A OMIX (oficina municipal de información xuvenil) organiza, dentro do programa EN-Acción do departamento de xuventude, un obradoiro de cociña para rapazas e rapaces de entre 10 e 15 anos.
Este será o primero entre varios que se faran de aqui o verán.
O venres 21 de febreiro a partir das 17:00 e ata as 18:30 h., no local Interxeracional, os/as participantes poderán divertirse facendo eles/as memos/as pequenas e faciles recetas que despois poderan probar.
Para esta actividade non é preciso anotarse pero si que hai un numero limitado de prazas que serán cubertas a medida que se vaia enchendo a sala na que se realizará o obradoiro.
As solicitudes do goberno local deron resultado e tres frecuencias da liña de autobús que conecta San Vicente de Vigo e o IES David Buján (de uso compartido entre o alumnado do instituto e os veciños e veciñas) incorporarán a partir do luns, 17 de febreiro, dúas novas paradas en Balbén e Taramuño.
En concreto, as frecuencias que se verán beneficiadas por este cambio serán a das 7.30 horas (de Tabeaio cara ao IES David Buján) e no sentido de volta a que discorre desde o CIFP Universidade Laboral ás 14.00 horas. Esta modificación afectará tamén á frecuencia dos luns ás 18.00 horas (desde o CIFP Universidade Laboral).
Unha petición veciñal
Ata o de agora, o autobús non pasaba por estes puntos da parroquia de San Vicente de Vigo, obrigando tanto aos veciños e veciñas como ás familias con fillos e fillas no IES David Buján a desprazarse a outras zonas para facer uso do servizo.
Para solucionar esta problemática e atender ás demandas veciñais, o goberno local solicitou unha modificación do roteiro para que se incorporasen tamén estes dous puntos. O alcalde, Javier Gestal, celebra que “a Xunta de Galicia respondese e atendese a nosa solicitude, que partiu directamente dos veciños e veciñas”.
O Concello de Carral celebrará o domingo, 2 de marzo, a súa festa de Entroido. As persoas interesadas poden consultar xa as bases do concurso de disfraces e o formulario de inscrición.
As inscricións poderán realizarse unha vez que se publique no Boletín Oficial da Provincia o extracto das bases.
Manterémosvos informados!
Aberto o prazo de inscrición para a proba de obtención da ESO para maiores de 18 anos.
Para a convocatoria de abril o período estará aberto ata o 21 de febreiro, incluído.
Para a de xuño abrirá do 31 de marzo ao 10 de abril, ambos incluídos.
As persoas matriculadas na primeira convocatoria que non superen a proba consideraranse matriculadas na segunda sen ter que presentar nova documentación.
Presenta aquí a túa solicitude.
Para axuda e asesoramento: departamento Educación Concello de Carral 678 338 872 de 9:00 a 14:00 horas.
O Concello de Carral dará comezo este vindeiro martes, 4 de febreiro, a III Liga de Pádel, que se disputará entre febreiro e xuño de 2025.
En total disputaranse máis de 80 partidos, nun torneo onde o obxectivo é fomentar a práctica lúdico-deportiva de toda a veciñanza de Carral, facilitando ademais o coñecemento e achegamento a este deporte.
Esta Liga de pádel municipal naceu no ano 2022 na que se reuniu un total de 10 parellas. No ano 2023 foron xa 16 as parellas participantes. E nesta terceira edición conseguiuse alcanzar a cifra de 24 parellas divididas en dúas categorías:
– Categoría A (nivel alto medio) con 7 parellas rexistradas.
– Categoría B (nivel medio iniciación) cun total de 17 parellas rexistradas. O formato do torneo iniciarase cunha fase de Liga na que as parellas se enfrontarán entre si segundo a categoría na que están rexistradas. Esta fase desenvolverase desde o 4 de febreiro ata o 8 de maio, disputándose os partidos os martes e xoves de cada semana. As datas e horarios dos encontros son establecidos pola organización; con todo, estes poden ser modificados de mutuo acordo entre as parellas contendentes e coa aprobación da organización. Unha vez terminen o formato de Liga, as parellas clasificaranse para o cadro eliminatorio de cada unha das categorías. Esta nova fase da competición estenderase desde o 13 de maio ao 15 de xuño.
Debido á alerta laranxa por ventos e choiva que dará comezo na madrugada de mañá domingo, 26 de xaneiro, a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia notificou a suspensión de toda actividade deportiva Federada e Xogade no exterior en todos os concellos afectados pola alerta laranxa por vento no día de mañá, afectando ao Concello de Carral.
Rogamos que se extremen as precaucións para evitar calquera risco e, ante calquera emerxencia, poñédevos en contacto co 112.
A Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia notificou a suspensión de toda actividade deportiva Federada e Xogade no exterior en todos os concellos afectados pola alerta laranxa por vento deste venres, 24 de xaneiro.
Así, quedan suspendidas todas as actividades deste tipo no Concello de Carral entre as 18:00 e as 21:00 horas de hoxe.
Tamén, a Comision Escolar de Alertas acordou a suspensión de actividades no exterior en todos os centros educativos nestas zonas de aviso, a partir das 18:00 horas de hoxe.
O pasado mércores, 15 de xaneiro, o alcalde de Carral, Javier Gestal, xunto a Santiago Campos, representante da empresa AZVASE S.L, asinaron o novo contrato para a prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Carral para os próximos dous anos.
Este novo acordo ten unha duración de 2 anos, máis un de prórroga, e conta cun orzamento de licitación de 1.543.010 euros (+4% IVE 61.720,40 euros), que suma un total de 1.604.730,40 euros.
O contrato prevé que se presten en cada un dos dous anos de vixencia 24.5000 horas pola modalidade de dependencia e 9.000 por libre concorrencia. Así, as horas totais a prestar anualmente serán de 33.500, sendo de 23,94 euros o prezo por hora.
Coa firma deste novo convenio ponse fin á prestación do servizo por parte da empresa A0 Maiores Servizos Sociais, dando paso a AZVASE. S.L.
Tras o novo acordo, o rexedor quixo “agradecer, en nome de todo o Concello de Carral, a boa disposición e xestión por parte da empresa A0 Maiores Servizos Sociais e o compromiso e bo labor do seu xerente, Miguel Angel Vilas”.
Regularización do SAF
O alcalde lembrou que, no 2019, “cando o novo equipo de goberno tomou posesión, o SAF atopábase en precario e estaba sendo prestado por catro empresas distintas. Cando chegamos, a elaboración dos pregos foi unha das nosas máximas prioridades e, xa non 2021, fomos quen de quitalo a licitación tras preto de dúas décadas sen regularizar”. O rexedor indicou que “agora cumprimos a nosa palabra de asinar un novo contrato do SAF no que ademais investirase máis que no anterior do ano 2021”.
Na mesma liña, a concelleira de Servizos Sociais, Inmaculada Mantiñán, agradece “o esforzo e o traballo que realizaron non só desde o departamento de Servizos Sociais senón tamén a inmensa implicación desde a secretaría do Concello, así como da empresa V.M asesores encargados do asesoramento técnico”.
A edil reitera “a importancia dos Servizos Sociais dentro do proxecto de Alternativa dos Veciños de Carral, uns dos departamentos máis importantes do Concello porque é o que atende a persoas en situación de dificultade e/ou vulnerabilidade”.
O Concello de Carral deu comezo esta semana a execución da segunda fase do proxecto de mellora de saneamento na parroquia de San Vicente de Vigo, concretamente no núcleo de Balbén. Proximamente tamén dará comezo nos núcleos de Ameás, Parapar e Abrigosa.
Esta actuación, con cargo ao plan provincial, é unha das prioridades marcadas para o executivo na súa folla de ruta. Así, o alcalde, Javier Gestal, destacou tras a visita ao comezo das obras que “a implantación do saneamento en todo o municipio é un dous nosos obxectivos principais desde que entramos no goberno. E con esta actuación estamos máis preto de facer realidade unha demanda histórica dos veciños e veciñas”.
Para o goberno local é unha prioridade levar o saneamento a todas as parroquias e, neste caso, o proxecto en San Vicente é un compromiso que adquiriu o rexedor coa veciñanza do lugar no seu momento.
“Desde ou ano 2010 a depuradora de San Vicente xa estaba en funcionamento e, con gobernos anteriores, non se realizou ningún tipo de actuación de saneamento na zona. Agora, despois de que este goberno local levase a cabo a primeira fase, damos comezo a esta segunda que é un pasiño máis para facer realidade ou noso obxectivo de facer chegar ou saneamento a todas as parroquias de Carral”, rematou Gestal.
Aprobación POS 2025 para gastos sociais
Doutra banda, a corporación aprobou onte en pleno, por unanimidade, o Pos+Adicional 2025 da Deputación dá Coruña, para sufragar gastos sociais extraordinarios no exercicio 2025 polo que o Concello recibirá 57.309 euros.
O destino final destes fondos será o reforzo de persoal técnico e administrativo adscrito ao departamento de Servizos Sociais e a ampliación das partidas destinadas a axudas de emerxencia a persoas soas ou familias en risco de exclusión social así ao departamento en xeral.
O Concello de Carral abre este mércores o prazo de inscrición para a III Liga de Pádel de Carral que se disputará durante estes meses de verán. Na 2ª edición desta liga foron un total de 18 parellas as rexistradass nesta competición con formato de parellas e mixto.
O torneo dará comezo o próximo 3 de febreiro estando previsto que se prolongue ata o 15 de xuño. Nas primeiras semanas disputarase unha fase de liguiña por grupos, de cuxas clasificacións sairá o cadro eliminatorio. Os partidos disputaranse en horario de serán, podendo modificarse os horarios sempre co acordo entre as parellas enfrontadas.
O obxectivo desta competición é o fomento do deporte entre a poboación adulta, así como posibilitar a práctica de novas modalidades deportivas aos habitantes de carraleses. Por iso, a participación no torneo terá un custo reducido.
Para todas aquelas parellas que desexen máis información ou inscribirse, poden facelo entre o 15 e o 24 de xaneiro, no Complexo Deportivo de Carral, no 678.33.88.47 ou a través do formulario web habilitado para tal fin: https://forms.gle/uKSexGHLRa6cGdut5