VINTE ALUMNOS RECIBEN FORMACIÓN SOBRE FRUTICULTURA E XARDINARÍA NO ESPAZO AGRARIO DOS CAPELOS

Vinte alumnos reciben formación na aula agraria dos Capelos

O Concello de Carral está a aproveitar ao máximo o novo espazo agrario situado no polígono industrial dos Capelos. Tanto é así, que desde o mes de outubro, unha vintena de persoas está a tomar parte no taller ‘Reserva de Biosfera: Emprego non rural’ sobre fruticultura e xardinería -dez por especialidade-.

O programa inclúe unha parte teórica -que se está impartindo nesta aula de Carral e en Abegondo- unha práctica na que o alumnado realizará diversas actuacións sobre xardinería e fruticultura en leiras e terreos dos municipios que promoven este taller.

En Carral, os participantes traballarán para crear unha zona verde no parque industrial e realizarán labores de mantemento nun xardín municipal situado no complexo deportivo de Carral.

Este taller está subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, cofinanciado polo Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social e promovido polos Concellos de Carral, Abegondo, Betanzos, Bergondo, Coirós, Oza-Cesuras e Paderne.

Inserción laboral dun 60%

A inserción laboral deste tipo de programas rolda o 60%. Así, unha vez finalizado o período formativo de nove meses, moitos alumnos atopan un traballo relacionado coa temática do curso.