XXIII TORNEO DE XADREZ DE NADAL EN CARRAL

A concellería de deportes agarda a uns 50 inscritos para este clásico torneo do 22 de decembro. 

Dentro da programación deportiva do Nadal, o Concello de Carral, organizará o domingo 22 de decembro o ” XXIII Torneo de Xadrez de Nadal”. Coa súa 23ª edición, esta competición  xadrecística está consolidada xa como un clásico dentro da programación de Nadal da Comarca.

Na anterior edición foron 62 os rexistrados de toda a contorna; Carral, A Coruña, Cambre,  Arteixo, Ordes, etc., destacando como dato importante o alto número de nenos que tomaron parte neste evento deportivo, e que agardamos repetir ou superar nesta 23ª edición.

O torneo, que se disputará no pavillón do Espiño, constará de 7 roldas, en partidas rápidas de 10  min.+3 segundos de cadencia por xogador, divididos en 4 categorías ( sub-10,  sub-14, absoluto e mellor local). Comezará ás 16.00 h e finalizará ao redor das 20.00  h, momento no que terá lugar a entrega de premios aos finalistas de cada categoría.

O obxectivo fundamental que se marca o goberno municipal coa realización deste evento deportivo é o fomento do deporte entre toda a poboación, e máis concretamente un deporte tan “minoritario” como é o xadrez.

Para todas as persoas interesadas en participar, o prazo de inscrición terminará o próximo 20 de decembro, e poden dirixirse á Casa da Cultura de Carral ou no formulario web: https://forms.gle/uDhyuWEhbR2HWDw49

Consulta o regulamento