Carral abre hoxe, martes 12 de decembro, o prazo de solicitude dos campamentos de Nadal, un programa co que o Concello busca favorecer a conciliación entre as familias do municipio. O período de inscrición estará aberto ata as 14.00 h do 19 de decembro.
Como nas últimas edicións, o Concello mantén o horario ampliado destas actividades. Deste xeito, os pequenos e pequenas poderán ser atendidos entre as 7.30 ata as 16.00 horas xa que, ademais das propias actividades dos campamentos, o Concello ofrece servizos de Mañanceiro (de 7.30 a 10.00 horas) e de Xantar (de 14.00 a 16.00 horas).
Estes campamentos, dirixidos a rapaces e rapazas nados entre os anos 2013 e o 2020, terá unha temática deportiva, con especial atención aos deportes de inverno e as disciplinas locais. Ofertaranse 60 prazas, tendo preferencia os nenos e nenas empadroados ou os que acudan aos centros de ensinanza de Carral.
Para inscribrise, os veciños e veciñas poderán cubrir o boletín de inscrición dispoñible na páxina web do Concello ou, se o prefiren, cumplimentar o formulario online da web municipal.