremos coa presenza de Henrique Xoán Rodríguez Pantín (Presidente do COLEF Galicia) que impartirá unha charla sobre hábitos saudables e deporte. Nesta edición tamén presentamos novas actividades como clases de iniciación ao descenso, clases de iniciación ao Skateboard, Roller-fítness, etc., coa intención de achegar aos asistentes a gran variedade de actividades e rápida evolución que caracterizan este deporte.
A inscrición é totalmente gratuíta tanto para os clubs e escolas como para os patinadores individuais que se acheguen polo lugar.
Para máis información ou inscribirse, os interesados poden dirixirse á Casa da Cultura de Carral, no teléfono 981 672580 ou no mail deportes@carral.es.