ÚLTIMOS DÍAS PARA INSCRIBIRSE NA I CARREIRA BENÉFICA IES DE CARRAL
A organización conta con máis de 170 inscritos a falta de 2 días para o peche das listas.
O xoves 17, ás 23:59 h péchase o prazo de inscricións na I Carreira Benéfica IES de Carral. Esta proba deportiva, organizada polo concello de Carral e o IES de Carral, terá lugar na localidade carralesa durante a tarde do próximo sábado 26 de novembro.
Esta carreira popular nace co dobre obxectivo de fomentar a práctica deportiva saudable e o de recadar fondos para as saídas culturais dos alumnos e alumnas do centro educativo. Ademais, desde o departamento municipal de deportes e o departamento de educación física do Centro preténdese achegar o mundo da xestión e organización deportiva, aos alumnos de secundaria.
Os corredores están divididos en 8 categorías en función das súas idades, abarcando desde os 3 anos en diante. Así, os pitufos e prebenxamíns (2009-2013) disputarán unha distancia de 100 metros; os benxamíns (2007-2008) correrán xa os 400 metros; os alevíns (2005-2006) correrán nun circuíto de 800 metros; infantís (2003-2004) correrán ao longo de 1.600 m; cadetes (2001-2002), 2.500 m; e xuvenís (1999-2000), sénior (1976-1998) e veteranos (anteriores a 1975) que terán que percorrer unha distancia aproximada de 5.000 m. Estes percorridos discorren enteiramente por estradas do concello de Carral, transitando polos lugares de Carral, Ans e Paleo.
Os máis pequenos empezarán a correr ás 15.30 da tarde sucedéndose cada 15 minutos as seguintes categorías, ata chegar ás 17.00, momento no que está previsto que arrinquen as categorías da distancia de 5 km.
Durante o transcurso das probas deportivas, as estradas estarán cortadas ao tránsito dos vehículos por voluntarios, a policía local e protección civil. Espérase que en 3 h as vías volvan estar operativas.
Unha vez terminadas as carreiras pasaremos á entrega dos premios a cargo do concelleiro de deportes Rubén Regueira.
A inscrición vai desde os 0€ dos máis pequenos aos 5 € da proba de 5 km. Tamén é posible colaborar sen competir, xa que aqueles interesados poden participar co dorsal 0, no que o público pode doar a cantidade económica que desexe para colaborar co obxectivo da carreira. Os beneficios da carreira destinásense a financiar as saídas culturais dos alumnos e alumnas do Centro Educativo. Para formalizar a inscrición os interesados terán que dirixirse á páxina https://championchipnorte.com/ onde teñen toda a información da proba.