Tag Archive for: cultura

O filme norteamericano ‘El rey del barrio’ é a próxima proposta que a Concellería de Cultura fai no seu programa Cine na Casa da Cultura.

Esta película é unha comedia dramática semiautobiográfica sobre os anos que pasou o protagonista Pete Davidson en Staten Island, incluíndo a morte do seu pai no 11-S e a súa entrada no mundo da comedia.

Para asistir á proxección, que terá lugar o venres ás 20:30h, hai que reservar entradas no 981 672 580. Son de balde.

O grupo Títeres Cachirulo presenta este xoves un espectáculo especialmente producido para nenas e nenos de entre 1 e 5 anos de idade. Güe-güe é unha obra de marionetas no que o público descubrirá nunha noite de lúa chea o que é un güe-güe.

A actuación terá lugar na sala polivalente do edificio social Toñito Espiñeira de Carral, ás 18:00 h. O aforo para este tipo de actividades é moi limitado. Cada menor deberá estar acompañado dunha única persoa adulta. Para reservar entradas hai que chamar ao 981 672 580.

Decreto de aprobación do protocolo Covid-19 para as instalacións deportivas e culturais

Co título de Un conto ao revés, Chuches Amil estará no Local Xente Nova ofrecendo un concerto para os máis pequenos da familia. Será ás 18:00 h.

Será un espectáculo de música lixeira e cantareira que axita os pes e os corpos dos cativos, e sorprenden a máis dun pai e dunha nai chimpando ritmicamente e bailando arredor da súa prole. Fran Amil instrumentaliza este concerto con voz e guitarra acústica en directo e con bases pregravadas.

Para asistir é necesario que os rapaces estean acompañados de adultos da súa familia e anotarse previamente chamando á Casa da Cultura ao 981 672 580. O aforo é limitado.

Esta é unha proposta musical organizada polo Concello de Carral incluída en Cultura no Camiño que promove a Xunta de Galicia.

O programa municipal CultuRúa entra na súa recta final con humor, música, cine e folclore.

O martes volve Pedro Brandariz á Piscina municipal con Contos e outras andrómenas. Será unha actuación para usuarios da piscina que comezará ás 18 h.

O xoves, no Campo da Feira ás 18 h, Xabi Longueirón ofrecerá o seu concerto infantil As cancións creadas na casa da miña avoa. O cine volve o sábado co éxito español dirixido por Alejandro Amenábar Mientras dure la guerra. Será no Campo da Feira ás 22 h.

A primeira edición de CultuRúa remata o domingo na feira coa actuación de Xacarandaina ás 12 h. Esta é unha actuación incluída en Danza 3 · Xacobeo 21-22.

CultuRúa naceu este ano para ofrecer no verán unha programación que se desenvolvera en espazos abertos e públicos.

O alcalde Javier Gestal e o concelleiro de Cultura Fran Bello xunto ao panel instalado no Campo da Feira

O departamento municipal de Cultura e o de Normalización Lingüística veñen de instalar en diferentes puntos de Carral paneis que ofrecen datos biográficos e da obra literaria de Xela Arias, a autora á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.

Con esta iniciativa, que xa se fixo en anos anteriores, preténdese difundir a figura da autora e o seu papel na literatura e na defensa da lingua galega.

Os paneis inclúen tamén o poema Intempériome.

O deseño dos paneis difundirase tamén a través da páxina de Facebook Cultura Carral e a do Concello de Carral. Tamén se realizaron deseños semellantes aos paneis para que circulen a través de Whatsapp e Telegram.

A Biblioteca Municipal leva a cabo este xoves a sesión mensual de contacontos teatral de animación á lectura. Trinketrinke Teatro, compañía encargada destas actividades, presenta nesta ocasión Os ratiños da caixa.

A sesión, dirixida a nenas e nenos de 4 a 8 anos, comezará ás 18:00 h. e é necesario reservar convites chamando ao 981 672 580. As localidades son limitadas atendendo ás medidas de protección contra o Covid19.

O departamento de Cultura do Concello de Carral ven de facer público o informe de avaliación da súa programación de actividades do 2020. Evidentemente os índices de asistencia víronse diminuídos pola pandemia, mais o compromiso adquirido para evitar cancelar actividades culturais púidose manter con case a totalidade da programación.

O informe lanza varias conclusións entre as que salientan que a tendencia ascendente dos niveis xerais de asistencia que se viñan producindo ata o 2019, viuse modificada pola pandemia do Covid-19, aínda que cunha redución moito menor (31%) do que podería ser previsible; que a festa do Entroido foi o evento con maior participación de público; que a metade das actividades ofertadas foron de artes escénicas e de audiovisuais; que as actividades infantís notaron un gran descenso de público; e que o último cuadrimestre concentrou tres cuartas partes da programación.

No pasado ano fixéronse por primeira vez varias accións de xeito on line, como foi un contacontos, obradoiros de macramé ou de cabazas de Samaín, un concerto, así como a emisión da xornada sobre os certames galegos de poesía.

A avaliación recolle tamén novos indicadores para valorar os obxectivos do departamento. Así, aplicouse unha clasificación ás actividades segundo o seu nivel de promoción da igualdade de xénero, obtendo niveis satisfactorios, aínda que con marxe de mellora.

As limitacións dos aforos impediu obter mellores cifras de espectadores. Aínda así, o departamento de Cultura maniféstase moi satisfeito polos niveis de asistencia de público. O compromiso adquirido no pasado abril polo Concello de Carral coa cultura, supuxo buscar novas fórmulas na oferta local, adoptando en todas as actividades estritas medidas sanitarias que garantisen a seguridade do público ante o Covid-19. A inquedanza sempre foi a saúde das persoas participantes e que o sector cultural se vira afectado o menos posible pola pandemia.

Abrir o informe de avaliación da programación cultural 2020

A pandemia esta a cambiar as nosas vidas e o Entroido e outra das nosas representacións culturais que se vai ver afectado.

Desde a Concellería de Cultura non queremos que unha das nosas tradicións máis arraigadas quede este ano no esquecemento. E para iso organizase desde este departamento un concurso “virtual” aos mellores disfraces choqueiros deste Entroido 2021 de Carral.

Para participar tes que enviarnos unha imaxe disfrazado/a de choqueiro/a a cultura@carral.es ou un whatsapp ó 674 793 475. indicando o título, un teléfono de contacto, e o nome, apelidos e idade de todos/as os/as participantes que aparecen nela.

Poderán participar todas aquelas persoas residentes no concello de Carral. Os menores de idade que participen no concurso deberán enviar a correspondente autorización, que atoparedes premendo aquí.

A participación pode ser individual ou grupal, e sempre respectando as restricións actuais pola Covid-19, polo que na imaxe só poden aparecer persoas convivintes.

Deberase detallar ademais, que é actual e do ano en curso, mediante algún elemento visible na propia imaxe (calendario, papel coa data, etc.), e non se admitirán aquelas nas que se promovan mensaxes violentas, sexistas, denigrantes ou ofensivas.

O derradeiro día para participar será o 17 de febreiro de 2021. A organización comprobará que se compren os requisitos e validará a inscrición a través dun correo electrónico coa confirmación.

O concurso establece un premio para os tres mellores imaxes, e un agasallo para todos/as os participantes. A Concellería de Cultura valorará a orixinalidade, creatividade, o aproveitamento de elementos ou accesorios usados ou creados por vos mesmos e que poñan en valor o verdadeiro e tradicional espírito choqueiro.

Todas as pezas admitidas subiranse ao Facebook de Cultura do Concello de Carral e á web municipal. Os/as participantes no concurso e os seus representantes legais, consenten automaticamente ao participar, a utilización e publicación, por parte da organización, das imaxes en calquera tipo de medio así coma a publicidade, promoción e aceptación das bases do concurso.

Para mais información podes chamar á Casa da Cultura ó 981 672 580.

Entre o 4 e o 24 de febreiro está aberto o prazo para inscribirse nos cursos preparatorios para a obtención das certificacións de lingua galega Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4.

Para a área de Carral a oferta dispoñible é a seguinte:

– Presencial ….. Celga 4: Escola Oficial de Idiomas da Coruña

– Teleformación:

– 3 cursos a nivel Galicia ………. Celga 1

– 1 curso a nivel A Coruña ……. Celga 2

– 2 cursos a nivel A Coruña ….. Celga 3

– 5 cursos a nivel A Coruña ….. Celga 4

Máis información no Portal da Lingua Galega –https://www.lingua.gal– ou no Servizo Municipal de Normalización Lingüística (Casa da Cultura – 981 672 580).